Ir ó contido

Ir ó índice

ARTIGO DE ESTUDO 27

CANCIÓN snnw 137 Dános forzas e coraxe

Sé valente igual que Sadoc

Sé valente igual que Sadoc

“Sadoc [era un] xove valeroso” (1 CRÓN. 12:29 [12:28, TNM]).

OBXECTIVO

Aprender como nos pode axudar o exemplo de Sadoc a ser valentes.

1, 2. Quen era Sadoc? (1 Crónicas 12:23, 27-29 [12:22, 26-28, TNM]).

 IMAXINA unha multitude de máis de 340.000 homes. Todos eles reuníronse para facer rei a David sobre todo Israel. Estiveron tres días nas montañas cerca de Hebrón rindo, falando e cantando cancións de louvanza a Xehová (1 Crón. 12:40 [12:39, TNM]). Entre toda esta xente estaba Sadoc, un rapaz que posiblemente pasaba desapercibido. Pero Xehová viuno, e quixo que nós soubésemos que estaba alí (le 1 Crónicas 12:23, 27-29 [12:22, 26-28, TNM]). Entón, quen foi Sadoc?

2 Sadoc era un sacerdote que traballaba co sumo sacerdote Abiatar. Xehová déralle moita sabedoría e capacidade para entender o seu propósito (2 Sam. 15:27). A xente ía onda el cando necesitaba un bo consello. Ademais, era un home valente. Neste artigo imos falar desta cualidade que el tiña.

3. a) Por que necesitamos ser valentes os servos de Deus? b) Que veremos neste artigo?

3 Nestes últimos días, o Demo está atacando o pobo de Deus máis ca nunca (1 Ped. 5:8). Necesitamos ser valentes mentres esperamos a que Xehová acabe con Satanás e co seu sistema malvado (Sal. 31:25 [31:24, TNM]). Vexamos tres maneiras nas que podemos imitar o valor de Sadoc.

APOIANDO O REINO DE DEUS

4. Por que necesitamos valor os servos de Deus para apoiar o seu Reino? (Ver tamén a imaxe).

4 Os servos de Xehová apoiamos de todo corazón o seu Reino, pero moitas veces necesitamos valor para facelo (Mat. 6:33). Por exemplo, temos que ser valentes para vivir de acordo coas normas de Xehová e predicar as boas noticias do Reino neste mundo cheo de maldade (1 Tes. 2:2). Tamén nos fai falta esta cualidade para manternos neutrais en asuntos políticos no medio dun sistema que cada vez está máis dividido (Xoán 18:36). Moitos de nós sufrimos problemas económicos, maltrato físico ou incluso temos que ir ó cárcere por non participar na política nin unirnos ó exército.

Que farás cando outros tomen partido en asuntos políticos? (Ver o parágrafo 4).


5. Por que necesitou valor Sadoc para apoiar a David?

5 Sadoc non foi a Hebrón só para celebrar o reinado de David. Tamén foi alí armado e listo para loitar (1 Crón. 12:39 [12:38, TNM]). Estaba disposto a seguir a David e a defender a Israel dos seus inimigos. É posible que Sadoc non tivese moita experiencia como guerreiro, pero era un home moi valente.

6. Por que foi David un bo exemplo de valor para Sadoc? (Salmo 138:3).

6 Onde aprendeu un sacerdote coma Sadoc a ser tan valente? El estaba rodeado de homes que eran fortes e tiñan moito valor. Un deles era David, quen dirixiu con tanta valentía a Israel que o pobo se sentiu motivado a facelo rei (1 Crón. 11:1, 2). David sempre buscou a axuda de Xehová para loitar contra os seus inimigos (Sal. 28:7; le Salmo 138:3). Ademais, Sadoc tamén puido aprender doutros, como por exemplo de Iehoiadá, do seu fillo Benaías e dos outros 22 príncipes que apoiaron a David (1 Crón. 11:22-25; 12:27-29 [12:26-28, TNM]). Todos eles estaban decididos a facer rei a David e a protexelo.

7. a) Que exemplos de valor temos na actualidade? b) Como se mostra no vídeo, que aprendemos do exemplo do irmán Nsilu?

