BIOGRAFÍA
Servir a Xehová ensinoume moito e deume bonitas sorpresas
CANDO era neno, sempre que vía un avión desexaba voar a un país exótico. Pero parecíame un soño imposible de realizar.
Meus pais fuxiron de Estonia durante a Segunda Guerra Mundial, así que eu nacín en Alemaña. Despois diso, fixeron plans para mudarse ó Canadá. A nosa primeira vivenda, cerca de Ottawa, foi un galiñeiro. Eramos moi pobres, pero polo menos tiñamos ovos para almorzar.
Un día, unhas testemuñas de Xehová léronlle Apocalipse 21:3, 4 a miña nai. Esas palabras chegáronlle tanto ó corazón que incluso lle saltaron as lágrimas. Tanto miña nai coma meu pai seguiron estudando a Biblia e en moi pouquiño tempo xa estaban listos para o bautismo.
A pesar de que meus pais non sabían moito inglés, tomáronse a verdade moi en serio. Case tódolos sábados, despois de traballar toda a noite fundindo níquel en Sudbury, Ontario, meu pai levábanos a miña irmá pequena, Sylvia, e a min a predicar. E cada semana estudabamos A Atalaia en familia. Foron meus pais os que inculcaron en min o amor por Deus. E ese amor levoume a dedicarlle a miña vida a Xehová en 1956, cando tiña 10 anos. Pensar en canto amaban eles a Xehová sempre me deu forzas para seguir servíndoo.
Cando acabei o instituto non estaba moi centrado no servizo a Xehová. Pensaba que, se me facía pioneiro, nunca conseguiría cartos suficientes para cumprir o meu soño de voar e ver mundo. Empecei a traballar como disc-jóckey nunha radio local, e encantábame! Pero traballaba polas tardes e, por culpa diso, perdía moitas reunións. Ademais, xuntábame con xente que non amaba a Deus. Finalmente, a miña conciencia educada pola Biblia motivoume a facer cambios.
Mudeime a Oshawa, outra cidade de Ontario. Alí coñecín a Ray Norman, á súa irmá Lesli e a outros pioneiros. Eles interesáronse moito en min, e ver o felices que eran fixo que volvese a pensar no que quería facer coa miña vida. Animáronme a ser pioneiro e iso foi o que fixen a partir de setembro de 1966. Era feliz e estaba desfrutando moito, pero esperábanme moitas sorpresas que cambiarían a miña vida.
SE XEHOVÁ CHE PIDE QUE FAGAS ALGO, DEBES INTENTALO
Mentres estaba no instituto enviei a solicitude para servir no Betel de Toronto, no Canadá. Máis tarde, cando xa era pioneiro, invitáronme a servir alí por 4 anos. Pero gustábame moito Lesli, e tiña medo de ir a Betel e non volver a vela. Despois de
orar moito a Xehová aceptei a invitación, aínda que me resultou moi duro despedirme de Lesli.Primeiro traballei na lavandería e despois como secretario. Mentres tanto, Lesli chegou a ser pioneira especial en Gatineau, Quebec. Preguntábame moitas veces que estaría facendo ela nese momento, e tamén se eu tomara a decisión correcta. Pero, entón, chegou unha das sorpresas máis agradables da miña vida. Invitaron a Betel a Ray, o irmán de Lesli e ademais fomos compañeiros de cuarto! Grazas a iso, volvín a ter contacto con Lesli. E casamos o 27 de febreiro de 1971, o último día do meu servizo en Betel.
Despois da voda, enviáronnos a unha congregación francesa no Quebec. Uns anos máis tarde, levei unha gran sorpresa cando me invitaron a servir como superintendente de circuíto. Tiña 28 anos e sentía que era demasiado novo e que non estaba capacitado. As palabras de Xeremías 1:7, 8 déronme moito ánimo. Pero Lesli tivera varios accidentes de coche e tiña problemas para durmir. Así que nos preguntabamos se poderiamos cumprir co noso labor na obra de circuíto. Entón ela díxome: “Se Xehová nos pide que fagamos algo deberiamos intentalo, non?”. Así que aceptamos esa asignación e desfrutamos moito dela durante 17 anos.
Como superintendente de circuíto estaba moi ocupado, e non sempre tiña tempo para estar con Lesli. Así que tiven que aprender outra lección. Un luns pola mañá cedo soou o timbre. Cando abrín a porta non vin a ninguén. Só había unha cesta de pícnic cun mantel, froita, queixo, pan, unha botella de viño, copas e unha nota anónima que poñía: “Leva a túa muller de pícnic”. Era un día fermoso e soleado, pero expliqueille a Lesli que tiña que preparar algúns discursos e non podía ir. Ela entendeuno, pero púxose un pouquiño triste. Cando me sentei no meu escritorio, empecei a sentirme algo culpable. Pensei en Efesios 5:25, 28. Esas palabras foron a forma na que Xehová me recordou que tamén debía coidar das necesidades emocionais da miña muller. Despois de orar, díxenlle a Lesli: “Imos?”. Ela púxose moi contenta. Conducimos ata un lugar precioso ó lado dun río, estendemos o mantel e desfrutamos dun dos días máis bonitos xuntos. E ata me deu tempo a preparar os meus discursos.
