Ir ó contido

A Biblia cambioulles a vida

A Biblia cambioulles a vida

A Biblia cambioulles a vida

COMO encontrou o verdadeiro sentido da vida unha muller nova cunha infancia tráxica? Que motivou un violento rebelde político a converterse nun pacífico ministro relixioso? Deixemos que eles mesmos nos dean a resposta.

“Estaba desesperada por encontrar amor e cariño” (INNA LEZHNINA)

ANO DE NACEMENTO: 1981

PAÍS DE ORIXE: RUSIA

OUTROS DATOS: INFANCIA TRÁXICA

O MEU PASADO. Os meus pais eran xordos e eu tamén nacín xorda. Os primeiros seis anos da miña vida foron felices, pero despois, o meu pai e a miña nai divorciáronse. Aínda que eu era moi pequena, sabía o que iso implicaba e foi moi duro para min. Despois do divorcio, o meu pai e o meu irmán maior quedáronse en Troitsk e a miña nai levoume vivir con ela a Cheliabinsk. Co tempo, ela volveu casar. O meu padrasto era alcohólico, e a miúdo pegábanos a miña nai e mais a min.

En 1993, o meu querido irmán maior morreu afogado. Aquilo foi un golpe moi duro para a nosa familia. A miña nai tamén comezou a beber alcohol e a maltratarme. Entón, comecei a buscar unha vida mellor. Estaba desesperada por encontrar amor e cariño. Busquei consolo en diferentes relixións, pero non o atopei en ningunha.

O EFECTO DA BIBLIA NA MIÑA VIDA. Cando tiña 13 anos, unha compañeira de clase que era testemuña de Xehová, contoume algunhas historias bíblicas. Desfrutaba aprendendo de personaxes como Noé e Xob, que serviron a Deus a pesar de ter circunstancias difíciles. En pouco tempo, xa estaba estudando a Biblia coas testemuñas de Xehová e asistindo ás súas reunións.

O meu curso da Biblia axudoume a coñecer as fermosas verdades que contén. Conmoveume saber que Deus ten un nome (Isaías 42:8). Quedei impresionada ó ver a exactitude coa que a Biblia predixo as condicións que existirían nos últimos días (2 Timoteo 3:1-5). E foi moi emocionante coñecer a esperanza da resurrección. Imaxínate! Volvería ver o meu irmán! (Xoán 5:28, 29).

Agora ben, non todo o mundo compartía a miña alegría. Á miña nai e ó meu padrasto non lles gustaban as testemuñas de Xehová e insistíanme para que deixase de estudar a Biblia. Pero eu apreciaba moito o que estaba aprendendo e non pensaba renderme.

Non foi fácil aguantar a oposición da miña familia. Aínda por riba, sufrín outra traxedia: o meu irmán máis novo, que me acompañaba ás reunións, tamén morreu afogado. Pero, as testemuñas de Xehová sempre estiveron ó meu lado. Nelas atopei o amor e o cariño que estivera buscando toda a miña vida. Iso convenceume de que esta é a relixión verdadeira. Así que en 1996 bauticeime como testemuña de Xehová.

OS BENEFICIOS. Xa levo seis anos casada cun home marabilloso chamado Dimitri. Servimos xuntos na sucursal das testemuñas de Xehová en San Petersburgo. Co tempo, a actitude dos meus pais cara ás miñas crenzas foi mellorando.

Estou moi agradecida por coñecer a Xehová! Servilo deulle verdadeiro sentido á miña vida.

“Tiña moitas preguntas na cabeza” (RAUDEL RODRÍGUEZ RODRÍGUEZ)

ANO DE NACEMENTO: 1959

PAÍS DE ORIXE: CUBA

OUTROS DATOS: REBELDE POLÍTICO

O MEU PASADO. Nacín na Habana (Cuba) e crieime nun barrio pobre onde as pelexas na rúa eran habituais. Co tempo, comecei a interesarme polo judo e outros deportes de combate.

Como era bo estudante, os meus pais animáronme a ir á universidade. Alí, empecei a crer que o sistema político do meu país tiña que cambiar e decidín rebelarme contra o goberno. Un compañeiro e mais eu atacamos un policía para roubarlle a pistola. Na pelexa causámoslle varias feridas graves na cabeza e como resultado detivéronnos e sentenciáronnos a morrer fusilados. Só tiña 20 anos e xa estaba a punto de morrer!

Cando estaba só na miña cela, ensaiaba como me ía comportar diante do pelotón de fusilamento. Non quería que parecese que tiña medo. Pero ó mesmo tempo empecei a facerme moitas preguntas como: “Por que hai tanta inxustiza no mundo? É esta vida todo canto hai?”.

O EFECTO DA BIBLIA NA MIÑA VIDA. Co tempo, conmutáronnos a pena de morte por unha condena a 30 anos de prisión. Foi nesa época cando coñecín algunhas testemuñas de Xehová que estaban presas polas súas crenzas relixiosas. Impresionoume moito o seu comportamento porque eran valentes pero dun xeito pacífico. Aínda que foran condenados inxustamente, non estaban enfadados nin amargados.

As testemuñas de Xehová ensináronme que Deus ten un propósito para a humanidade. Mostráronme coa Biblia que el vai converter a Terra nun paraíso onde non haberá delitos nin inxustizas, cheo de persoas boas que terán a oportunidade de vivir para sempre en condicións perfectas (Salmo 37:29).

Gustábame moito o que estaba aprendendo coas testemuñas de Xehová, pero a miña forma de ser non se parecía moito á deles. Pensaba que eu non sería capaz de ser neutral en cuestións políticas ou poñer a outra meixela. Así que decidín ler a Biblia pola miña conta. Cando rematei, deime conta de que as testemuñas de Xehová son as únicas persoas que se comportan coma os primeiros cristiáns.

Ó estudar a Biblia, comprendín que tiña que facer algúns cambios radicais na miña vida. Por exemplo, tiña que cambiar a miña forma de falar, pois adoitaba dicir moitos xuramentos. Tamén debía deixar de fumar e de tomar partido en asuntos políticos. Non foi fácil facer eses cambios, pero pouco a pouco conseguino grazas á axuda de Xehová.

Unha das cousas máis difíciles para min foi aprender a controlar o meu xenio. De feito, aínda hoxe teño que pedirlle a Xehová que me dea autocontrol. Un dos textos que me axudou moito foi Proverbios 16:32, que di: “Máis vale o temperado heroe e quen domina a paixón có que conquire unha vila”.

En 1991, bauticeime como testemuña de Xehová no cárcere, nun barril de auga. O ano seguinte, algúns prisioneiros fomos liberados e enviados a España porque tiñamos familiares alí. En canto cheguei, empecei a asistir ás reunións das testemuñas de Xehová. Recibíronme como se me coñecesen de sempre e axudáronme a comezar unha nova vida.

OS BENEFICIOS. Son un home feliz servindo a Deus coa miña muller e as miñas fillas. Teño o privilexio de dedicar a maior parte do meu tempo a ensinar as verdades da Biblia a outras persoas. Ás veces, recordo cando estiven a piques de morrer sendo novo e estou moi agradecido por todo o que teño agora. Non só estou vivo, tamén teño unha esperanza. Estou desexando que chegue o Paraíso que Deus prometeu no que haberá xustiza e “a morte xa non existirá máis” (Apocalipse 21:3, 4).

[Frase destacada]

“Conmoveume saber que Deus ten un nome”

[Imaxe]

O meu marido e mais eu desfrutamos compartindo publicacións en lingua de signos cos xordos