ARTIGO DE ESTUDO 12
Aprende máis de Xehová a través da creación
“As súas calidades invisibles […] vense claramente desde a creación do mundo, pois percíbense polas cousas creadas” (RM. 1:20, TNM).
CANCIÓN sn 15 A creación pregoa a gloria de Xehová
AVANCE a
1. Que lle axudou a Xob a coñecer mellor a Xehová?
DE TÓDALAS conversacións que tivo Xob na súa vida, a máis especial foi a que tivo con Xehová. Deus díxolle que se fixase nalgunhas cousas incribles que creara. Iso axudaríalle a confiar máis na sabedoría de Deus e a non dubidar de que pode coidar dos seus servos. Por exemplo, recordoulle que el coida dos animais, e así deixoulle claro que tamén podía coidar del (Xob 38:39-41; 39:1, 5, 13-16). Ó reflexionar en varios exemplos da creación, Xob aprendeu moito das calidades de Deus.
2. Por que pode ser difícil pararnos a analizar as cousas que creou Xehová?
2 Nós tamén podemos aprender máis de Deus se nos paramos a analizar as cousas que creou, aínda que non sempre sexa fácil facelo. Por exemplo, se vivimos nunha cidade, quizais vexamos poucos detalles da creación de Xehová no noso día a día. E incluso se vivimos cerca da natureza, pode que teñamos pouco tempo para fixarnos na creación. Neste artigo veremos por que é bo que dediquemos tempo e esforzo a observar a creación. Tamén analizaremos como usaron Xehová e Xesús a creación para ensinarlles a outros, e que podemos facer para aprender máis leccións da natureza.
POR QUE DEBERIAMOS OBSERVAR CON ATENCIÓN A CREACIÓN?
3. Que demostra que Xehová quería que Adam desfrutase da creación?
3 Xehová quería que o primeiro ser humano desfrutase da Súa creación. Cando creou a Adam, deulle un paraíso moi bonito para que vivise alí e descubrise moitas cousas. Ademais, pediulle que o cultivase e que o estendese por toda a Terra (Xén. 2:8, 9, 15). Imaxina o emocionado que se tivo que sentir Adam ó ver que as sementes xerminaban e que as flores florecían. Que privilexio coidar do xardín de Edén! Xehová tamén lle dixo que lles puxese nome ós animais (Xén. 2:19, 20). Deus puido escoller eses nomes, pero encargoulle esta tarefa a Adam. Seguro que el dedicou tempo a estudar cada animal con moito coidado, a observar as súas características e a analizar o seu comportamento para decidir como lles ía chamar. Canto tivo que desfrutar! Isto deulle a oportunidade de valorar aínda máis a sabedoría, a habilidade e a creatividade do seu Pai.
4. a) Por que deberiamos pararnos a observar a creación? b) Que cousas das que Xehová creou che gustan máis?
4 Unha razón pola que deberiamos pararnos a observar a creación é porque Xehová quere que o fagamos. De feito, dinos: “Levantade os vosos ollos ó alto, ollade”. E despois pregunta: “¿Quen fixo esas cousas?”. A resposta é evidente (Is. 40:26). Xehová encheu os ceos, a terra e o mar de moitísimas cousas marabillosas que nos ensinan detalles acerca del (Sal. 104:24, 25). Por exemplo, pensa en como nos creou a nós. Fíxonos coa capacidade de valorar a beleza que hai na natureza. Ademais, deunos os cinco sentidos —a vista, o oído, o tacto, o gusto e o olfacto— para que poidamos desfrutar de tódalas cousas que el fixo.
5. Segundo Romanos 1:20 (TNM), como nos beneficia fixarnos na creación de Xehová?
5 A Biblia dinos que deberiamos fixarnos na creación por outra importante razón: porque nos ensina sobre as calidades de Xehová (le Romanos 1:20, TNM). Por exemplo, pensa no ben deseñadas que están as cousas que fixo. A que podemos ver a súa sabedoría? Ou pensa na variedade de comidas das que desfrutamos. Isto é unha proba evidente de canto nos quere Xehová a tódolos seres humanos. Cando vemos as súas calidades nas cousas que creou, chegamos a coñecelo mellor e iso fai que queiramos acercarnos máis a el. Agora, vexamos algúns exemplos de como usou a creación para ensinarlles leccións importantes ós humanos.
