ARTIGO DE ESTUDO 16
CANCIÓN sjj 87 Ven á reunión!
Acercarnos uns ós outros é bo para nós
“Vede que doce e delicioso o habitaren os irmáns en unión” (SAL. 133:1).
OBXECTIVO
Analizar ideas sobre como podemos acercarnos máis uns ós outros e ver como Xehová nos bendice cando somos amigos dos nosos irmáns.
1, 2. Que é algo que lle importa moito a Xehová, e que quere que fagamos?
POUCAS cousas son máis importantes para Xehová que a maneira na que tratamos os demais. Xesús ensinou que temos que amar o noso próximo como nos amamos a nós mesmos (Mat. 22:37-39). Isto implica ser amable incluso cos que non comparten as nosas crenzas. Cando o facemos imitamos a Xehová Deus, quen “fai saír o sol sobre bos e malos, e fai chover sobre xustos e inxustos” (Mat. 5:45).
2 Xehová ama a tódalas persoas, pero especialmente a aquelas que o obedecen (Xoán 14:21). El quere que o imitemos e por iso nos anima a terlles un “amor intenso” ós nosos irmáns e a demostrarlles “tenro cariño” (1 Ped. 4:8, TNM; Rom. 12:10). Cando pensamos en mostrarlle un amor así a alguén, quizais nos veña á mente o tipo de cariño que sentimos por un familiar querido ou por un bo amigo.
3. Que temos que recordar sobre o amor?
3 O amor, igual que unha plantiña, necesita que o coidemos para medrar. O apóstolo Paulo aconselloulles ós cristiáns: “Que o amor e trato de bos irmáns se conserve entre vós” (Heb. 13:1). Xehová quere que sigamos cultivando o noso amor polos demais. Neste artigo veremos por que debemos acercarnos ós nosos irmáns e como podemos seguir facéndoo.
POR QUE DEBEMOS ACERCARNOS UNS ÓS OUTROS
4. Segundo Salmo 133:1, como podemos asegurarnos de que seguimos valorando a unidade da que desfrutamos cos nosos irmáns? (Ver tamén as imaxes).
4 Le Salmo 133:1. Estamos de acordo co salmista que escribiu que ser amigos dos que aman a Xehová é algo “doce e delicioso”. Pero igual que unha persoa podería dar por sentado a beleza dunha fermosa árbore que ve cada día, nós tamén poderiamos dar por feito o bonita que é a unidade da que desfrutamos entre os cristiáns. Xa que vemos os nosos irmáns a miúdo, quizais incluso varias veces á semana, como podemos asegurarnos de que os seguimos valorando? O amor que lles temos crecerá se dedicamos tempo a pensar no valioso que é cada un deles para a congregación e para nós.
5. De que se poden dar conta outros cando ven o amor que nos temos os servos de Xehová?
5 A algúns que asisten por primeira vez ás nosas reunións impresiónalles moito ver o amor que temos uns polos outros. Quizais xa só por iso cheguen á conclusión de que encontraron a verdade. Xesús dixo: “Así todos saberán que sodes os meus discípulos, se vos amades uns ós outros” (Xoán 13:35). Vexamos a experiencia de Chaithra, unha muller nova que estudaba a Biblia coas testemuñas de Xehová. Ela aceptou a invitación para asistir a un congreso rexional. Despois do primeiro día díxolle á súa mestra da Biblia: “Meus pais nunca me abrazaron. Pero no voso congreso déronme 52 abrazos nun só día. Sentín o amor de Xehová a través do seu pobo. Eu quero formar parte desta familia”. Chaithra seguiu progresando e bautizouse no ano 2024. Está claro que cando os que están empezando a coñecer a verdade ven as nosas boas accións, incluído o amor que temos uns polos outros, a miúdo se senten impulsados a servir a Xehová (Mat. 5:16).
6. Como nos pode protexer acercarnos ós nosos irmáns?
6 Acercarnos ós nosos irmáns pode protexernos. Paulo aconselloulles ós cristiáns: “Alentádevos uns ós outros día tras día [...] de xeito que ningún de vós se deixe endurecer, engaiolado polo pecado” (Heb. 3:13). Se nos empezamos a sentir tan desanimados que nos resulta difícil seguir facendo o que está ben, quizais Xehová motive un irmán que se deu conta do que nos pasa a que nos dea a axuda que necesitamos (Sal. 73:2, 17, 23). Este ánimo é moi bo para nós.
