ARTIGO DE ESTUDO 17
CANCIÓN sjj 99 Tribos e pobos e linguas
Nunca estamos sós
“Eu axudareiche” (IS. 41:10, TNM).
OBXECTIVO
Ver catro formas que ten Xehová de coidarnos.
1, 2. a) Por que podemos dicir que nunca estamos sós ante as dificultades? b) Que veremos neste artigo?
CANDO pasamos por problemas graves, quizais nos sintamos coma se estivésemos sós nunha pequena barca no medio dun mar picado. Pero non é así. O noso querido Pai celestial non só ve as nosas dificultades, senón que tamén promete darnos a súa axuda para enfrontarnos a elas. Fainos con moito cariño a seguinte promesa: “Eu axudareiche” (Is. 41:10, TNM).
2 Neste artigo veremos como nos axuda Xehová 1) guiándonos, 2) dándonos o que necesitamos, 3) protexéndonos e 4) reconfortándonos. El asegúranos que, sen importar os desafíos ós que nos enfrontemos na vida, nunca se esquecerá de nós. Xamais nos abandonará, así que nunca estaremos sós.
XEHOVÁ GUÍANOS
3, 4. Como nos guía Xehová? (Salmo 48:15 [48:14, TNM]).
3 Le Salmo 48:15 (48:14, TNM). Xehová non espera que nos guiemos a nós mesmos. Entón, como dirixe os seus servos leais hoxe en día? Unha maneira é por medio da Biblia (Sal. 119:105). Mediante a súa Palabra inspirada, el axúdanos a tomar boas decisións e a cultivar cualidades que nos fan máis felices agora e que nos darán vida eterna no futuro. a Por exemplo, ensínanos a non gardar resentimento, a ser honestos en todo o que facemos e a amarnos uns ós outros intensamente dende o corazón (Sal. 37:8; Heb. 13:18; 1 Ped. 1:22). Cando demostramos estas cualidades, chegamos a ser mellores pais, cónxuxes e amigos.
4 Ademais, Xehová incluíu na súa Palabra relatos de persoas reais que pasaron por probas e tiveron sentimentos parecidos ós nosos (1 Cor. 10:13; Sant. 5:17). Cando lemos sobre a vida destas persoas e aplicamos as leccións que aprendemos, beneficiámonos polo menos de dúas maneiras. Primeiro, dámonos conta de que non somos os únicos que pasamos por problemas. Outros enfrontáronse a situacións parecidas ás nosas e conseguiron aguantar grazas á axuda de Xehová (1 Ped. 5:9). E segundo, aprendemos como afrontar as probas sen perder a alegría (Rom. 15:4).
5. A quen usa Xehová para guiarnos?
5 Xehová tamén utiliza os nosos irmáns para guiarnos. b Por exemplo, os superintendentes de circuíto visitan regularmente as congregacións para animalas. Os seus discursos fortalecen a nosa fe e axúdannos a manternos unidos (Feit. 15:40–16:5). Os anciáns das congregacións tamén se esforzan moito por axudarlle a cada un dos publicadores a manterse cerca de Xehová (1 Ped. 5:2, 3). Os pais guían os seus fillos en sentido espiritual axudándolles a ter unha boa conduta e a conseguir capacidade de pensar para así tomar decisións sabias. Tamén lles ensinan que deben ler a Biblia, asistir ás reunións e predicar regularmente (Prov. 22:6). E as cristiás maduras axúdanlles ás máis novas poñéndolles un bo exemplo, dándolles consellos prácticos e animándoas con cariño (Tito 2:3-5).
6. Que temos que facer para beneficiarnos da guía de Xehová?
6 Xehová deunos todo o que necesitamos para tomar boas decisións e ser felices. Como podemos demostrar que llo agradecemos? Proverbios 3:5, 6 di: “Confía no Señor con todo o teu ser e non te apoies na propia intuición”. Se o facemos, “El achanzará os [nosos] vieiros”, é dicir, axudaranos a evitar moitos problemas e a desfrutar dunha vida máis feliz. Canto agradecemos que Xehová nos coñeza tan ben e nos queira tanto como para darnos os consellos que cada un de nós necesitamos (Sal. 32:8).
XEHOVÁ DÁNOS O QUE NECESITAMOS
7. Cal é unha das maneiras nas que Xehová nos dá o que necesitamos? (Filipenses 4:19).
7 Le Filipenses 4:19. Ademais de guiarnos en sentido espiritual, Xehová bendice os nosos esforzos por obter comida, roupa e un lugar onde vivir (Mat. 6:33; 2 Tes. 3:12). Aínda que é normal que nos preocupemos polas nosas necesidades físicas, Xehová anímanos a non angustiarnos por estas cousas (ver a nota de estudo en Mateo 6:25, nwtsty-S). Por que? Porque o noso Pai nunca nos abandonará (Mat. 6:8; Heb. 13:5). Podemos confiar por completo nel cando nos di que nos dará o que necesitamos.