DEUS USA A CREACIÓN PARA ENSINARNOS COUSAS SOBRE EL
6. Que podemos aprender ó observar as aves migratorias?
6 Xehová ten un tempo fixado. Cada ano, entre finais de febreiro e mediados de maio, os israelitas podían ver como voaban as cegoñas que migraban cara ó norte. Deus díxolles: “As cigoñas do ceo coñecen todas o tempo da súa volta” (Xer. 8:7). Igual que Xehová ten un tempo fixado para que estas aves migren, tamén ten un tempo fixado para levar a cabo os seus xuízos. Na actualidade, as aves migratorias recórdannos que podemos confiar en que Xehová ten un “tempo fixado” para poñerlle fin a este mundo malvado (Hab. 2:3, TNM).
7. Que podemos aprender ó ver como voan as aves? (Isaías 40:31).
7 Xehová fortalece os seus servos. A través de Isaías, Xehová prometeu que fortalecería os seus servos para que remontasen o voo coma se tivesen “ás de aguia” cando se sentisen débiles ou desanimados (le Isaías 40:31). Para os israelitas era algo habitual ver aguias remontando o voo. Podían ver como o facían case sen esforzarse grazas ás correntes de aire. Que bonita comparación! Se Xehová lles daba a estas aves as forzas que necesitaban, seguro que tamén podía fortalecer os seus servos. Cando vexas como unha ave remonta o voo cara ó ceo sen apenas mover as alas, recorda que Xehová tamén pode darche a ti as forzas que necesitas para superar os problemas.
8. Que aprendeu Xob ó pararse a pensar na creación de Deus, e que podemos aprender nós?
8 Xehová merece que confiemos nel. Xehová axudoulle a Xob a confiar máis nel (Xob 32:2; 40:6-8). Cando falou con el, mencionou moitas cousas que creara, incluídas as estrelas, as nubes e os raios. Tamén falou dos animais, como o touro salvaxe e o cabalo (Xob 38:32-35; 39:9, 19, 20). Todas estas cousas non son só unha proba do seu impresionante poder, senón tamén do seu amor e da súa gran sabedoría. Grazas a esta conversación, Xob chegou a confiar en Xehová máis ca nunca (Xob 42:1-6). De maneira parecida, pararnos a pensar na creación recórdanos que Xehová é moitísimo máis sabio e poderoso ca nós. Ademais, confírmanos que pode poñer fin a tódalas nosas probas e dános a seguridade de que o fará. Isto axúdanos a confiar máis nel.
XESÚS USOU A CREACIÓN PARA ENSINARNOS COUSAS SOBRE O SEU PAI
9, 10. Que nos ensinan de Xehová o sol e a chuvia?
9 Xesús coñecía moi ben a natureza. Como foi “un mestre de obras”, tivo o privilexio de colaborar co seu Pai na creación de todo o Universo (Pr. 8:30). Máis tarde, cando estivo na Terra, usou a creación para ensinarlles ós seus discípulos acerca do seu Pai. Vexamos algunhas leccións que lles ensinou.
10 Xehová demóstralles o seu amor a tódalas persoas. No Sermón do Monte, Xesús fixo que os seus discípulos se fixasen en dúas cousas da creación que moita xente dá por sentado: o sol e a chuvia. Ambas cousas son imprescindibles para que haxa vida. Xehová puido negarse a darlles estas cousas ós humanos que non o serven. Pero demostra o seu amor facendo “saí-lo seu sol sobre malos e bos, e chover sobre xustos e inxustos” (Mt. 5:43-45). Xesús usou esta idea para ensinarlles ós seus discípulos que Xehová quere que amemos a tódalas persoas. Cando desfrutemos dun impresionante amencer ou cando vexamos como a chuvia refresca a terra, reflexionemos en como isto é unha proba de que Xehová nos demostra o seu amor a todos. O seu exemplo pode motivarnos a mostrar esa mesma clase de amor predicándolles a tódalas persoas.
11. Como pode animarnos observar os paxaros?
11 Xehová dános as cousas que necesitamos para vivir. No Sermón do Monte, Xesús tamén dixo: “Ollade para as aves do ceo: nin sementan, nin seituran, nin recollen nas arcas e, con todo, son mantidas polo voso Pai celestial”. É posible que os que estaban escoitando a Xesús estivesen vendo como as aves voaban polo ceo cando lles preguntou: “¿Non valedes vós máis ca elas?” (Mt. 6:26). Que forma tan bonita de asegurarlles que Xehová coidaría das súas necesidades físicas! (Mt. 6:31, 32) Esta lección que aprendemos da creación tamén anima os que serven fielmente a Deus hoxe en día. Unha irmá nova que é pioneira en España sentíase desanimada porque non conseguía encontrar un lugar onde vivir. Pero despois fixouse nuns paxaros que se estaban alimentando dunhas sementes e dunhas pequenas froitas, e sentiuse máis tranquila. Ela conta: “Ver como Xehová coidaba daqueles paxaros fíxome confiar en que tamén coidará de min”. Pouco despois, atopou onde vivir.