7. Que relación hai entre o amor e a unidade? (Colosenses 3:13, 14, TNM).
7 Pertencemos a un grupo de persoas que se esforza por mostrarse amor, así que desfrutamos de moitas bendicións (1 Xoán 4:11). Por exemplo, o amor motívanos a soportarnos uns ós outros, e isto contribúe á nosa unidade (le Colosenses 3:13, 14, TNM; Ef. 4:2-6). Por iso nas nosas reunións desfrutamos dun moi bo ambiente que non ten ningún outro grupo na Terra.
HONRÉMONOS UNS ÓS OUTROS
8. Como nos axuda Xehová a estar unidos ós nosos irmáns?
8 A unidade mundial da que desfrutamos é un milagre. Xehová faina posible a pesar das nosas imperfeccións (1 Cor. 12:25). A Biblia di que Deus nos ensina a amarnos uns a outros (1 Tes. 4:9). Noutras palabras, a través da Biblia, Xehová dinos exactamente o que debemos facer para acercarnos ós nosos irmáns. Podemos deixarnos ensinar por Deus se estudamos detidamente as súas ensinanzas e as aplicamos (Heb. 4:12; Sant. 1:25). E isto é exactamente o que nos esforzamos por facer as testemuñas de Xehová.
9. Que aprendemos en Romanos 12:9-13 sobre honrarnos uns a outros?
9 Como nos ensina a Palabra de Deus a acercarnos ós nosos irmáns? Podemos ler o que dixo Paulo sobre isto en Romanos 12:9-13 (leo). Fíxate en que di: “Tomade a iniciativa de honrarvos uns ós outros”. Que significa isto? Que deberiamos estar dispostos a ser os primeiros en dar o paso de mostrar “tenro cariño” ós demais de diferentes maneiras, como perdoando e sendo hospitalarios e xenerosos (Ef. 4:32). Non tes por que esperar a que sexan os irmáns os que se acerquen a ti. Podes ser ti o que tome a iniciativa. Desta maneira verás o certas que son as palabras de Xesús de que “hai máis felicidade en dar que en recibir” (Feit. 20:35).
10. Como podemos ser traballadores á hora de honrarnos uns a outros? (Ver tamén a imaxe).
10 É interesante que, xusto despois de dicir que tomemos a iniciativa en demostrarnos honra uns ós outros, Paulo nos exhortase a ser “traballadores, non […] vagos”. Alguén traballador é entusiasta e esfórzase moito. Cando se lle dá unha tarefa, faina con dilixencia. Proverbios 3:27, 28 di: “Non lle negues un favor a quen ten dereito a el, cando está no teu poder o concedelo”. Así que cando vemos que alguén necesita axuda, facemos todo o que podemos por darlla. Non o deixamos para máis adiante nin damos por feito que outra persoa se encargará do asunto (1 Xoán 3:17, 18).
11. Que nos pode axudar a acercarnos uns ós outros?
11 Outra maneira de demostrarlles honra a outros é perdoándoos rapidamente cando nos ofenden. Efesios 4:26 di: “Que o solpor non vos colla no voso incomodo [ou enfado]”. Por que non? O versículo 27 di que se o facemos estarémoslle dando “entrada ó demo”. Na súa Palabra, Xehová dinos unha e outra vez que nos perdoemos uns ós outros. Un exemplo témolo en Colosenses 3:13 (TNM), onde lemos: “Seguide [...] perdoándovos con xenerosidade”. Perdoar os erros dos demais é unha das mellores formas de acercarnos a eles. Cando o facemos, axudamos a “mante-la unidade do espírito no vínculo da paz” (Ef. 4:3). Está claro que se perdoamos os demais contribuímos a manter a unidade e a paz do pobo de Xehová.
