Ir ó contido

Ir ó índice

ARTIGO DE ESTUDO 10

CANCIÓN sn 26 Anda con Deus

Imitemos a maneira de pensar de Xehová e Xesús

Imitemos a maneira de pensar de Xehová e Xesús

“Xa que Cristo sufriu na carne, armádevos vós tamén da mesma actitude mental” (1 PED. 4:1, TNM).

OBXECTIVO

Ver o que aprendeu Pedro sobre a maneira de pensar de Xesús e o que podemos aprender nós.

1, 2. Que implica amar a Xehová, e como nos puxo Xesús o exemplo?

 XESÚS explicou que o mandamento máis importante da Lei mosaica era o seguinte: “Ama a Xehová o teu Deus con todo o teu corazón, con toda a túa alma, con tódalas túas forzas e con toda a túa mente” (Luc. 10:27). Así que debemos amar a Xehová con todo o que somos e con todo o que temos. Isto inclúe os nosos desexos, emocións e forzas. Pero amar a Xehová tamén ten que ver con como usamos a nosa mente, é dicir, a nosa maneira de pensar. O noso amor por el impúlsanos a imitar a súa forma de pensar. Por suposto, nunca poderemos entendela por completo. Pero comprenderémola mellor estudando a “mente de Cristo”, porque el imitou á perfección a maneira de pensar de seu Pai (1 Cor. 2:16, TNM; ver tamén a nota de estudo “nosotros sí tenemos la mente de Cristo”, nwtsty-S).

2 Xesús amaba a Xehová con toda a súa mente. Sabía o que seu Pai esperaba del e estivo disposto a facelo aínda que iso implicase sufrir. Ó estar centrado en facer a vontade de seu Pai, non permitiu que nada o distraese desa meta.

3. Que aprendeu o apóstolo Pedro de Xesús, e que animou os cristiáns a facer? (1 Pedro 4:1, TNM).

3 Pedro e os demais apóstolos tiveron o privilexio de pasar tempo con Xesús e de aprender como pensaba. Cando Pedro escribiu a súa primeira carta inspirada, animou os cristiáns a armarse coa mesma actitude mental que Cristo (le 1 Pedro 4:1, TNM). Ó usar a palabra armádevos, Pedro estaba utilizando unha expresión militar. Así que, se os cristiáns imitaban a actitude mental de Xesús, ou a súa maneira de pensar, estarían equipados cunha arma moi poderosa na súa loita contra o desexo de facer o que está mal e contra o mundo dominado por Satanás (2 Cor. 10:3-5; Ef. 6:12).

4. Que imos ver neste artigo?

4 Neste artigo analizaremos a maneira de pensar de Xesús e veremos como imitala. Descubriremos como podemos 1) imitar a maneira de pensar de Xehová, 2) ser humildes e 3) ter bo xuízo.

IMITA A MANEIRA DE PENSAR DE XEHOVÁ

5. Nunha ocasión, como non imitou Pedro a maneira de pensar de Xehová?

5 Vexamos unha ocasión na que Pedro non imitou a maneira de pensar de Xehová. Xesús dixéralles ós seus apóstolos que tería que ir a Xerusalén, onde sería entregado ós líderes relixiosos, torturado e asasinado (Mat. 16:21). A Pedro quizais se lle fixo difícil aceptar o feito de que Xehová permitise que Xesús, o Mesías prometido que salvaría o pobo de Deus, fose executado (Mat. 16:16). Por iso Pedro levou a Xesús á parte e díxolle: “Señor, non sexas tan duro contigo mesmo! Iso nunca che vai pasar a ti” (Mat. 16:22). Como Pedro non imitou a maneira de pensar de Xehová, non estaba de acordo con Xesús.

6. Como demostrou Xesús que a súa maneira de pensar estaba de acordo coa de Xehová?

6 A maneira de pensar de Xesús estaba totalmente de acordo coa de seu Pai celestial. Por iso lle dixo a Pedro: “Ponte detrás de min, Satanás! Es un estorbo no meu camiño, porque non estás pensando igual que Deus senón igual que os homes” (Mat. 16:23). Xesús sabía que para facer a vontade de Xehová tiña que sufrir e morrer. Por iso rechazou o consello de Pedro, aínda que este seguramente llo dera con boas intencións. Nesta ocasión, o apóstolo aprendeu que tiña que pensar igual que Deus, e esta tamén é unha lección moi importante para nós.

