Ir ó contido

Que aspecto tiña Xesús?

Que aspecto tiña Xesús?

O que di a Biblia

 Ninguén sabe con exactitude que aspecto tiña Xesús porque na Biblia non se describe a súa aparencia. Isto mostra que as características físicas de Xesús non eran importantes. Con todo, a Biblia dános algunhas ideas de como era a súa aparencia.

  •   Características físicas: Xesús era xudeu e probablemente herdase os trazos comúns semíticos da súa nai (Hebreos 7:14). Ó parecer non tiña trazos especialmente distintivos. Por exemplo, en certa ocasión foi quen de viaxar en segredo dende Galilea ata Xerusalén sen ser recoñecido (Xoán 7:10, 11). Parece que tampouco destacaba entre os seus discípulos máis próximos. É por iso que Xudas Iscariote tivo que identificar a Xesús cando acompañou unha multitude armada que ía arrestalo (Mateo 26:47-49).

  •   Cabelo: É moi pouco probable que Xesús tivese o cabelo longo porque a Biblia di: “É unha deshonra para o home deixar medra-lo pelo” (1 Corintios 11:14).

  •   Barba: Xesús tiña barba. El seguía a Lei dos xudeus que dicía: “Non [...] recortaréde-la barba polos lados” (Levítico 19:27; Gálatas 4:4). Tamén se menciona a barba de Xesús nunha profecía que falaba sobre os sufrimentos que ía pasar (Isaías 50:6).

  •   Corpo: Todo indica que Xesús era un home forte. Durante o seu ministerio viaxou moitos quilómetros (Mateo 9:35). En dúas ocasións botou fóra do templo de Xerusalén os cambiadores de moedas tirándolles as mesas. E unha das veces fixo un látego de cordas e botou tamén os animais que había alí (Lucas 19:45, 46; Xoán 2:14, 15). A Cyclopedia de McClintock e Strong di: “Todo o que lemos nos evanxeos indica que [Xesús] tiña un corpo forte e san” (volume IV, páxina 884).

  •   Expresións faciais: Xesús era cariñoso e compasivo e seguro que as súas expresións faciais reflectían esas calidades (Mateo 11:28, 29). Xente de toda clase acudía a el en busca de consolo e axuda (Lucas 5:12, 13; 7:37, 38). Ata os nenos se sentían a gusto cando estaban con el (Mateo 19:13-15; Marcos 9:35-37).

Ideas equivocadas sobre o aspecto de Xesús

 Idea equivocada: Algúns din que Xesús tiña que ser de raza negra porque o libro da Apocalipse compara o seu pelo a la e os seus pés a bronce (Apocalipse 1:14, 15, AGL).

 Realidade: O libro da Apocalipse está presentado “en sinais” (Apocalipse 1:1, TNM). Nel descríbese o seu pelo e os seus pés usando linguaxe simbólica para ilustrar as calidades de Xesús despois da súa resurrección, non para describir a súa aparencia física cando estivo na Terra. Cando di que “a súa cabeza e os seus cabelos eran brancos coma a lá branca, coma a neve” está usando a cor, e non a textura, para representar a sabedoría que dan os anos (Apocalipse 1:14; 3:14). Este versículo non está a comparar a textura do pelo de Xesús coa la, igual que tampouco está a comparar a textura do seu pelo coa neve.

 Ademais, nesta visión menciónase que “os seus pés eran semellantes ó bronce cando está na forxa ardendo” (Apocalipse 1:15, AGL). E tamén di que a súa cara “resplandecíalle coma o sol cando dá con toda a súa forza” (Apocalipse 1:16). Como non se pode asociar ningunha raza coa cor desta descrición, é evidente que esta visión ten que ser simbólica. Representa a Xesús resucitado habitando “nunha luz inaccesible” (1 Timoteo 6:16).

 Idea equivocada: Xesús era débil e fráxil.

 Realidade: Xesús era un home forte e moi valente. Por exemplo, non tivo medo de identificarse diante dunha multitude armada que viña arrestalo (Xoán 18:4-8). Xesús tamén tiña que ter moita forza física para traballar de carpinteiro, un traballo que implicaba o uso de ferramentas manuais (Marcos 6:3).

 Entón, por que necesitou axuda para levar o seu madeiro de tormento? E por que morreu antes que os outros que foran executados canda el? (Lucas 23:26; Xoán 19:31-33) Xusto antes de que o matasen, o seu corpo estaba moi debilitado. Estivera toda a noite esperto, en gran parte polo enorme sufrimento emocional que estaba a pasar (Lucas 22:42-44). Ademais, durante a noite, foi maltratado polos xudeus e, á mañá seguinte, torturado polos romanos (Mateo 26:67, 68; Xoán 19:1-3). Poida que todos estes factores acelerasen a súa morte.

 Idea equivocada: Xesús sempre estaba triste e melancólico.

 Realidade: Xesús reflectiu á perfección as calidades do seu pai celestial, Xehová, a quen a Biblia describe coma o “Deus feliz” (1 Timoteo 1:11, TNM; Xoán 14:9). De feito, Xesús ensinoulles a outros o que tiñan que facer para ser felices (Mateo 5:3-9; Lucas 11:28). Todo isto indica que Xesús adoitaba estar contento, e iso notábaselle na cara.