Ir ó contido

Ir ó índice

CAPÍTULO 19

“Sigue falando e non quedes calado”

“Sigue falando e non quedes calado”

Paulo necesita traballar pero o máis importante para el é a predicación.

Baseado en Feitos 18:1-22

1-3. Por que foi o apóstolo Paulo a Corinto, e a que dificultades se enfrontou?

 ESTAMOS a finais do ano 50. O apóstolo Paulo está en Corinto, unha rica cidade comercial na que viven unha gran cantidade de gregos, romanos e xudeus. a Pero Paulo non está aquí para facer negocios nin para buscar traballo. El está en Corinto por unha razón moito máis importante: dar testemuño do Reino de Deus. Aínda así, necesita un sitio onde quedar e está decidido a non ser unha carga económica para os demais. Non quere darlle a ninguén a impresión de que está vivindo da Palabra de Deus. Que pode facer?

2 Paulo sabe facer tendas de campaña. Este é un oficio duro pero está disposto a traballar coas súas propias mans para manterse. Encontrará traballo nunha cidade onde vive tanta xente? Atopará un sitio digno onde durmir? Aínda que Paulo ten todas estas cousas en mente, non perde de vista o máis importante: o ministerio.

3 Parece que Paulo pasou bastante tempo en Corinto e a súa predicación tivo moi bos resultados. Que aprendemos do que fixo alí? E como nos pode axudar a dar un testemuño completo do Reino de Deus na zona onde vivimos?

“Dedicábanse a facer tendas de campaña” (Feitos 18:1-4)

4, 5. a) Onde quedou Paulo mentres estivo en Corinto, e en que traballou? b) Por que aprendeu Paulo a facer tendas de campaña?

4 Un tempo despois de chegar a Corinto, Paulo coñeceu un matrimonio moi hospitalario: un xudeu chamado Áquila e a súa muller Priscila, ou Prisca. Este matrimonio veu vivir a Corinto “porque o emperador Claudio mandara que tódolos xudeus marchasen de Roma” (Feit. 18:1, 2). Áquila e Priscila non só lle abriron as portas da súa casa a Paulo senón que tamén lle deron traballo. A Biblia di: “Como tiñan o mesmo oficio, quedou na súa casa e empezou a traballar con eles. Dedicábanse a facer tendas de campaña” (Feit. 18:3). A casa desta cariñosa parella converteuse no fogar de Paulo durante todo o tempo que estivo predicando en Corinto. É posible que fose na súa casa onde escribiu algunhas das cartas que máis tarde chegarían a formar parte da Biblia. b

5 Como é que Paulo, que fora educado polo propio Gamaliel, tamén tiña o oficio de facer tendas de campaña? (Feit. 22:3) Parece que os xudeus do primeiro século non consideraban unha deshonra que os seus fillos aprendesen un oficio, incluso se estes tamén recibían unha educación superior. Paulo era orixinario de Tarso, en Cilicia. Esta zona era famosa por producir unha tea chamada cilicium que se usaba na fabricación de tendas de campaña. É posible que Paulo aprendese este oficio cando era novo. Facer tendas de campaña non era nada fácil. Pode que implicase cortar e coser esta tea tan dura e áspera ou incluso fabricala.

6, 7. a) Que opinaba Paulo do seu traballo, e por que sabemos que Áquila e Priscila pensaban igual? b) Como seguen os cristiáns da actualidade o exemplo de Paulo, Áquila e Priscila?

6 Aínda que Paulo traballaba facendo tendas de campaña, non consideraba que esta fose a súa vocación. Só o facía para poder manterse mentres seguía predicando, declarando as boas noticias “de balde” (2 Cor. 11:7). E que opinaban Áquila e Priscila do traballo? Como eran cristiáns, seguro que tamén tiñan a mesma opinión que Paulo. De feito, cando o apóstolo marchou de Corinto no ano 52, Áquila e Priscila non tiveron ningún problema en deixar o seu negocio e ir con el a Éfeso. Alí usouse a súa casa para celebrar as reunións de congregación (1 Cor. 16:19). Despois foron a Roma e volveron de novo a Éfeso. Está claro que esta parella tan entusiasta poñía o Reino en primeiro lugar na súa vida. E tamén estaban dispostos a poñer as necesidades dos demais por diante das súas. Este era o motivo polo que irmáns de tódalas congregacións os querían tanto (Rom. 16:3-5; 2 Tim. 4:19).