7 Se pensamos no exemplo dos que apoiaron o Reino de Deus con valor, facémonos máis fortes e valentes. Cando Xesús estivo aquí na Terra rechazou con firmeza ser parte do sistema político de Satanás (Mat. 4:8-11; Xoán 6:14, 15). El sempre confiaba en que Xehová lle daría as forzas que necesitaba para facer o correcto. Na actualidade tamén contamos con moitos exemplos de homes novos que se negaron a facer o servizo militar ou a participar en actividades políticas. Por que non les algunhas das súas experiencias en jw.org? a

AXUDÁNDOLLES ÓS TEUS IRMÁNS

8. En que situacións necesitan valor os anciáns para axudarlles ós irmáns?

8 Ós servos de Xehová encántanos axudarnos uns ós outros (2 Cor. 8:4). Pero, ás veces, hai que ter moito valor para facelo. Por exemplo, cando empeza unha guerra, os anciáns da zona están pendentes dos irmáns para darlles ánimo e apoio. Tamén é posible que teñan que axudarlles a conseguir cousas básicas en sentido físico e espiritual, como por exemplo comida, roupa, un lugar onde quedar, unha Biblia ou algunha das nosas publicacións. O amor que senten polas ovelliñas fai que os anciáns incluso estean dispostos a arriscar a súa vida para darlles o que necesitan (Xoán 15:12, 13). Desta maneira, están seguindo o exemplo de valor de Sadoc.

9. Segundo 2 Samuel 15:27-29, que lle mandou facer David a Sadoc? (Ver tamén a imaxe).

9 David estaba en perigo. O seu fillo Abxalom estaba decidido a matalo para roubarlle o trono (2 Sam. 15:12, 13). Así que tiña que fuxir de Xerusalén de inmediato! Por iso lles mandou ós seus servos: “Preparádevos e fuxamos; se non, non daremos escapado de Abxalom” (2 Sam. 15:14). Mentres os servos fuxían, David deuse conta de que necesitaba que algúns quedasen en Xerusalén para que o mantivesen informado dos plans do seu fillo. Así que lles mandou a Sadoc e a outros sacerdotes que volvesen á cidade para ser os seus espías (le 2 Samuel 15:27-29). Facer isto era moi perigoso, xa que Abxalom era egoísta, vingativo e traidor. Imaxina o que lles faría a estes homes se os descubría!

David enviou a Sadoc a unha misión perigosa (ver o parágrafo 9).


10. Que fixeron Sadoc e outros para protexer a David?

10 David pediulles a Sadoc e a Huxai, outro amigo leal, que lle axudasen co seu plan (2 Sam. 15:32-37). Primeiro, Huxai ganou a confianza de Abxalom e recomendoulle unha estratexia militar que lle daba a David tempo para prepararse. A continuación, Huxai informou a Sadoc e a Abiatar do que sucedía (2 Sam. 17:8-16). Entón estes dous homes fixéronlle chegar a mensaxe a David (2 Sam. 17:17). Co apoio de Xehová, Sadoc e outros sacerdotes axudáronlle a David a salvar a vida (2 Sam. 17:21, 22).

11. Como podemos imitar o valor de Sadoc ó axudarlles ós nosos irmáns?

11 Como podes demostrar o mesmo valor que Sadoc cando haxa irmáns que estean en perigo e necesiten axuda? Sigue as instrucións. En momentos coma eses é moi importante permanecer unidos. Así que sigue a guía que recibas da sucursal (Heb. 13:17). Os anciáns deberían repasar regularmente as instrucións sobre como prepararse para un desastre e que facer cando este ocorre (1 Cor. 14:33, 40). Sé valente pero prudente (Prov. 22:3). Fai as cousas con sentidiño. Non te arrisques innecesariamente. Confía en Xehová. Recorda que Xehová quere que ti e o resto dos seus servos esteades ben. Se confías nel poderás axudarlles ós irmáns de maneira segura.

12, 13. Que aprendes das experiencias de Viktor e Vitalii? (Ver tamén a imaxe).

12 Pensa en Viktor e Vitalii, dous anciáns que colaboraron en levarlles comida e auga ós irmáns en Ucraína. Viktor conta: “Buscabamos maneiras de conseguir comida. [...] Moitas veces escoitabamos disparos cerca. Grazas a que un irmán doou alimentos que tiña na súa despensa, moitos publicadores tiveron o necesario para sobrevivir durante algún tempo. Un día, mentres cargabamos o camión, caeu unha bomba a uns vinte metros de onde estabamos. Menos mal que non estoupou! Estiven todo o tempo suplicándolle a Xehová que me dese o valor que necesitaba para seguir axudándolles ós irmáns”.

13 Vitalii conta: “Necesitabamos moito valor. [...] A miña primeira viaxe durou doce horas e estiven todo o camiño orándolle a Xehová”. Pero ademais de valente, este irmán tamén foi prudente. El continúa dicindo: “Seguín pedíndolle a Xehová que me dese sabedoría e modestia. Só conducín por onde as autoridades nos daban permiso para facelo. A miña fe fortaleceuse moito ó ver como os irmáns traballaban xuntos. Por exemplo, quitaban os obstáculos que había nas rúas, xuntaban e cargaban a axuda humanitaria e dábannos comida e lugares onde aloxarnos durante a viaxe”.

