Ir ó contido

Ir ó índice

O PROBLEMA

Que ameaza a nosa seguridade?

Que ameaza a nosa seguridade?

“Nunca antes houbo tantos recursos tecnolóxicos, científicos e financeiros como os que ten a xeración actual [...]. Aínda así, quizais esta sexa a primeira xeración que fai que o mundo estea a punto de sufrir un colapso [político, económico e medioambiental]” (Informe de Riscos Globais 2018, Foro Económico Mundial).

POR QUE TANTAS PERSOAS BEN INFORMADAS ESTÁN PREOCUPADAS POLO NOSO FUTURO E O DA TERRA? VEXAMOS TAN SÓ ALGÚNS DOS PROBLEMAS ÓS QUE NOS ENFRONTAMOS:

  • A CIBERDELINCUENCIA: O periódico The Australian dixo: “Cada vez é máis perigoso navegar por Internet. É un paraíso para os pedófilos, acosadores, troles e piratas informáticos”. a Tamén dixo: “A suplantación de identidade é un dos delitos que máis rapidamente está aumentando por todo o mundo. [...] Internet dálles ás persoas a oportunidade de mostrar o peor da humanidade: a perversión e a crueldade”.

  • A DESIGUALDADE ECONÓMICA: Segundo un informe recente de Oxfam International, tan só as oito persoas máis ricas do planeta xuntan a mesma riqueza que a metade da poboación mundial. “Os actuais sistemas económicos non funcionan”, dixo Oxfam, “dirixen as riquezas cara a uns poucos que xa son moi ricos a expensas dos máis pobres, a maioría dos cales son mulleres”. Algúns teñen medo de que o aumento da desigualdade faga que a xente se rebele.

  • CONFLITOS E PERSECUCIÓN: Un informe do ano 2018 do Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Refuxiados dixo: “Estamos presenciando o número máis alto de desprazamentos do que se ten rexistro”. Máis de 68 millóns de persoas tiveron que deixar as súas casas, a maioría delas debido a conflitos e persecución. “Cada dous segundos, unha persoa vese obrigada a fuxir”, dicía o informe.

  • AMEAZAS MEDIOAMBIENTAIS: “Moitas especies de plantas e animais estanse extinguindo rapidamente” di o Informe de Riscos Globais 2018, e a “contaminación do aire e do mar converteuse nunha ameaza cada vez maior para a saúde do ser humano”. Ademais, o número de insectos estase reducindo moito nalgúns países. E como os insectos polinizan as plantas, os científicos advirten de que o medio ambiente podería ser destruído por completo. Os arrecifes de coral tamén están en perigo. Os científicos calculan que, nos últimos 30 anos, morreron a metade dos arrecifes do mundo.

Seremos capaces de facer os cambios necesarios para que o mundo sexa un lugar máis seguro? Algúns pensan que, para logralo, é necesario que a xente estea mellor informada. Pero, que tipo de educación pode cambiar realmente a maneira de pensar e actuar das persoas? Responderemos estas preguntas nos seguintes artigos.

a Un trol é unha persoa que publica mensaxes maliciosos, provocadores ou violentos en Internet co fin de enfadar outras persoas ou causar discusións.