7 Os cristiáns da actualidade seguen o exemplo de Paulo, Áquila e Priscila. Aínda que están moi ocupados na predicación, esfórzanse por non ser unha carga para ninguén (1 Tes. 2:9). Moitos pioneiros traballan a media xornada ou por temporadas para poder seguir na obra máis importante: a predicación. Por outro lado, moitos cristiáns imitan a Áquila e Priscila ó mostrarlles hospitalidade ós superintendentes de circuíto e abrirlles as portas das súas casas. Os irmáns que se esforzan por “exercer a hospitalidade” saben o animador e fortalecedor que pode chegar a ser (Rom. 12:13, AGL).

“Moitos corintios [...] tamén creron” (Feitos 18:5-8)

8, 9. Como actuou Paulo ante a oposición dos xudeus, e onde empezou a predicar?

8 Outro detalle que demostra que Paulo vía o seu traballo como un medio para poder seguir predicando vémolo cando Silas e Timoteo chegaron a Corinto. Eles leváronlle regalos moi xenerosos dos irmáns de Macedonia e grazas a iso, Paulo puido dedicarse “por completo a ensinar a palabra de Deus” (Feit. 18:5; 2 Cor. 11:9). Pero ó dedicarlle máis tempo á predicación tamén aumentou a oposición por parte dos xudeus. Estes rechazaron a mensaxe de Cristo que podería salvarlles a vida. Por iso, Paulo “sacudiu o po da súa roupa e díxolles: ‘Sodes responsables da vosa propia morte. Eu non teño culpa. A partir de agora irei onda a xente das nacións’” (Feit. 18:6). Desta forma, o apóstolo demostroulles que non se facía responsable da súa decisión (Ezeq. 3:18, 19).

9 Entón, onde predicaría agora Paulo? Un home chamado Ticio Xusto, que probablemente era un prosélito xudeu e vivía ó lado da sinagoga, abriulle as portas da súa casa. Así que Paulo deixou de predicar na sinagoga e empezou a facelo na casa de Xusto (Feit. 18:7). Aínda así, durante o tempo que estivo en Corinto, seguiu vivindo na casa de Áquila e Priscila.

10. Que demostra que Paulo non tiña intención de deixar de predicarlles ós xudeus e ós prosélitos?

10 Cando Paulo dixo que ía predicarlle á xente das nacións, quería dicir que deixaría de ensinarlles ós xudeus e ós prosélitos que querían escoitalo? Non. Por exemplo “Crispo, o presidente da sinagoga, e tódolos da súa casa creron no Señor”. E é probable que outros xudeus que se reunían nesa sinagoga tamén se fixesen cristiáns, pois a Biblia di: “Moitos corintios que escoitaron a mensaxe tamén creron e bautizáronse” (Feit. 18:8). A casa de Ticio Xusto converteuse no lugar onde se reunía a congregación de Corinto que se acababa de formar. Se Lucas escribiu estes acontecementos en orde cronolóxica, como adoitaba facer, significa que estes xudeus e prosélitos se fixeron cristiáns despois de que Paulo sacudise o po da súa roupa. Isto proba que estaba disposto a adaptarse e a predicarlle a calquera persoa que quixese escoitar.

11. Como imitamos a Paulo cando lles predicamos a persoas que din ser cristiás?

11 Na actualidade, en moitas zonas as igrexas da cristiandade están moi arraigadas e inflúen moito na vida dos seus membros. Nalgúns países e illas os misioneiros da cristiandade esforzáronse moito por conseguir máis seguidores. Pero igual que os xudeus que vivían en Corinto no primeiro século, moitas das persoas que din ser cristiás están máis influenciadas polas tradicións da súa igrexa que pola súa relación con Deus. Igual que fixo Paulo, as testemuñas de Xehová estamos desexando axudar ás persoas a entender o que len na Biblia. E incluso se elas ou os líderes da súa relixión nos perseguen, non deixamos de esforzarnos por axudarlles. Entre elas hai persoas que “teñen fervor relixioso, pero non é un fervor ben entendido” (Rom. 10:2). Por iso temos que facer todo o posible por buscar e atopar as persoas que de verdade queren coñecer a Deus.