7. Como demostrou Pedro co tempo que quería axustar a súa maneira de pensar á de Xehová? (Ver a imaxe).

7 Co tempo, Pedro demostrou que quería estar en sintonía coa maneira de pensar de Xehová. Chegara o momento de que os xentís incircuncisos puidesen formar parte do pobo de Deus. A Pedro asignóuselle predicar a Cornelio, quen sería un dos primeiros xentís en chegar a ser cristián. Como os xudeus normalmente evitaban calquera trato cos xentís, non nos sorprende que Pedro necesitase axuda para prepararse para esta asignación. Cando chegou a entender cal era a vontade de Xehová, axustou o seu punto de vista. Por iso non se negou cando Cornelio lle pediu que fose onda el (Feit. 10:28, 29). Predicoulles a este home e ós da súa casa, e eles bautizáronse (Feit. 10:21-23, 34, 35, 44-48).

Pedro entrando na casa de Cornelio (ver o parágrafo 7).


8. Como podemos demostrar que a nosa maneira de pensar está de acordo coa de Xehová? (1 Pedro 3:8).

8 Anos máis tarde, Pedro díxolles ós cristiáns: “Andade todos de acordo” (le 1 Pedro 3:8). Podemos estar de acordo cos nosos irmáns se imitamos a maneira de pensar de Xehová, sobre a que aprendemos na Biblia. Por exemplo, Xesús animou os seus seguidores a poñer o Reino en primeiro lugar na súa vida (Mat. 6:33). Tendo isto en conta, un publicador da nosa congregación podería decidir servir a Xehová como pioneiro ou noutra faceta do tempo completo. En vez de suxerirlle que escolla un estilo de vida menos sacrificado, deberiamos falarlle de maneira positiva sobre a súa meta e ofrecernos para axudarlle.

SÉ HUMILDE

9, 10. Como demostrou Xesús que era moi humilde?

9 A noite antes de morrer, Xesús ensinoulles a Pedro e outros apóstolos unha importante lección de humildade. Antes, Xesús pedíralles a Pedro e a Xoán que fixesen algúns preparativos para a última cea que celebraría con todos eles. Unha das cousas que probablemente terían que facer era asegurarse de que houbese unha palangana e toallas para que se lles puidesen lavar os pés ós invitados antes da cea. Pero, quen se encargaría desta humilde tarefa cando chegase o momento?

10 Sen dubidar nin por un instante, Xesús demostrou unha humildade extraordinaria. Para sorpresa dos seus apóstolos, fixo algo que normalmente faría un servo. Xesús quitouse o manto, atou unha toalla á cintura, botou auga na palangana e empezou a lavarlles os pés (Xoán 13:4, 5). Posiblemente lle levou un tempo facerlles isto ós 12 apóstolos. Incluso llos lavou a Xudás, quen ía traizoalo. Pero Xesús foi humilde e cumpriu con esta tarefa. Despois explicou con paciencia: “Entendedes o que vos fixen? Vós chamádesme Mestre e Señor, e tedes razón, porque o son. Así que se eu, que son o Señor e o Mestre, vos lavei os pés a vós, vós tamén tedes que lavarvos os pés uns ós outros” (Xoán 13:12-14).

A verdadeira humildade está relacionada cos nosos pensamentos máis profundos

11. Como demostrou Pedro que aprendera a ser humilde? (1 Pedro 5:5) (Ver tamén a imaxe).

11 Pedro aprendeu da humildade de Xesús. Despois de que Xesús volvese ó ceo, Pedro fixo un milagre no que curou un home que estaba coxo de nacemento (Feit. 1:8, 9; 3:2, 6-8). Claro, cando toda a xente que había alí viu este milagre, rodeou a Pedro (Feit. 3:11). Pero el non quixo a atención daquelas persoas, a pesar de que viña dunha cultura na que á xente lle preocupaba moito destacar. Máis ben, foi humilde e desviou a atención cara á Xehová e Xesús dicindo: “Por medio do [...] nome [de Xesús] e pola nosa fe no seu nome, este home que vedes e coñecedes recuperou a forza” (Feit. 3:12-16). Máis adiante, Pedro escribiulles unha carta ós cristiáns sobre a necesidade de ser humildes. No idioma orixinal usou unhas palabras que transmiten a idea de “vestirse de humildade”, coma se fose unha peza de roupa. Isto recórdanos a cando Xesús atou a toalla á cintura para lavarlles os pés ós seus apóstolos (le 1 Pedro 5:5).

Despois de facer un milagre, Pedro deulle humildemente o mérito a Xehová e a Xesús. Nós tamén podemos demostrar humildade facendo cousas boas sen esperar recoñecemento nin recompensas (ver os parágrafos 11 e 12).


