Ir ó contido

Ir ó índice

UN GOBERNO QUE LLE FARÁ FRONTE Ó DESAFÍO

“A paz non terá fin”

“A paz non terá fin”

A Organización das Nacións Unidas (ONU) está promovendo o concepto dunha “cidadanía mundial”. O obxectivo é fomentar a cooperación entre os países, que se respecten os dereitos humanos e que se protexa o noso planeta. Cal é o motivo? Como indica Maher Nasser na revista UN Chronicle: “O cambio climático, o crime organizado, o aumento da desigualdade, os conflitos sen resolver, o desprazamento en masa das persoas, o terrorismo mundial, as enfermidades contaxiosas e outras ameazas parecidas non teñen […] fronteiras”.

Outros aínda foron máis alá defendendo a idea dun goberno mundial. Este foi o caso do filósofo, poeta e estadista italiano Dante (1265-1321), e tamén do físico Albert Einstein (1879-1955). Dante cría que nun mundo dividido en sentido político é imposible que a paz dure moito tempo. Citando das palabras de Xesucristo, este home dixo que “todo reino dividido contra si mesmo fica asolado”, ou destruído (Lucas 11:17).

Pouco despois da Segunda Guerra Mundial, na que se usaron dúas bombas atómicas, Albert Einstein escribiu e fixo pública unha carta dirixida ó Congreso Xeral da ONU. El dixo: “As Nacións Unidas deben actuar de inmediato co obxectivo de crear as condicións necesarias para que poida existir un goberno mundial que consiga seguridade internacional”.

Pero, de verdade sería posible que os políticos dun goberno tan poderoso non se volvesen corruptos, incompetentes e opresivos? Non actuarían igual que calquera outro mal gobernante? Estas preguntas fannos pensar nas palabras do historiador británico Lord Acton, que dixo: “O poder tende a corromper, e o poder absoluto corrompe absolutamente”.

Non obstante, para que a humanidade desfrute de verdadeira paz e harmonía é necesario que as persoas esteamos unidas. Como se pode conseguir este obxectivo? É realista? A Biblia confirma que si. Pero, como? Non se fará por medio dun goberno formado por políticos que se poidan volver corruptos. Máis ben, será un goberno establecido por Deus o que chegue a conseguilo. Desta maneira, o noso Creador exercerá o seu dereito a gobernar a humanidade. E que goberno é ese? Na Biblia chámaselle “o Reino de Deus” (Lucas 4:43).

“QUE VEÑA O TEU REINO”

Xesucristo estábase referindo ó Reino de Deus cando dixo na famosa oración do nosopai: “Que veña o teu Reino. Que se faga a túa vontade na terra” (Mateo 6:9, 10). Non hai dúbida. O Reino de Deus asegurarase de que se faga a vontade de Deus na Terra, e non a de humanos egoístas que só pensan en ter máis poder.

A este Reino tamén se lle chama “o Reino dos ceos” (Mateo 5:3). Por que? Porque aínda que gobernará sobre a Terra, non o fará dende aquí, senón dende os ceos. Pensa no que isto significa. Este goberno mundial non necesitará ningún tipo de apoio material nin económico. Que alivio para os seus súbditos humanos!

Como ben indica a palabra reino, o Reino de Deus ten un rei, que é Xesucristo. El recibiu a autoridade de Deus. Falando deste rei, a Biblia di o seguinte:

  • “A soberanía estará sobre o seu ombreiro. [...] Oh, ¡que grande a súa Soberanía! A paz non terá fin” (Isaías 9:5, 6 [9:6, 7, TNM]).

  • “Foille outorgado poder, maxestade e imperio, e servírono tódolos pobos, nacións e linguas” (Daniel 7:14).

  • “¡O reinado do mundo pasou a ser do noso Deus e do seu Mesías! El reinará polos séculos dos séculos” (Apocalipse 11:15).

O Reino de Deus levará a cabo por completo a vontade de Deus na Terra, cumprindo así as palabras que dixo Xesús na oración do nosopai. Baixo este goberno, toda a humanidade aprenderá a coidar do planeta para que volva estar san e cheo de vida.

Pero, sobre todo, o Reino de Deus educará os seus súbditos. Todos aprenderán os mesmos valores e non haberá desacordos nin divisións. A Biblia di en Isaías 11:9: “Ningún será malvado nin fará o mal [...]: o país estará cheo de coñecemento do Señor, o mesmo que as augas enchen o mar”.

Tódolos habitantes da Terra estarán unidos e vivirán en paz uns cos outros, algo que a Organización das Nacións Unidas nunca chegou a conseguir. O Salmo 37:11 promete que as persoas desfrutarán “de paz perfecta”. Co tempo, palabras como “crime”, “contaminación”, “pobreza” e “guerra” desaparecerán do noso vocabulario. Pero, cando empezará a gobernar o Reino de Deus? Como o fará? E como nos vai beneficiar este goberno? Vexamos as respostas a estas preguntas.