Ir ó contido

Ir ó índice

O que nos di o Universo

O que nos di o Universo

O Universo segue asombrando os astrónomos. Nunca antes tiveran ferramentas tan boas para estudalo. Que descubriron?

O Universo está organizado. Un artigo da revista Astronomy di: “As galaxias non están espalladas de maneira aleatoria polo ceo, senón que seguen un modelo parecido ó dunha rede”. Como é isto posible? Os científicos cren que o segredo pode estar nunha materia invisible coñecida como materia escura. Díxose que a materia escura é “unha especie de andamio invisible sobre o que [...] as galaxias, os cúmulos de galaxias e os supercúmulos de galaxias [...] se aliñan e sosteñen”. a

Como é que o Universo está tan ben organizado? Que probabilidades hai de que esta orde fose resultado da casualidade? Allan Sandage, un dos astrónomos máis importantes e influentes do século vinte, cría en Deus e comentou:

“Opino que é moi pouco probable que tal orde xurdise do caos. Algo tivo que ordenalo”. b

O Universo está perfectamente axustado para que haxa vida. Pensa no que os científicos chaman a interacción nuclear débil. Esta forza mantén o Sol ardendo a un ritmo constante. Se fose máis débil, o Sol nunca se tería formado. E se fose máis forte, xa tería desaparecido hai moito tempo.

Hai moitas forzas e leis no Universo que están axustadas de maneira exacta para que poidamos vivir. O escritor científico Anil Ananthaswamy di que, se tan só unha delas fose diferente, “as estrelas, os planetas e as galaxias nunca se terían formado. Sería totalmente imposible que existise a vida”. c

O Universo ten un fogar perfecto para os humanos. A Terra está equipada coa atmosfera correcta, coa cantidade de auga exacta e cunha lúa do tamaño perfecto para mantela estable. National Geographic di: “Esta complicada mestura de xeoloxía, ecoloxía e bioloxía fai que a estraña roca [a Terra] na que vivimos sexa o único planeta, de todos cantos hai ó noso alcance, no que os humanos podemos vivir”. d

Segundo un experto, o noso sistema solar está “no medio do nada” dentro da nosa galaxia. e Pero é grazas a iso que a vida na Terra é posible. Se vivísemos máis cerca doutras estrelas, xa fose no medio da galaxia ou nun dos seus brazos espirais, a radiación poñería en perigo a nosa vida. Pero nós estamos xusto no que algúns científicos chaman a zona de habitabilidade galáctica.

Baseándose no seu coñecemento científico sobre o Universo e as súas propiedades, o físico Paul Davies chegou á seguinte conclusión: “Non podo crer que a nosa existencia neste Universo fose un capricho do destino, un accidente histórico, un incidente fortuíto no gran drama cósmico [...]. Realmente estabamos destinados a estar aquí”. f Davies non ensina que Deus crease o Universo e os humanos. Pero que opinas ti? Parece que o Universo e a Terra foron deseñados para que a vida fose posible. Entón, non sería lóxico pensar que son así porque houbo alguén que os deseñou?

a Vol. 41, núm. 9, páx. 45, setembro de 2013. Artigo “Astronomers Reveal the Universe’s Hidden Structure”, escrito por Steve Nadis.

b The New York Times, 12 de marzo de 1991. Artigo “Sizing Up the Cosmos: An Astronomer’s Quest”, escrito por John Noble Wilford.

c Canle PBS, programa “Nova”, “Is the Universe Fine-Tuned for Life?”.

d Vol. 233, núm. 3, páx.72, marzo de 2018. Artigo “Beyond the Blue Marble”, escrito por Nadia Drake. Este artigo da revista National Geographic non pretende dar a entender que Deus creou a Terra e os humanos. Simplemente explica que este planeta é ideal para que nós vivamos nel.

e Artigo “9 Things That Make Earth the Perfect Place for Life”, escrito por Reuben Westmaas.

f Libro The Mind of God.