Ir ó contido

Ir ó índice

UNHA CONVERSA CUNHA TESTEMUÑA DE XEHOVÁ

Cando empezou a gobernar o Reino de Deus? (Parte 1)

Cando empezou a gobernar o Reino de Deus? (Parte 1)

A seguinte é unha conversa típica que unha testemuña de Xehová podería ter cun dos seus veciños. Imaxinemos que Carlos é a testemuña de Xehová e Ramón o veciño a quen visita.

SEGUIDE BUSCANDO O COÑECEMENTO

Carlos: Pois a verdade é que me gusta moito falar contigo da Biblia, Ramón. * Da última vez preguntáchesme sobre o Reino de Deus e por que as testemuñas de Xehová cremos que empezou a gobernar en 1914.

Ramón: Si, é que estaba a ler unha das vosas publicacións e dicía que o Reino de Deus comezou a gobernar nese ano. E a verdade é que me chamou a atención. Dixéchesme que tódalas vosas crenzas están baseadas na Biblia, non?

Carlos: Si, todiñas.

Ramón: Pois eu lin a Biblia completa e non lembro que en ningún sitio se mencione o ano 1914. Tamén fun a Internet e busquei “1914” nunha Biblia en liña e non me saíu ningún resultado.

Carlos: Entendo o que dis. Pero antes de explicarcho quero felicitarte por dúas cousas. Primeiro, por ler a Biblia completa. Nótase que a valoras moito.

Ramón: Si que a valoro, si. Para min non hai outro libro mellor.

Carlos: Estou de acordo contigo. E, por outro lado, quero felicitarte por acudir á mesma Biblia para intentar atopar a resposta á túa pregunta. Fixeches xusto o que a Biblia di que fagamos, seguir buscando o coñecemento. * Iso é moi boa cousa.

Ramón: Grazas. É que quero seguir aprendendo. De feito, púxenme a investigar un pouquiño máis e atopei algo sobre o ano 1914 no libro que estamos estudando. Relaciónao co soño que tivo un rei. No soño había unha árbore moi grande que cortan e despois volve medrar, ou algo así...

Carlos: Ai, si. Falas da profecía do capítulo 4 de Daniel. Alí explica un soño que tivo o rei Nabucodonosor de Babilonia.

Ramón: Iso! Pois lin esa profecía varias veces pero, aínda así, non entendín que ten que ver co Reino de Deus nin co ano 1914.

Carlos: Normal, non te preocupes. O certo é que nin Daniel mesmo entendeu o cumprimento exacto daquela profecía.

Ramón: Que me dis?

Carlos: Si. Mira o que escribiu en Daniel 12:8. Dixo: “Eu oín, pero non cheguei a comprender”.

Ramón: Vaia, entón non son o único. Xa me sinto un pouco mellor.

Carlos: Sabes por que lle pasou iso a Daniel? Porque aínda non era o momento indicado por Deus para que se entendesen aquelas palabras. Pero agora si que o é, e podemos entender o que significan.

Ramón: E iso por que?

Carlos: Fíxate no que di o versículo seguinte. En Daniel 12:9 lemos: “Estas cousas son secretas, e quedan seladas deica o momento final”. Así que estas profecías entenderíanse tempo despois, no “momento final” ou nos últimos días dos que fala a Biblia. Máis adiante, no teu curso da Biblia, verás probas que demostran que estamos a vivir nese tempo. *

Ramón: Vale. Entón, poderías explicarme o que significa esta profecía?

Carlos: Vouno intentar.

O SOÑO DE NABUCODONOSOR

Carlos: Primeiro imos repasar brevemente o que viu o rei Nabucodonosor no seu soño e despois falamos do seu significado, vale?

Ramón: Perfecto.

Carlos: Pois o que viu foi unha árbore enorme que chegaba ata o ceo. Entón, escoitou como un mensaxeiro de Deus mandou cortar a árbore de xeito que só quedase a cepa. Despois dun período de sete tempos, a árbore volveu medrar. * Inicialmente esta profecía cumpriuse no mesmo rei Nabucodonosor. El era un rei moi poderoso, era coma a árbore do soño que chegaba ata o ceo. Pero, en certo sentido, tamén o cortaron durante sete tempos. Lembras o que lle pasou?

Ramón: Pois... non, non lembro.

Carlos: Non te preocupes. A Biblia di que toleou da cabeza por sete anos. Durante ese tempo, non puido gobernar como rei. Ó rematar os sete tempos, Nabucodonosor recuperou o xuízo e empezou a gobernar outra vez. *

Ramón: Vale, ata agora penso que te sigo. Pero, que ten que ver todo iso co Reino de Deus e co ano 1914?

