Ir ó contido

A BIBLIA CAMBIOULLES A VIDA

“O delito e o amor ós cartos trouxéronme moitas dores”

“O delito e o amor ós cartos trouxéronme moitas dores”
  • Ano de nacemento: 1974

  • País de orixe: Albania

  • Outros datos: Foi ladrón, narcotraficante e estivo no cárcere

O MEU PASADO

 Nacín en Tirana, a capital de Albania. A miña familia era pobre, pero meu pai era un home honrado que traballaba moitas horas para coidar dos seus. Inda así, apenas tiñamos o suficiente para sobrevivir. Eu era só un neno, pero decatábame de que eramos pobres e iso enchíame de tristura. Durante boa parte da miña nenez, non tiven calzado e ás veces pasei fame.

 Comecei a roubar dende ben pequeno. Pensaba que así axudaría a miña familia. Co tempo, a policía pilloume. Así que, en 1988, cando tiña 14 anos, meu pai mandoume a un reformatorio. Alí pasei dous anos e aprendín a ser soldador. A miña idea era vivir de xeito honrado ó saír, pero non fun quen de atopar traballo. Había moito desemprego por mor das turbulencias políticas que atravesaba Albania. Sentinme moi frustrado. Comecei a andar outra vez cos meus vellos amigos e volvín ós roubos. Finalmente, arrestáronnos e fomos condenados a tres anos de cárcere.

 Tras saír da cadea, continuei delinquindo. A economía albanesa colapsara e o país estaba sumido no caos. Durante aqueles tempos tan revoltos, fixen moitos cartos en actividades ilícitas. Despois dun roubo a man armada no que arrestaron a dous dos meus cómplices, fuxín do país para escapar dunha longa condena de prisión. Daquela eu xa estaba casado con Julinda e tiñamos un meniño.

 Acabamos en Inglaterra. Eu tiña tódalas intencións de comezar unha vida nova coa miña muller mailo meu fillo. Pero érame moi difícil abandonar o ladroízo porque tiña este hábito moi arraigado. Axiña estiven involucrado outra vez na delincuencia. Desta volta metinme no tráfico de drogas; un negocio no que manexaba unha manchea de cartos.

 Como se sentiu Julinda cando me involucrei no narcotráfico? Ela mesma di: “Medrei en Albania soñando con escapar da pobreza. Estaba disposta a calquera cousa para ter unha vida mellor. Pensaba que o diñeiro melloraría a nosa vida, así que lle dei todo o meu apoio a Artan nos seus manexos, roubos e tráfico de drogas. Valíame todo con tal de facer cartos”.

“Dei todo o meu apoio a Artan nos seus manexos, roubos e tráfico de drogas.” —Julinda

 En 2002 as nosas vidas, plans e soños de termos cartos acabaron de súpeto cando me pillaron levando un grande alixo de droga e fun parar outra vez no cárcere.

O EFECTO DA BIBLIA NA MIÑA VIDA

 A Biblia xa tiña influencia na miña vida ata antes de me decatar eu diso. Julinda coñecera as testemuñas de Xehová no ano 2000 e comezara a estudar a Biblia. A min non me interesaba porque me parecía aburrido analizar a Biblia. Pero a Julinda encantáballe. Ela explica o porqué: “Eu viña dunha familia relixiosa, e gustábame e respectaba a Biblia. Sempre quixen saber o que realmente ensina, así que me encantou estudala coas testemuñas de Xehová. Moitas das ensinanzas da Biblia parecíanme moi lóxicas. O que aprendín axudoume a facer cambios na miña forma de vivir. Así a todo, non mudou moito o meu xeito de ver os cartos... ata que prenderon a Artan. Iso deume un toque de atención. De súpeto caín na conta de que a Biblia ten razón no que di sobre o diñeiro. Fixemos de todo para sermos ricos pero iso non che nos trouxo felicidade ningunha. Entón decateime que precisaba levar á práctica todo o que Deus nos ensina”.

 En 2004 saín do cárcere e axiña tentei volver a traficar con drogas. Pero a actitude de Julinda xa era outra. Quedei de pedra cando me dixo: “Xa non quero o teu diñeiro. O que quero é que meu home estea comigo, e que o pai dos meus fillos estea aquí con eles”. Canta razón che tiña! Levaba anos lonxe dos meus. Tamén pensei en todo canto sufrira por mor de facer cartos de tantos xeitos ilegais. Así que me resolvín a cambiar e deixar de andar cos meus amigos.

 O que máis me axudou a tomar esta decisión foi acompañar a miña muller e mailos meus dous fillos a unha reunión das testemuñas de Xehová. Impresionoume a xente sincera e amable que alí coñecín. Finalmente, comecei a estudar a Biblia.

Adoitaba pensar que amasando moitos cartos seriamos felices

 Na Biblia aprendín que “a raíz de tódolos males é a avaricia: algúns, dominados por ela, . . . envulláronse a si mesmos en moitas dores” (1 Timoteo 6:9, 10). Que ben che experimentara eu a certeza deste texto bíblico! Lamentei con moita amargura as consecuencias da miña vida anterior e o dano que nos causara a min e mailos meus (Gálatas 6:7). Cando caín na conta de canto nos queren Xehová e seu Fillo, Xesucristo, comecei a cambiar a miña personalidade. Empecei a pensar menos en min e máis nos demais, e iso incluíu pasar máis tempo coa miña familia.

OS BENEFICIOS

 Véucheme moi ben seguir este consello da Biblia: “Que o voso comportamento sexa sen cobizas contentándovos co que tedes” (Hebreos 13:5, AGL). Agora teño paz e a conciencia tranquila. Isto deume unha enorme ledicia que nunca antes sentira. O meu matrimonio vai moito mellor e a miña familia está máis unida.

 Adoitaba pensar que amasando moitos cartos seriamos felices. Agora véxoo clariño: o delito e o amor ós cartos trouxéronme moitas dores. É certo que non somos ricos, pero atopamos algo moitísimo máis valioso: a amizade con Xehová. Adoralo xuntos como familia fainos verdadeiramente felices.

Coa miña familia nun congreso das Testemuñas de Xehová