Na obra de circuíto visitamos moitas zonas diferentes, dende a Columbia británica ata Terranova, e desfrutamos moito en todas elas. Estaba cumprindo o meu soño de viaxar a moitos lugares. Pensara en enviar a solicitude para o curso de Galaad, pero non me gustaba a idea de ser misioneiro no estranxeiro. Cría que era demasiado para min. Ademais tiña medo de que nos enviasen a un país de África no que houbese guerras ou enfermidades contaxiosas. Estabamos contentos no Canadá.
CANDO MENOS O ESPERAMOS, INVÍTANNOS A ESTONIA E ÓS PAÍSES BÁLTICOS
En 1992, cando a obra deixou de estar prohibida nalgúns dos países que antes eran parte da Unión Soviética, preguntáronnos se estabamos dispostos a mudarnos a Estonia e ser misioneiros alí. Isto sorprendeunos moito, así que lle oramos a Xehová sobre este asunto. Volvemos a preguntarnos: “Se Xehová nos pide que fagamos algo, non deberiamos intentalo?”. Así que aceptamos a invitación e pensamos: “Polo menos non nos mandan a África”.
Enseguida empezamos a aprender estoniano. E, despois duns meses no país, preguntáronnos se poderiamos servir na obra de circuíto. Visitamos unhas 46 congregacións e algúns grupos en tres países bálticos diferentes e tamén na rexión de Kaliningrad, Rusia. Iso significaba que tiñamos que intentar aprender algo de letón, lituano e ruso. Foi todo un reto! Pero os irmáns valoraron moito os nosos esforzos e axudáronnos. En 1999, fíxose unha sucursal en Estonia, e pedíronme que servise no Comité de Sucursal xunto con Toomas Edur, Lembit Reile e Tommi Kauko.
Chegamos a coñecer moitos irmáns que foran deportados a Siberia anteriormente. A pesar do mal que os trataron e de ter que estar separados das súas familias, estes irmáns non se amargaron nin gardaron resentimento. Mantiveron a alegría e o entusiasmo pola predicación. O seu exemplo ensinounos que podiamos aguantar e estar alegres aínda cando as circunstancias fosen difíciles.
Como durante aqueles anos traballamos moito e descansamos pouco, Lesli empezou a sentirse moi cansada. Por iso empezamos a pensar en volver ó Canadá. Así que cando nos invitaron ó curso para membros de Comité de Sucursal, en Patterson, Nova York, pensamos que non poderiamos asistir. Pero despois de orar moito, aceptamos a invitación. E Xehová bendiciu aquela decisión. Puidemos descubrir que a fatiga de Lesli se debía a unha enfermidade chamada fibromialxia. E durante o curso puido recibir a atención médica que necesitaba. Grazas a isto, puidemos retomar as nosas actividades con normalidade.
OUTRA SORPRESA, OUTRO CONTINENTE
Unha tarde do ano 2008, cando xa estabamos de volta en Estonia, recibín unha chamada de teléfono da sede central na que me preguntaron se aceptaría unha asignación no Congo. Quedei de pedra! Sobre todo, porque tiña que dar unha resposta o día seguinte. Ó principio non lle comentei nada a Lesli xa que sabía que, senón, ela non durmiría nada aquela noite. Pero o que non durmiu fun eu. Estiven toda a noite orando sobre as cousas que me preocupaban se tivésemos que ir a África.
O día seguinte, cando llo contei a Lesli, razoamos: “O que nos está invitando é Xehová. Como imos saber que non podemos facelo se non o intentamos?”. Así que, despois de 16 anos en Estonia, marchamos para Kinshasa, na República Democrática do Congo. A sucursal tiña un xardín precioso e todo era moi tranquilo. Unha
das primeiras cousas que Lesli puxo no noso novo cuarto foi unha tarxetiña que levaba con ela dende que deixamos o Canadá. Nela, estaba escrito: “Florece onde esteas plantado”. Reunirnos cos irmáns, dirixir cursos bíblicos e desfrutar de ser misioneiros, fixo que servísemos a Xehová con máis alegría. Co tempo, tivemos o privilexio de facer visitas ás sucursais doutros 13 países africanos. Iso permitiunos coñecer persoas moi diferentes e interesantes. Os medos que tiñamos ó principio desapareceron, e démoslle moitas grazas a Xehová por enviarnos a servir a África.No Congo ofrecéronnos diferentes tipos de alimentos como, por exemplo, insectos. Ó principio pensei que nós non poderiamos comer iso. Pero cando vimos que ós irmáns lles gustaban moito, probámolos. E tamén nos gustaron.
