TEMA DE PORTADA | MENTIRAS QUE NOS APARTAN DE DEUS
Por que a algúns lles resulta difícil amar a Deus?
“Amara-lo Señor, o teu Deus, con todo o teu corazón, con toda a túa alma e con todo o teu entendemento. Este é o mandamento primeiro e máis grande.” (Xesucristo, ano 33) *
A moitas persoas cústalles amar a Deus porque pensan que é misterioso, distante ou ata cruel. Fíxate no que algunhas persoas din:
“Aínda que lle pedía axuda a Deus, sentía que estaba moi lonxe de min, que era inaccesible. Víao como algo abstracto e sen sentimentos” (Marco, Italia).
“Quería servir a Deus, pero parecíame que estaba moi lonxe de min. Considerábao un Deus severo que só quere castigarnos. Non cría que nos amase” (Rosa, Guatemala).
“Cando era unha nena cría que Deus só se fixaba nos nosos erros para castigarnos. Despois empecei a velo como alguén distante, coma un primeiro ministro que goberna sen preocuparse pola xente” (Raymonde, O Canadá).
Ti que pensas? É imposible amar a Deus? Os cristiáns levan séculos facéndose esta pregunta. De feito, na Idade Media a maioría das persoas non oraba a Deus. Por que? Porque lle tiñan medo. O historiador Will Durant di: “Como podía un simple pecador atreverse a dirixir as súas pregarias a un trono tan afastado e terrible?”.
Que levou a xente a ter unha opinión así de Deus? Que ensina realmente a Biblia? Sería máis doado querelo se soubésemos a verdade sobre el?