A BIBLIA CAMBIOULLES A VIDA
Impresionáronme as respostas claras e lóxicas que contén a Biblia
ANO DE NACEMENTO: 1948
PAÍS DE ORIXE: HUNGRÍA
OUTROS DATOS: BUSCABA CON ANSIA A RESPOSTA ÁS PREGUNTAS IMPORTANTES DA VIDA
O MEU PASADO
Nacín en Székesfehérvár, unha cidade de Hungría con máis de mil anos de historia. Por desgraza, teño gravados na miña mente os estragos que fixo alí a Segunda Guerra Mundial.
Pasei case toda a miña infancia cos meus avós. Recórdoos con moito cariño, sobre todo a miña avoa, Elisabeth. Ela ensinoume a crer en Deus. Dende os tres anos, repetía con ela a oración do nosopai tódalas noites. Aínda así, non entendín o significado desa oración ata que tiven case 30 anos.
Meus pais traballaban día e noite tratando de aforrar para comprar unha casa decente. Pero dous sábados ó mes xuntabámonos todos para comer. Recordo con moito cariño aquelas ocasións en familia.
En 1958, o soño dos meus pais fíxose realidade e conseguiron comprar unha casa. Por fin podería vivir con eles! Estaba eufórico, pero a felicidade non me durou moito. Tan só seis meses despois, meu pai morreu de cáncer.
Quedei desfeito. Recordo que lle orei a Deus e lle dixen: “Supliqueiche que salvases a papá. Faime moita falta! Por que non me escoitaches?”. Estaba desesperado por saber onde estaba meu pai. Preguntábame: “Estará no ceo? Ou iríase para sempre?”. Sentía envexa dos nenos que aínda tiñan o seu pai.
Por anos fun ó cemiterio case tódolos días. Axeonllábame diante da tumba do meu pai e oraba: “Por favor, Deus, necesito saber onde está papá”. Tamén lle pedía que me axudase a entender cal era o sentido da vida.
Ós 13 anos decidín aprender alemán pensando que podería atopar as respostas que buscaba nos moitos libros que hai nesa lingua. En 1967 fun estudar á cidade de Jena, que formaba parte da antiga República Democrática Alemá. Lin con ansia as obras dos filósofos alemáns, sobre todo as que falan das razóns da existencia humana. Pero, aínda que atopei algunhas ideas interesantes, ningunha me satisfixo por completo. Así que seguín pedíndolle a Deus que me axudase a atopar respostas.
O EFECTO DA BIBLIA NA MIÑA VIDA
En 1970 volvín a Hungría e alí coñecín a que chegaría a ser a miña muller, Rose. Daquela, Hungría estaba baixo un réxime comunista. Pouco despois de casar, fuximos a Austria. O noso obxectivo era emigrar a Sydney, en Australia, onde vivía un tío meu.
Ó pouco tempo atopei traballo en Austria. Un bo día, un compañeiro de traballo díxome que podía encontrar resposta a tódalas miñas preguntas na Biblia e deume dous libros que falaban dela. Linos dunha sentada, pero quería saber máis. Así que lles escribín ás Testemuñas de Xehová, que eran os editores dos libros, para pedirlles máis publicacións.
Xusto o día do noso primeiro aniversario visitounos unha testemuña de Xehová de Austria. Tróuxome as publicacións que solicitara e ofreceume un curso da Biblia e acepteino. Tiña moitas ganas de aprender, así que estudabamos dúas veces por semana, e cada sesión duraba unhas catro horas!
Estaba moi emocionado polo que as testemuñas de Xehová me ensinaban coa Biblia. Cando me mostraron na miña Biblia húngara que o nome de Deus é Xehová, case non o podía crer. Levaba 27 anos indo á igrexa e nin unha soa vez escoitara ese nome. Impresionáronme as respostas claras e lóxicas que contén a Biblia. Unha das cousas que aprendín foi que os mortos están inconscientes, coma se estivesen profundamente durmidos (Eclesiastés 9:5, 10; Xoán 11:11-15). Tamén descubrín a promesa de que haberá un mundo novo no que “a morte xa non existirá máis” (Apocalipse 21:3, 4). Agora confío en que “haberá resurrección” e que poderei ver de novo a meu pai nese novo mundo (Feitos 24:15).
Rose apoioume en todo momento e os dous progresamos rapidamente. Terminamos de estudar a publicación en tan só dous meses! Tamén asistiamos a tódalas reunións no Salón do Reino. Quedamos moi impresionados polo amor, a hospitalidade e a unidade que había entre as testemuñas de Xehová (Xoán 13:34, 35).
En 1976 recibimos permiso para entrar en Australia. En canto chegamos, buscamos as testemuñas de Xehová. Os irmáns fixéronnos sentir como en casa e, en 1978, nós tamén nos bautizamos coma testemuñas de Xehová.
OS BENEFICIOS
Finalmente encontrei a resposta ás preguntas que me atormentaran por tanto tempo. Ademais, agora teño o mellor pai que existe: Xehová (Santiago 4:8). E tamén teño a esperanza de volver ver o meu pai biolóxico no Paraíso que Deus prometeu (Xoán 5:28, 29).
En 1989 Rose e mais eu decidimos volver a Hungría para falarlles da nosa fe ós nosos familiares, amigos e outros coñecidos. Tivemos o privilexio de ensinarlles sobre a Biblia a centos de persoas. Máis de setenta chegaron a ser testemuñas de Xehová, entre elas a miña querida nai.
Pasei 17 anos orando a Deus e pedíndolle respostas ás miñas preguntas. Hoxe, 39 anos despois de atopalas, continúo orando, pero agora dígolle: “Grazas, querido Pai celestial, por contestar as oracións que che fixen cando era novo”.