8. Que fixo Xehová por David?
8 Pensa en como Xehová axudou a David. Durante os anos tan difíciles nos que David foi un fuxitivo, Xehová deulles a el e ós seus homes o que necesitaban para sobrevivir. Meditando en como coidou del ó longo dos anos, David escribiu: “Fun mozo e agora vou vello, e nunca vin un xusto abandonado, nin os seus fillos pedindo pan” (Sal. ). Probablemente ti tamén viches como Xehová coidou con cariño de ti ou dos irmáns cando pasastes por problemas. 37:25
9. Cando hai un desastre hoxe en día, como lles dá Xehová ós seus servos o que necesitan? (Ver tamén as imaxes).
9 Xehová tamén lle dá ó seu pobo o que necesita cando sucede un desastre. Por exemplo, cando en Xerusalén houbo unha fame no primeiro século, os cristiáns que vivían noutros sitios mandáronlles ós irmáns as cousas que necesitaban (Feit. 11:27-30; Rom. 15:25, 26). Na actualidade, os servos de Deus son igual de xenerosos. Cando hai un desastre, Xehová motiva o seu pobo a prover comida, auga, roupa e medicinas ós que viven nas zonas afectadas. Os equipos de construción reparan os fogares e os Salóns do Reino que están danados. E tamén se lles dá rapidamente axuda emocional e espiritual ós que sufriron perdas. c
10, 11. Que aprendes da experiencia de Borys?
10 Xehová tamén lles dá con xenerosidade ós que aínda non o adoran. De maneira parecida, nós buscamos oportunidades de ser amables cos que non comparten as nosas crenzas (Gál. 6:10). Isto a miúdo resulta nun bo testemuño. Pensa no caso de Borys, un director de escola que vivía en Ucraína. Aínda que non é testemuña de Xehová, sempre tratou con amabilidade os seus estudantes que si o eran e respectou as súas crenzas. Debido á guerra, decidiu mudarse a outra zona do país máis segura, e os nosos irmáns axudáronlle. Máis adiante, Borys asistiu á Conmemoración da Morte de Cristo. Recordando todo o que viviu, conta: “As Testemuñas foron moi atentas e coidaron de min. Estoulles moi agradecido”.
11 Podemos imitar o noso misericordioso Pai celestial mostrándolles amor ós que pasan por problemas, tanto se comparten as nosas crenzas coma se non (Luc. 6:31, 36). Esperamos que o amor que lles demostramos ás persoas as motive a querer aprender máis sobre Xehová e a empezar a servilo xunto a nós (1 Ped. 2:12). Pero independentemente do resultado, sentirémonos moi contentos, porque ser xenerosos fainos moi felices (Feit. 20:35).
XEHOVÁ PROTÉXENOS
12. Que protección promete darlle Xehová ó seu pobo como conxunto? (Salmo 91:1, 2, 14).
12 Le Salmo 91:1, 2, 14. Hoxe en día, Xehová promete protexernos de calquera cousa que poida danar a nosa amizade con el. Nunca permitirá que Satanás corrompa a adoración verdadeira (Xoán 17:15). E podemos estar completamente seguros de que durante a “gran tribulación” Xehová cumprira a súa promesa de protexer o seu pobo, non só en sentido espiritual senón tamén fisicamente (Apoc. 7:9, 14, TNM).
13. Como nos protexe Xehová individualmente?
13 Como nos protexe Xehová individualmente? Por medio das Escrituras axúdanos a saber o que está ben e o que está mal (Heb. 5:14). Cando vivimos segundo os principios que encontramos na súa Palabra, protexémonos de sufrir danos, tanto espirituais coma físicos (Sal. 91:4). Ademais, Deus tamén nos dá protección mediante a congregación (Is. 32:1, 2). Ó pasar tempo con outras persoas que aman a Xehová e que o obedecen, recibimos ánimo e forzas para evitar o que está mal (Prov. 13:20).
14. a) Por que non nos protexe Xehová de tódalas probas? b) Que nos asegura o Salmo 9:11 (9:10, TNM)? (Ver tamén a nota).
14 No pasado, houbo veces nas que Xehová protexeu os seus servos de sufrir dano físico ou de que os matasen. Pero non sempre fixo isto. A Biblia ensina que calquera pode ter problemas debido a un “suceso imprevisto” (Ecl. 9:11, TNM). Ademais, ó longo da historia Xehová permitiu que algúns dos seus servos se enfrontasen a persecución, e incluso morresen, para demostrar que Satanás é un mentireiro (Xob 2:4-6; Mat. 23:34). Hoxe en día pasa o mesmo, xa que é posible que Xehová non nos quite as probas. Aínda así podemos estar seguros de que nunca abandonará os que o aman (Sal. 9:11 [9:10, TNM]). d
XEHOVÁ RECONFÓRTANOS
15. Como nos reconfortan a oración, a Palabra de Deus e os nosos irmáns? (2 Corintios 1:3, 4).
15 Le 2 Corintios 1:3, 4. Ás veces sentimos tristeza, ansiedade ou angustia. Quizais agora mesmo estás pasando por unha situación moi difícil que te fai sentir só. Pode alguén entender como te sentes? Si, Xehová. El non só sente a nosa dor, senón que tamén “[nos anima] en tódalas nosas mágoas”. Como? Cando lle abrimos o noso corazón en oración, recibimos “a paz de Deus, que supera toda intelixencia” (Filip. 4:6, 7). Tamén nos consola ler as palabras que nos dirixe na Biblia. Nela Xehová dinos canto nos quere, ensínanos como ser sabios e dános esperanza. E outra axuda moi grande son as reunións cristiás, pois nelas aprendemos cousas animadoras da Biblia e pasamos tempo cos nosos irmáns que tanto nos queren.