12. Como nos axuda Xehová a perdoar?
12 O certo é que pode resultarnos difícil perdoar os que nos ofenderon ou nos trataron mal. Pero podemos conseguilo coa axuda do espírito de Deus. Despois de dicirnos que nos mostremos “tenro cariño” e que sexamos “traballadores”, a Biblia engade: “Que o espírito santo vos encha de entusiasmo” (Romanos 12:11). Así que o espírito santo de Deus pode facer que teñamos moito entusiasmo por facer o que está ben. Isto axúdanos a demostrar tenro cariño e a perdoar os demais con xenerosidade. Por iso lle suplicamos a Xehová con sinceridade que nos dea o seu espírito (Luc. 11:13).
“QUE NON HAXA DIVISIÓNS ENTRE VÓS”
13. Que cousas poderían dividirnos?
13 A congregación está formada por “toda clase de persoas” con diferentes antecedentes (1 Tim. 2:3, 4, TNM). Debido a isto, é posible que cada un de nós tomemos decisións distintas en asuntos como a forma de vestir, a aparencia, os tratamentos médicos ou o entretemento. Se non temos coidado, estas diferenzas poderían dividirnos (Rom. 14:4; 1 Cor. 1:10). Como Deus nos ensina a amarnos uns ós outros, temos que procurar non insistir en que as nosas decisións persoais son mellores que as dos demais (Filip. 2:3).
14. Que deberiamos intentar ser sempre, e por que?
14 Tamén evitaremos que haxa divisións na congregación se nos esforzamos por ser animadores cos demais en todo momento (1 Tes. 5:11). Ultimamente, un gran número de persoas que estaban inactivas ou que foran sacadas volveron á congregación. Cando isto ocorre, dámoslles unha cariñosa benvida (2 Cor. 2:8). Unha irmá que volveu ó Salón do Reino despois de estar inactiva durante 10 anos conta: “Todos me saudaron cun sorriso e dándome a man” (Feit. 3:19). Que efecto tiveron nela estas simples mostras de amabilidade? Ela di: “Fixéronme sentir que Xehová me estaba axudando a ser feliz outra vez”. Se somos animadores con todos, Cristo pode usarnos para reconfortar os que están “cansados e [teñen] moitas cargas” (Mat. 11:28, 29).
15. De que outra maneira podemos fomentar a unidade? (Ver tamén a imaxe).
15 Outra maneira de fomentar a unidade é mediante o que dicimos. Xob 12:11 di: “¿Non é o oído o que distingue as palabras? ¿Non é o padal o que saborea a comida?”. Igual que un bo cociñeiro sempre proba a comida para asegurarse de que está boa antes de servírllela ós demais, facemos ben en pensar no que imos dicir antes de falar (Sal. 141:3). O noso obxectivo é asegurarnos sempre de que o que imos dicir anime, reconforte e “faga ben ós que escoitan” (Ef. 4:29).
16. Quen debería esforzarse especialmente por falar de maneira animadora?
16 Especialmente os maridos e os pais deben ter coidado de que a súa fala sexa animadora (Col. 3:19, 21; Tito 2:4). Os anciáns tamén deben consolar e reconfortar as ovelliñas do rabaño de Xehová (Is. 32:1, 2; Gál. 6:1). Un proverbio bíblico recórdanos: “¡Que boa é unha palabra ó seu tempo!” (Prov. 15:23).
AMÉMONOS “CON FEITOS E NA VERDADE”
17. Como podemos asegurarnos de que o noso amor polos irmáns sexa sincero?
17 O apóstolo Xoán animounos a que “non amemos de palabra e de lingua, senón con feitos e na verdade” (1 Xoán 3:18). Queremos ter un amor sincero polos nosos irmáns. Como podemos conseguilo? Canto máis tempo pasemos xuntos, máis nos acercaremos a eles e máis forte será o amor que lles teremos. Así que crea oportunidades para estar con eles, por exemplo nas reunións e na predicación, e dedica tempo a visitalos. Cando o facemos demostramos que Xehová nos está ensinando a amar os demais (1 Tes. 4:9). Desta maneira seguiremos experimentando de primeira man o “doce e delicioso [que é] o habitaren os irmáns en unión” (Sal. 133:1).
CANCIÓN sjj 90 Animémonos uns ós outros