Carlos: Pois dito de maneira sinxela: esta profecía tivo dous cumprimentos. O primeiro cumprimento foi cando se interrompeu a gobernación do rei Nabucodonosor. E o segundo cumprimento está relacionado coa interrupción da gobernación de Deus, e polo tanto ten que ver co Reino de Deus.

Ramón: E como sabes que esta profecía tivo un segundo cumprimento?

Carlos: Porque a profecía xa nos dá algunhas pistas. En Daniel 4:14 (4:17, TNM) di que a profecía é “para que todo ser vivente recoñeza que o Altísimo é o dono da realeza humana, que lla dá a quen lle comprace”. Fixácheste que di “o dono da realeza humana”?

Ramón: Si, di que “o Altísimo é o dono da realeza humana”.

Carlos: Exacto. E a quen cres que se refire aquí cando di “o Altísimo”?

Ramón: Pois entendo que está a falar de Deus, non?

Carlos: Correcto. Iso indícanos que esta profecía non tiña que ver só con Nabucodonosor. Tamén estaba relacionada con que a xente recoñecese que Deus “é o dono da realeza humana”, é dicir, ten que ver co goberno de Deus sobre a humanidade. De feito, isto encaixa co resto da profecía.

Ramón: Que queres dicir?

O TEMA CENTRAL DO LIBRO DE DANIEL

Carlos: No libro de Daniel hai un tema que se repite unha e outra vez. Fálase moito de cando o Reino de Deus goberne con Xesús como Rei. Podemos ver un exemplo dous capítulos antes, en Daniel 2:44. Poderías lelo?

Ramón: Si. Di: “No tempo deses reis, o Deus do ceo suscitará un reino que endexamais non será derrubado nin cederá o poder a outro pobo; máis aínda: destruirá e acabará con todos estes reinos, e el subsistirá para sempre”.

Carlos: Grazas. Dirías que este versículo está falando sobre o Reino de Deus?

Ramón: Pois non estou seguro.

Carlos: Fala dun reino que “subsistirá para sempre”. Quen, á parte de Deus, podería ter un reino que durase tanto tempo?

Ramón: Ninguén.

Carlos: Claro. Imos ver agora outra profecía do libro de Daniel que tamén fala sobre o Reino de Deus. Está en Daniel 7:13, 14. Falando dun futuro rei, a profecía di: “Foille outorgado poder, maxestade e imperio, e servírono tódolos pobos, nacións e linguas. O seu poder é un poder eterno, que non pasará nunca, e o seu reino endexamais non será destruído”. Sóache que algunha destas expresións estea relacionada co que estamos a falar?

Ramón: Si, menciona un reino.

Carlos: Exacto. E non un reino calquera. Fíxate que di que ten autoridade sobre “tódolos pobos, nacións e linguas”. Noutras palabras, este Reino goberna sobre toda a Terra.

Ramón: Ah, non me dera conta. Pero é certo.

Carlos: Ademais, fíxate que di que “o seu poder é un poder eterno, que non pasará nunca, e o seu reino endexamais non será destruído”. Pensas que esta profecía se parece á que lemos antes en Daniel 2:44?

Ramón: Pois si, bastante.

Carlos: Fagamos un breve repaso do que falamos ata agora. A profecía do capítulo 4 de Daniel mostra que o Altísimo goberna sobre toda a humanidade. Isto indica que a profecía ten un cumprimento maior, non se limita ó lle pasou a Nabucodonosor. Por outro lado, en todo o libro de Daniel atopamos profecías que falan sobre o momento no que o Reino de Deus comezaría a gobernar, con Xesús como Rei. Cres que é lóxico pensar que esta profecía do capítulo 4 de Daniel tamén fale sobre o Reino de Deus?

Ramón: Pois si, ten sentido. Pero sigo sen verlle a conexión co ano 1914.

“QUE PASEN POR ELA SETE TEMPOS”

Carlos: Vale, volvamos ó rei Nabucodonosor. Dixemos que no primeiro cumprimento da profecía el é a árbore. Que a árbore fose cortada significa que a súa gobernación foi interrompida. Isto durou un período de sete tempos, durante o cal Nabucodonosor toleou da cabeza. Ó final deses sete tempos recobrou o xuízo e volveu ser rei. No segundo cumprimento da profecía, o goberno de Deus tamén é interrompido, aínda que neste caso non é porque Deus fixese nada malo.