“Teño moita xente nesta cidade” (Feitos 18:9-17)

12. Que mensaxe lle deu Xesús a Paulo nunha visión?

12 É posible que Paulo tivese dúbidas de se debía seguir predicando en Corinto. Pero soubo o que tiña que facer cando se lle apareceu Xesús de noite nunha visión. Díxolle: “Non teñas medo. Ti sigue falando e non quedes calado, porque eu estou contigo e ninguén te atacará para facerche mal. Porque teño moita xente nesta cidade” (Feit. 18:9, 10). Que mensaxe tan animadora! O propio Xesús aseguroulle a Paulo que o ía protexer dos seus inimigos e que aínda había moitas persoas que necesitaban escoitar a mensaxe. Que fixo Paulo despois de recibir a visión? O relato di que “quedou alí un ano e seis meses ensinándolles a palabra de Deus” (Feit. 18:11).

13. En que podería estar pensando Paulo mentres se achegaba ó tribunal, pero que seguridade tiña?

13 Despois de pasar arredor dun ano en Corinto, o apóstolo viu máis probas de que o Señor lle estaba axudando. Un día “os xudeus puxéronse de acordo para atacar a Paulo e levárono diante do tribunal” (Feit. 18:12). Hai quen di que este tribunal, que en grego se chamaba bema, estaba encima dunha plataforma elevada feita de mármore azul e branco, e chea de fermosas esculturas. É posible que estivese situado cerca do centro da praza do mercado. Diante do tribunal había un enorme espazo aberto onde collía unha gran multitude de xente. Descubrimentos arqueolóxicos parecen indicar que este lugar estaba a só uns pasos da sinagoga e, polo tanto, tamén da casa de Xusto. Mentres Paulo se achegaba ó tribunal é probable que recordase o asasinato de Esteban, a quen se considera o primeiro mártir cristián. De feito el mesmo, coñecido naquel momento como Saulo, aprobara ese asasinato (Feit. 8:1). Pasaríalle algo parecido a el agora? Non, porque Xesús lle prometera que ninguén lle faría dano (Feit. 18:10).

“Entón botounos do tribunal.” (Feitos 18:16)

14, 15. a) De que acusaron os xudeus a Paulo, e por que desestimou Galión o caso? b) Que lle pasou a Sóstenes, e por que pensan algúns que se chegou a facer cristián?

14 Que pasou cando levaron a Paulo ante o tribunal? O maxistrado que presidía este tribunal era Galión, procónsul de Acaia e irmán maior do filósofo romano Séneca. Diante del, os xudeus acusaron a Paulo dicindo: “Este home está convencendo a xente para que adore a Deus dunha maneira que vai en contra da lei” (Feit. 18:13). Insinuaban que estivera persuadindo de forma ilegal os xudeus para que se convertesen en cristiáns. Pero, ó escoitalos, Galión deuse conta de que Paulo non cometera ningunha “inxustiza” nin tampouco “un delito grave” (Feit. 18:14). Este maxistrado non tiña ningunha intención de implicarse nos asuntos dos xudeus. Por iso, antes de que Paulo puidese dicir unha soa palabra na súa defensa, Galión desestimou o caso. Os xudeus estaban tan enfadados que descargaron a súa ira con Sóstenes, que probablemente substituíra a Crispo como presidente da sinagoga. A Biblia di que o colleron “e empezaron a pegarlle en fronte do tribunal” (Feit. 18:17).

15 Por que non impediu Galión que os xudeus lle pegasen a Sóstenes? Quizais porque pensaba que era o líder da multitude que acusara a Paulo e que o merecía. En calquera caso, é posible que este incidente tivese consecuencias positivas. Anos máis tarde, na primeira carta que Paulo lle escribiu á congregación de Corinto, falou de certo irmán chamado Sóstenes (1 Cor. 1:1, 2). Sería o mesmo Sóstenes a quen golpearon en Corinto? Se é así, é posible que esta experiencia traumática lle axudase a facerse cristián.

