COMO SE USAN AS TÚAS DOAZÓNS
Unha caixiña chea de alimento espiritual
1 DE SETEMBRO DE 2020
As Testemuñas de Xehová recibimos máis alimento espiritual en formato dixital ca nunca antes. Con todo, en moitas partes do mundo, os nosos irmáns non poden pagar unha liña de Internet. Outros viven en zonas nas que a liña leva pouca velocidade, córtase con frecuencia ou mesmo non existe.
Como é posible entón que moitos dos nosos irmáns xa poidan descargar publicacións dixitais mesmo sen ter unha conexión a Internet?
Empregando a JW Box. Esta é unha pequena caixiña que se lles envía ás congregacións onde o acceso a Internet é limitado. Contén un encamiñador, ou router, mercado a unha empresa, un software feito en Betel polo Departamento de Informática, e publicacións dixitais e vídeos dispoñibles en jw.org. Cada unha das caixiñas custa ó redor de 64 euros.
No Salón do Reino, os irmáns poden conectar os seus dispositivos móbiles á JW Box por wifi e logo descargar as publicacións e mailos vídeos. Incluso poden facelo con dispositivos móbiles máis antigos ou baratos. Como se mantén a JW Box actualizada nas congregacións nas que non hai Internet? A sucursal envía cada certo tempo memorias USB, que custan uns 3,40 euros cada unha, con contido novo tirado de jw.org para cargar a JW Box.
Como axudaron as JW Box os nosos irmáns? Nathan Adruandra, un pai que vive na República Democrática do Congo, explica: “Botei moito tempo intentando descargar os dramas bíblicos “Oh, Jehová, en ti confío” e Acuérdense de la esposa de Lot pero nunca fun quen de conseguilo. Aquilo desanimábame moito. Agora si podo descargar estes vídeos no meu teléfono, e isto axúdanos ós pais a ensinar mellor os nosos fillos”.
Un irmán que axuda a configurar as JW Box en Nixeria comenta: “Os irmáns ven estas caixiñas coma un regalo especial de Xehová. Están moi felices de poder descargar as publicacións e mailos vídeos das ferramentas básicas de ensino de xeito sinxelo”.
Xa se lles mandaron máis de 1.700 JW Box ós nosos irmáns de África, Oceanía e América do Sur, e hai plans de mandárllelas a moitas outras congregacións. De onde veñen os cartos para este proxecto? Das doazóns para a obra mundial, moitas das cales se fan a través de donate.jw.org. Graciñas polas túas xenerosas doazóns.