ESTADE SEMPRE VIXIANTES!
Os políticos advirten da chegada do Harmaguedón. O que di a Biblia
Na mañá do luns 10 de outubro de 2022, varias cidades de Ucraína foron alcanzadas por mísiles rusos en resposta á grande explosión que tivo lugar dous días antes e que danou unha ponte de vital importancia entre Crimea e Rusia. Estes acontecementos producíronse inmediatamente despois de que os políticos advertisen que poderiamos estarnos enfrontando ó Harmaguedón.
“Non estabamos tan cerca do Harmaguedón dende [o presidente dos Estados Unidos John F.] Kennedy e a crise dos mísiles de Cuba. [...] Non penso que sexa posible usar unha arma nuclear sen causar o Harmaguedón” (Joe Biden, presidente dos Estados Unidos, 6 de outubro de 2022).
“Estou de acordo en que isto é o Harmaguedón, todo o planeta está en perigo” (Volódimir Zelenski, presidente de Ucraína, cando se lle preguntou sobre as consecuencias de usar armas nucleares, 8 de outubro de 2022, BBC News).
Pode levarnos ó Harmaguedón o uso de armas nucleares? Que di a Biblia?
Serán as armas nucleares a causa do Harmaguedón?
Non. O termo Harmaguedón só se atopa unha vez na Biblia, en Apocalipse 16:16. Esta palabra non se refire a unha guerra entre nacións, senón á guerra entre Deus e “os reis de toda a terra” (Apocalipse 16:14). Deus usará a guerra de Harmaguedón para acabar cos gobernos humanos (Daniel 2:44).
Para saber máis sobre que significará o Harmaguedón para a Terra, le o artigo “Que é a guerra de Harmaguedón?”.
Destruirá unha guerra nuclear a Terra e os seus habitantes?
Non. Aínda que os gobernantes humanos usen armas nucleares no futuro, Deus non permitirá que a Terra sexa destruída. A Biblia afirma:
“A terra sempre queda” (Eclesiastés 1:4).
“Os xustos herdarán a terra e habitarán nela para sempre” (Salmo 37:29).
Con todo, tanto as profecías da Biblia como os acontecementos actuais indican que se aproximan grandes cambios para a humanidade (Mateo 24:3-7; 2 Timoteo 3:1-5). Descubre o que di a Biblia acerca do futuro por medio dun curso da Biblia interactivo.