16. Que aprendes da experiencia de Nathan e Priscilla?
16 Un exemplo de como Xehová nos reconforta e nos anima mediante a súa Palabra é o que lles pasou a Nathan e a Priscilla, que viven nos Estados Unidos. Hai uns anos decidiron mudarse onde se necesitaban máis publicadores. Nathan conta: “Confiabamos en que Xehová bendiciría os nosos esforzos”. Pero despois de chegar á súa nova asignación, enfrontáronse a problemas de saúde e económicos cos que non contaban. Co tempo tiveron que volver á súa casa, onde seguiron tendo problemas económicos. El recorda: “Non entendía por que Deus non nos bendicira como nós esperabamos. [...] Incluso empecei a preguntarme se eu fixera algo mal”. Pero, co tempo, déronse conta de que Deus non os abandonara. Nathan segue contando: “Naqueles momentos tan difíciles, a Biblia converteuse nun amigo sabio que nos daba ánimo e nos guiaba. [...] Centrarnos en como Xehová nos axudara a aguantar aquela proba, en vez de na proba en si, preparounos para facerlles fronte con fe ás dificultades no futuro”.
17. Como recibiu ánimo Helga? (Ver tamén a imaxe).
17 Xehová tamén pode reconfortarnos por medio dos nosos irmáns. Podemos ver isto claramente ó pensar no que lle pasou a Helga, que vive en Hungría. Durante moitos anos, ela pasou por diferentes problemas que lle provocaron moito estrés e lle fixeron sentir que non valía para nada. Pero, ó mirar atrás, puido ver como Xehová a reconfortou por medio da congregación. Ela explica: “Xehová sempre me axudou cando vía que me estaba quedando sen forzas por culpa do traballo segrar, por coidar do meu fillo que estaba enfermo e por outros problemas que tiña. Nestes últimos 30 anos non houbo un só día no que non cumprise coa súa promesa de reconfortarme. A miúdo me anima mediante palabras amables e ben pensadas doutros. Moitas veces recibín unha mensaxe, unha tarxetiña ou un eloxio xusto cando máis o necesitaba”.
18. Como podemos reconfortar os demais?
18 Temos o privilexio de imitar o noso Deus reconfortando a outros. Como podemos facelo? Escoitándoos con paciencia, dándolles consolo coas nosas palabras e axudándolles de maneiras prácticas (Prov. 3:27). Esforzámonos por animar a tódolos que sofren, incluídos os que aínda non serven a Xehová. Cando os nosos veciños están tristes, enfermos ou angustiados, nós visitámolos, escoitámolos e compartimos con eles palabras animadoras da Biblia. Ó imitar a Xehová, o “Deus de toda consolación”, quizais non só lles axudemos ós nosos irmáns a aguantar as probas, senón que tamén é posible que motivemos os que non serven a Deus a que queiran aprender sobre el (Mat. 5:16).
XEHOVÁ SEMPRE ESTARÁ AÍ PARA NÓS
19. Que fai Xehová por nós, e como podemos imitalo?
19 Xehová preocúpase moito por tódolos que o aman. Non nos abandona cando pasamos por problemas. Igual que un pai cariñoso coida do seu fillo, Xehová coida dos seus servos fieis. El guíanos, dános o que necesitamos, protéxenos e reconfórtanos. Imitamos o noso amoroso Pai celestial cando nós tamén animamos e apoiamos a outros durante as súas probas. Aínda que veñan dificultades e penas, podemos ter a absoluta confianza de que Xehová estará ó noso lado. Despois de todo, el prometeunos: “Non teñas medo, porque estou contigo” (Is. 41:10, TNM). Así que temos a seguridade de que nunca estaremos sós.
CANCIÓN sjj 100 Sexamos hospitalarios
a Mira o artigo “Tomemos decisións que honren a Deus” da revista A Atalaia do 15 de abril de 2011.
b Mira os parágrafos 11 a 14 do artigo “Sigue sempre a guía de Xehová” da revista A Atalaia de febreiro de 2024.
c Podes encontrar exemplos recentes en jw.org escribindo “labores de socorro” no cadro de busca.
d Mira o artigo “Preguntas de los lectores” da revista La Atalaya de febreiro de 2017 (dispoñible en español).
e DESCRICIÓN DA IMAXE: Irmáns de Malaui recibindo axuda material e espiritual da organización de Xehová despois de sufrir un desastre natural.