Ramón: Que queres dicir?

Carlos: En tempos bíblicos, dicíase que os reis de Israel sentaban no “trono de Iavé”. * Isto quería dicir que eran representantes de Deus. Así que, cando un rei de Israel gobernaba, en realidade estaba representando o goberno de Deus. Pero, co tempo, a maioría deses reis desobedeceu a Deus e o mesmo fixo a maioría dos seus súbditos. Por culpa diso, Deus permitiu que Babilonia conquistase Israel no ano 607 antes da nosa era. Así que nese ano deixou de haber reis que representasen a Xehová en Xerusalén, a capital do reino. Por así dicilo, o goberno de Deus quedou interrompido. Ata aquí ben?

Ramón: Si.

Carlos: Así que ese ano, o 607 antes da nosa era, marcou o comezo deses sete tempos nos que a gobernación de Deus quedou interrompida. Cando eses sete tempos remataron, Deus nomeou un novo rei como o seu representante, pero esta vez fíxoo no ceo. As outras profecías que lemos en Daniel tamén se cumpriron ó final dese período. Entón, a pregunta é: cando remataron eses sete tempos?

Ramón: Pois déixame adiviñar... En 1914?

Carlos: Pois si, acertaches.

Ramón: Pero, como chegas a esa conclusión?

Carlos: Ben, durante o seu ministerio, Xesús dixo que eses sete tempos aínda non remataran. * Así que estamos falando dun período moi, moi longo. Os sete tempos comezaron varios séculos antes de vir Xesús á Terra e continuaron moitos séculos despois de que el volvese ó ceo. Ademais, se lembras, antes dixemos que as profecías de Daniel non se entenderían ata o “momento final”, ou os últimos días. * É interesante que, a finais do século XIX, un grupo de estudantes sinceros da Biblia quixo investigar a fondo esta e outras profecías. Pouco a pouco foron entendendo que os sete tempos rematarían en 1914. E o que pasou no mundo despois confirma que nese ano comezou a reinar no ceo o Reino de Deus e que empezou un período chamado os últimos días, ou o tempo da fin. Se cadra é moita información de golpe, Ramón...

Ramón: Creo que si. Vou ter que repasala para entendela ben.

Carlos: Normal. A min tamén me levou un tempiño encaixar tódalas pezas. Pero espero que a nosa conversa che axudase a ver que todo o que dicimos as testemuñas de Xehová sobre o Reino de Deus está baseado no que di a Biblia.

Ramón: Si, iso téñoo claro. E a verdade é que sempre me impresionou canto confiades no que di a Biblia.

Carlos: E vexo que a ti tamén che gustaría ter esa mesma confianza. Pero, como che dixen, é moita información xunta, e seguro que tes moitas preguntas. Por exemplo, dixemos que os sete tempos comezaron no ano 607 antes da nosa era e que están directamente relacionados co Reino de Deus. Pero, por que dicimos que remataron en 1914? *

Ramón: Si, iso non o teño claro.

Carlos: Pois a mesma Biblia nos axuda a saber canto duraron eses sete tempos. Se queres, falamos diso o próximo día. Que che parece? *

Ramón: Ah, pois paréceme moi ben.

Hai algún tema da Biblia que che gustaría entender mellor? Queres saber máis sobre o que cren as testemuñas de Xehová? Se é así, non dubides en falar con elas. Estarán encantadas de responder as túas preguntas.

^ As testemuñas de Xehová ofrecen cursos gratuítos nos que se analiza a Biblia por temas.

^ Proverbios 2:3-5.

^ Mira o capítulo 9 do libro Que nos ensina a Biblia?, publicado polas testemuñas de Xehová e dispoñible en jw.org.

^ Daniel 4:10-14, nota (4:13-17, TNM)

^ Daniel 4:17-33 (4:20-36, TNM)

^ 1 Crónicas 29:23.

^ Na súa profecía sobre os últimos días, Xesús dixo: “Xerusalén [que representa o goberno de Deus] será pisada polas nacións ata que se cumpran os tempos sinalados das nacións” (Lucas 21:24, TNM). Así que, cando Xesús estivo na Terra, o goberno do Reino de Deus estaba interrompido, e continuou así ata que empezaron os últimos días.

^ Daniel 12:9.

^ Mira a Nota 22 nas páxinas 217 a 220 do libro Que nos ensina a Biblia?, dispoñible en jw.org.

^ O próximo artigo desta serie analizará algúns versículos da Biblia que explican canto duran os sete tempos.