16. Por que nos anima a seguir predicando o que Xesús lle dixo a Paulo?

16 Recorda que foi despois de que os xudeus rechazasen a predicación de Paulo cando Xesús lle dixo: “Non teñas medo. Ti sigue falando e non quedes calado, porque eu estou contigo” (Feit. 18:9, 10). Facemos ben en recordar estas palabras, especialmente cando as persoas rechazan a nosa mensaxe. Nunca esquezamos que Xehová pode ver os corazóns e atrae as persoas sinceras (1 Sam. 16:7; Xoán 6:44). Canto nos anima saber isto a manternos moi ocupados na predicación! Cada ano bautízanse centos de miles de persoas, o que equivale a centos cada día. Xesús promételles ós que obedecen o mandato de facer discípulos de xente de tódalas nacións: “Estarei con vós tódolos días ata a parte final do sistema” (Mat. 28:19, 20).

“Se Xehová quere” (Feitos 18:18-22)

17, 18. En que podería estar pensando Paulo mentres navegaba cara a Éfeso?

17 Non sabemos se a decisión de Galión resultou nun período de paz para a congregación de Corinto. Pero o que si sabemos é que “Paulo quedou alí bastantes días” antes de marchar. Na primavera do ano 52 decidiu coller un barco a Siria dende o porto de Céncreas, a uns 11 quilómetros ó leste de Corinto. Pero antes de marchar de Céncreas “cortou o pelo porque fixera un voto” (Feit. 18:18). c Despois diso colleu a Áquila e a Priscila e cruzaron o mar Exeo ata chegar a Éfeso, en Asia Menor.

18 Segundo o barco se ía afastando de Céncreas é posible que Paulo pensase en todo o que pasou mentres estivo en Corinto. Gardaba moi bos recordos e a satisfacción dun traballo ben feito. Durante os 18 meses que estivo predicando alí conseguiu moi bos resultados. Nese tempo formouse a primeira congregación en Corinto, que se reunía na casa de Xusto. Entre os que se fixeron crentes estaban Xusto, Crispo e os da súa casa, e moitos outros. Paulo quería moito a estes novos irmáns porque lles axudou a facerse cristiáns. De feito, máis tarde escribiulles que eran coma unha carta de recomendación escrita no seu corazón. Nós tamén lles temos un cariño especial ás persoas ás que lles axudamos a coñecer a Xehová. Que contentos estamos ó ver estes irmáns e irmás que son coma as nosas “cartas de recomendación”! (2 Cor. 3:1-3).

19, 20. Que fixo Paulo en canto chegou a Éfeso, e que podemos aprender del cando nos esforzamos por alcanzar as nosas metas espirituais?

19 En canto chegou a Éfeso, Paulo non perdeu tempo e rapidamente se puxo a predicar. O relato di: “Entrou na sinagoga e púxose a razoar cos xudeus” (Feit. 18:19). Nesta ocasión Paulo estivo pouco tempo en Éfeso. Aínda que lle pediron que quedase máis, “el non aceptou”. Ó despedirse deles, díxolles: “Se Xehová quere, volverei a visitarvos” (Feit. 18:20, 21). Paulo sabía que en Éfeso aínda había moita xente que tiña que escoitar a mensaxe. Aínda que quería volver, decidiu deixar as cousas en mans de Xehová. Que bo exemplo nos puxo! Cando nos esforzamos por alcanzar as nosas metas espirituais é importante que tomemos a iniciativa. Aínda así, debemos confiar sempre na guía de Xehová e actuar de acordo coa súa vontade (Sant. 4:15).

20 Paulo deixou a Áquila e Priscila en Éfeso e colleu un barco en dirección a Cesarea. Ó parecer, despois “subiu” a Xerusalén e foi saudar a congregación (ver a nota de estudo en Feitos 18:22, nwtsty-S). Finalmente marchou a Antioquía de Siria, o lugar onde vivía cando non estaba de viaxe. Aquí é onde terminou a súa segunda viaxe misional, que foi todo un éxito. Que lle esperaba na súa última viaxe misional?

a Mira o recadro “ Corinto, cidade entre dous mares”.

c Mira o recadro “ O voto que fixo Paulo”.