12. Segundo Mateo 10:29-31, que nos ensinan os gorrións sobre Xehová?
12 Xehová valóranos a cada un de nós individualmente. Antes de enviar os seus apóstolos a predicar, Xesús axudoulles a superar o medo á oposición (le Mateo 10:29-31). Para conseguilo, falou dun dos paxaros máis comúns en Israel: o gorrión ou pardal. Cando Xesús estivo na Terra, estes paxaros valían moi pouco. Pero el díxolles ós seus discípulos: “Non cae o primeiro no chan sen o consentimento do voso Pai”. E engadiu: “Vós valedes máis ca tódolos pardais xuntos”. Con esas palabras, Xesús aseguroulles que Xehová os valoraba individualmente, así que non tiñan por que terlle medo á persecución. Seguro que os discípulos recordaban as súas palabras cando vían algún gorrión mentres predicaban nas vilas e nas cidades. Así que, sempre que vexas un paxariño, recorda que Xehová te valora a ti individualmente porque vales “máis ca tódolos pardais xuntos”. Co seu apoio, non terás medo cando te enfrontes á oposición doutras persoas (Sal. 118:6).
COMO PODEMOS APRENDER MÁIS DE DEUS A TRAVÉS DA CREACIÓN?
13. Que podemos facer para aprender máis cousas de Xehová a través da creación?
13 Podemos aprender moitas máis cousas de Xehová a través da creación. Como? Primeiro, temos que dedicar tempo a observala. Despois, necesitamos pensar en que nos ensina de Xehová. Non sempre nos vai ser fácil facer estas dúas cousas. Géraldine, unha irmá do Camerún, di: “Medrei vivindo nunha cidade, así que me dei conta de que tiña que esforzarme máis por observar a natureza”. Un ancián que se chama Alfonso explica: “Aprendín que necesito dedicar parte do meu tempo a estar só para observar a creación de Xehová e para meditar no que me ensina acerca del”.
14. Que aprendeu David ó meditar na creación de Deus?
14 David pensaba moito na creación de Deus. De feito, díxolle a Xehová: “Cando vexo o ceo, feitura da túa man, a lúa e as estrelas que fixaches alí, ¿que é o home, para que o lembres”? (Sal. 8:4, 5 [8:3, 4, TNM]). Cando miraba cara ó ceo pola noite, non se limitaba a desfrutar mirando as estrelas. Tamén meditaba no que lle ensinaban acerca de Deus. Iso axudoulle a ver o marabilloso que é Xehová. Noutros momentos, tamén reflexionou en como se fora formando o seu corpo cando estaba na matriz da súa nai. Ó meditar nestes detalles tan impresionantes, chegou a valorar aínda máis a sabedoría de Xehová (Sal. 139:14-17).
15. Pon exemplos de como viches as calidades de Xehová na creación (Salmo 148:7-10).
15 Igual ca David, ti tampouco tes que ir moi lonxe para atopar algún detalle da creación no que poidas meditar. Se miras ó teu arredor, poderás ver moitas calidades de Xehová. Por exemplo, podes ver o seu poder ó sentir como o sol quenta a túa pel (Xer. 31:35). Medita na súa sabedoría cando vexas como un paxaro constrúe o seu niño. Pensa no seu sentido do humor cando vexas como un canciño persegue o seu rabo. E agradécelle a Xehová o seu amor cando vexas un animal xogando coa súa cría. Temos moitísimas oportunidades de aprender de Deus porque toda a creación louva a Xehová, tanto as cousas grandes como as pequenas, as que están lonxe e as que están cerca (le Salmo 148:7-10).
16. Que deberiamos estar decididos a facer?
16 Se observamos con atención a creación descubriremos que todo o que fai Xehová é marabilloso. Ademais, poderemos ver as súas calidades, como a sabedoría, o poder, o amor e moitas outras. Por iso, deberiamos estar decididos a sacar tempo regularmente para desfrutar da creación e para meditar no que nos ensina de Xehová. Se o facemos, acercarémonos aínda máis ó noso Creador (Sant. 4:8). No seguinte artigo, veremos como poden usar os pais a creación para axudarlles ós seus fillos a acercarse máis a Xehová.
CANCIÓN sjj 5 As marabillosas obras de Deus
a A creación de Xehová é impresionante. Desde o incrible poder do Sol ata os delicados pétalos das flores, todo o que el creou déixanos asombrados. Ademais, podemos aprender moito da personalidade de Xehová se nos fixamos ben en tódalas cousas que fixo. Neste artigo imos ver por que deberiamos dedicar tempo a observar con atención a creación e como nos pode axudar iso a acercarnos máis ó noso Deus.