Cando lles axudes ós teus irmáns en momentos difíciles, sé valente pero prudente (ver os parágrafos 12 e 13).


MANTÉNDOTE LEAL A XEHOVÁ

14. Como pode afectarnos que alguén a quen queremos deixe a Xehová?

14 Hai poucas probas que nos desanimen tanto como que un familiar ou un bo amigo deixe a Xehová (Sal. 78:40; Prov. 17:22). E canto máis estreita sexa a nosa relación coa persoa, máis complicado se nos fará soportar esa situación. Se pasaches por algo tan doloroso coma isto, o exemplo de lealdade de Sadoc pode fortalecerte.

15. Por que necesitou valor Sadoc para manterse leal a Xehová? (1 Reis 1:5-8).

15 Sadoc mantívose leal a Xehová cando o seu bo amigo Abiatar decidiu non facelo. Isto pasou ó final do reinado de David. Cando este rei estaba a punto de morrer, o seu fillo Adonías intentou quedar co trono que Xehová lle prometera a Salomón (1 Crón. 22:9, 10). Abiatar decidiu apoiar a Adonías (le 1 Reis 1:5-8). Ó facer isto non só lle estaba sendo desleal a David senón tamén a Xehová. Imaxina o triste e decepcionado que se debeu sentir Sadoc. Durante máis de 40 anos, Abiatar e mais el serviran como sacerdotes, coidaran a “arca de Deus”, apoiaran o reinado de David e fixeran moitas outras cousas xuntos no servizo a Xehová (2 Sam. 8:17; 15:29; 19:12-15 [19:11-14, TNM]).

16. Que puido axudar a Sadoc a manterse leal?

16 A pesar da decisión que tomou Abiatar, Sadoc seguiu sendo leal a Xehová. Como David sabía que podía confiar nel, cando se deu conta da rebelión de Adonías, escolleuno a el xunto con Natán e Benaías para que nomeasen rei a Salomón (1 Reis 1:32-34). Seguramente a Sadoc animouno moito ver o exemplo doutros servos de Xehová como Natán, que tamén se mantivo leal a Deus e apoiou o rei David (1 Reis 1:38, 39). Cando Salomón chegou a ser rei puxo o “sacerdote Sadoc no posto de Abiatar” (1 Reis 2:35).

17. Como podes imitar a Sadoc se alguén a quen queres moito deixa a Xehová?

17 Como podes imitar a Sadoc? Se alguén a quen queres moito decide abandonar a Xehová, deixa claro de que lado estás (Xos. 24:15). Podes ter a seguridade de que Xehová che dará as forzas e o valor que necesitas para facelo. Así que óralle e mantente cerca dos que tamén lle son leais. El valora moito a túa fidelidade e vaite recompensar (2 Sam. 22:26).

18. Que aprendes da experiencia de Marco e Sidse?

18 Pensa no exemplo de Marco e a súa muller Sidse, que teñen dúas fillas adultas que deixaron a verdade. Marco conta: “Dende o día que nacen, xa sentes un amor moi profundo polos teus fillos. Farías calquera cousa para protexelos dos perigos. Así que cando deciden deixar a Xehová, rómpeseche o corazón. [...] Pero Deus axúdanos a aguantar. Asegúrase de que cando eu estou triste miña muller teña as forzas para animarme, e de que cando ela está triste eu teña as forzas para animala”. Sidse engade: “Non seriamos capaces de aguantar se Xehová non nos dese a axuda que necesitamos. Tiña que loitar contra o sentimento de que as nosas fillas deixaran a verdade pola miña culpa, así que lle contei a Deus como me sentía. Pouco tempo despois, encontreime cunha irmá que non vía dende había moitos anos. Ela veu onda min, puxo as súas mans sobre os meus ombros, miroume ós ollos e díxome: ‘Sidse, recorda que non é culpa túa!’. Coa axuda de Xehová puiden manter a alegría no meu servizo”.

19. Que estás decidido a facer?

19 Xehová quere que tódolos seus servos sexamos valentes coma Sadoc (2 Tim. 1:7). Pero, non debemos confiar nas nosas propias forzas. El espera que nos apoiemos nel. Así que cando esteas nunha situación na que necesites valor, pídello a Xehová. Podes estar seguro de que el fará que sexas igual de valente ca Sadoc! (1 Ped. 5:10).

CANCIÓN sn 43 Vixiade, sede fortes!