12. Igual ca Pedro, como podemos seguir cultivando humildade?

12 Podemos seguir o exemplo de Pedro cultivando humildade. Recordemos que ser humildes implica máis que simplemente usar certas palabras coas que aparentemos selo. A expresión que utilizou Pedro, pensar humilde, significa que esta cualidade está relacionada cos nosos pensamentos máis profundos. Facemos cousas polos demais porque amamos a Xehová e as persoas, non porque queiramos que nos admiren. Estaremos demostrando que somos humildes se servimos a Deus e lles axudamos ós nosos irmáns con alegría, sen importar se os nosos esforzos pasan desapercibidos ou non (Mat. 6:1-4).

TEN “BO XUÍZO”

13. Explica que é ter “bo xuízo”.

13 Que implica ter “bo xuízo”? (1 Ped. 4:7, TNM) Un cristián que ten bo xuízo fai todo o posible por tomar boas decisións que demostren a maneira de pensar de Xehová. Este cristián sabe que non existe nada máis importante que a súa relación con Deus. Ten un punto de vista equilibrado sobre si mesmo e recoñece que non o sabe todo. Ademais, demostra que confía en Xehová pedíndolle a miúdo con humildade a súa guía en oración. a

14. Nunha ocasión, como demostrou Pedro falta de confianza en Xehová?

14 Na última noite antes da súa morte, Xesús deulles a seguinte advertencia ós seus discípulos: “Esta noite todos fallaredes por culpa do que me vai pasar”. Entón Pedro respondeulle con seguridade: “Aínda que tódolos demais fallen por culpa do que che vai pasar, eu non fallarei nunca”. Aquela mesma noite, Xesús avisou algúns dos seus discípulos: “Mantédevos despertos e orade constantemente” (Mat. 26:31, 33, 41). Se Pedro seguise este consello é posible que máis tarde tivese o valor de recoñecer que era discípulo de Xesús. Pero finalmente dixo que non o coñecía, e isto foi algo do que despois se arrepentiu moitísimo (Mat. 26:69-75).

15. Como mantivo Xesús o bo xuízo durante a súa última noite como humano?

15 Xesús confiou por completo en Xehová e, aínda que era perfecto, oroulle constantemente. Isto deulle o valor que necesitaba para actuar de acordo coa vontade do seu Pai (Mat. 26:39, 42, 44; Xoán 18:4, 5). Seguro que Pedro nunca esqueceu que Xesús orase unha e outra vez durante a súa última noite antes de morrer.

16. Como demostrou Pedro que cultivara bo xuízo? (1 Pedro 4:7, TNM).

16 Co tempo, Pedro aprendeu a acudir máis a Xehová en oración. Cando Xesús resucitou, aseguroulles a el e ós outros apóstolos que recibirían espírito santo para que puidesen predicar as boas noticias. Pero pediulles que quedasen en Xerusalén ata que iso sucedese (Luc. 24:49; Feit. 1:4, 5). Que fixo Pedro mentres esperaba? Tanto el coma os outros cristiáns “non deixaban de orar” (Feit. 1:13, 14). Máis tarde, na súa primeira carta, Pedro animou os cristiáns a que seguisen orando e a ter bo xuízo (le 1 Pedro 4:7, TNM). Co tempo, este apóstolo aprendeu a confiar en Xehová e chegou a ser un pilar na congregación (Gál. 2:9).

17. Que necesitamos seguir facendo? (Ver tamén a imaxe).

17 Para ter bo xuízo temos que orarlle a miúdo a Xehová pedíndolle a súa guía. Sabemos que isto é necesario aínda que o que teñamos que facer nos pareza fácil. Así que cando temos que tomar decisións, sobre todo se son importantes, orámoslle a Xehová para que nos dea a súa guía confiando en que el sabe o que é mellor para nós.

Pedro aprendeu a demostrar a súa confianza en Xehová por medio da oración. Nós tamén podemos ter bo xuízo se oramos a Xehová pedíndolle axuda, sobre todo cando temos que tomar decisións importantes (ver o parágrafo 17). b


18. Que podemos facer para que a nosa maneira de pensar se pareza máis á de Xehová?

18 Que agradecidos estamos de que Xehová nos crease coa capacidade de imitar as súas cualidades (Xén. 1:26). Por suposto, non podemos facelo á perfección (Is. 55:9). Pero, igual que Pedro, queremos seguir imitando a maneira de pensar de Xehová, continuar sendo humildes e esforzarnos por ter bo xuízo.

CANCIÓN sjj 30 Meu amigo, meu Deus, meu Pai

a Para saber máis sobre o que significa ter bo xuízo, busca en jw.org ou na aplicación JW Library® o artigo “2 Timoteo 1:7 | ‘Dios no nos ha dado un espíritu de temor’” dos “Textos bíblicos explicados” e le o parágrafo baixo o tema “Buen juicio” (dispoñible en español).

b DESCRICIÓN DA IMAXE: Unha irmá orando en silencio mentres espera para facer unha entrevista de traballo.