Viaxamos ó leste do país para animar os irmáns e levarlles cousas que necesitaban porque, naquela zona, os grupos de guerrilleiros estaban atacando diferentes pobos e facéndolles dano ás mulleres e ós nenos. A maioría daqueles irmáns tiñan moi poucas cousas materiais. Pero a súa fe na esperanza da resurrección, o seu amor por Xehová e a súa lealdade á organización chegounos ó corazón. O seu exemplo axudounos a pensar nos motivos polos que servimos a Xehová e a fortalecer a nosa fe nel. Algúns daqueles irmáns perderan as casas e os cultivos. Iso recordoume que as cousas materiais poden perderse en calquera momento e que o máis importante é a nosa relación con Xehová. A pesar de tódolos problemas que tiñan, os irmáns rara vez se queixaban. A súa actitude positiva axudounos a enfrontarnos ás situacións complicadas e os nosos problemas de saúde con valor.
UNHA NOVA ASIGNACIÓN EN ASIA
Entón, chegou outra sorpresa. Pedíronnos que nos mudásemos á sucursal de Hong Kong. Nunca imaxinaramos vivir en Asia! Pero, como xa puideramos ver que Xehová nos coidara en tódalas outras asignacións, aceptamos esta invitación. No 2013, con lágrimas nos ollos, deixamos os nosos queridos amigos e a beleza de África, sen saber o que nos esperaba.
Mudarnos a Hong Kong, unha cidade chea de vida, na que hai xente de tódalas partes do mundo, foi un cambio moi grande para nós. Ter que aprender chinés tamén foi un desafío enorme. Pero os irmáns recibíronnos con cariño e desfrutamos moito da comida local. A obra crecía moi rápido e necesitábase máis sitio na sucursal, pero ó mesmo tempo, o prezo das propiedades era esaxerado. Así que, o Consello Reitor decidiu sabiamente vender a maioría das propiedades da sucursal. Pouco despois, en 2015, mudámonos a Corea do Sur, e aquí seguimos ata o día de hoxe. De novo nos enfrontamos ó reto de aprender un idioma. De momento aínda non o falamos ben, pero os irmáns anímannos moito ó dicirnos que imos mellorando pouco a pouco.
LECCIÓNS QUE APRENDEMOS DE SERVIR A XEHOVÁ
Non sempre é fácil facer novos amigos, pero descubrimos que se tomamos a iniciativa en ser hospitalarios con outros, podemos chegar a coñecelos mellor. Vimos que na relación que temos cos nosos irmáns son máis as cousas que nos unen que as que nos separan. Ademais, Xehová fíxonos coa capacidade de poder ter moitos amigos (2 Cor. 6:11).
En todos estes anos aprendemos que temos que ver as persoas como as ve Xehová. Tamén vimos a importancia de buscar probas de que Xehová nos ama e de que guía a nosa vida. Cando estabamos desanimados ou nos preguntabamos se os irmáns nos aceptarían, volviamos a ler as tarxetiñas e as cartas que nos enviaran os nosos amigos. Non hai dúbida de que Xehová contestou as nosas oracións, nos confirmou que nos quere e nos deu as forzas que necesitabamos para seguir adiante.
Cos anos, Lesli mais eu démonos conta da importancia de sacar tempo para estar un co outro, por moi ocupados que esteamos. Tamén entendemos que é fundamental saber rirse dun mesmo, especialmente cando estás aprendendo un novo idioma. E tódalas noites intentamos darlle as grazas a Xehová por algo específico do que desfrutamos ese día.
Sinceramente, eu pensaba que nunca podería ser misioneiro nin vivir noutros países. Pero experimentei a alegría de ver como, coa axuda de Xehová, todo é posible. Véñenme á mente as palabras do profeta Xeremías: “Señor, seducíchesme” (Xer. 20:7). Xehová deunos moitas sorpresas bonitas, bendiciunos de maneiras que non imaxinabamos e ata cumpriu o meu desexo de viaxar en avión. Visitando sucursais por todo o mundo voamos a moitos máis lugares dos que eu imaxinei cando era neno. Estoulle moi agradecido a Lesli polo apoio que me deu en tódalas asignacións que tivemos.
Sempre intentamos recordar que todo o que facemos é porque amamos a Xehová. As bendicións que desfrutamos hoxe en día son tan só unha pequena mostra de como será vivir para sempre cando Xehová cumpra a seguinte promesa: “Abres ti a túa man e dáslle fartura a todo ser vivo” (Sal. 145:16).