Ir ó contido

Ir ó índice

APÉNDICE

A Cea do Señor: unha celebración que honra a Deus

A Cea do Señor: unha celebración que honra a Deus

OS CRISTIÁNS recibiron o mandato de celebrar a Conmemoración da Morte de Cristo. A esta celebración tamén se lle chama a “Cea do Señor” (1a Corintios 11:20). Por que é tan importante? Cando e como debe celebrarse?

Xesucristo instituíu esta celebración a noite da Pascua xudía do ano 33 n. e. A Pascua era unha celebración anual que cadraba o día 14 do mes xudeu de nisán. Parece que, para calcular esta data, os xudeus tomaban como referencia o equinoccio de primavera. Este é un día que ten aproximadamente doce horas de luz e doce de escuridade. A primeira lúa nova visible máis cercana ó equinoccio de primavera marcaba o primeiro día do mes de nisán. A Pascua empezaba trece días despois.

Despois de facer marchar a Xudas, Xesús celebrou a Pascua cos seus apóstolos, e instituíu a Cea do Señor. Esta cea substituíu a Pascua xudía e, polo tanto, deberíase celebrar unha vez ó ano.

O Evanxeo de Mateo explica: “Mentres estaban a comer, Xesús colleu pan e, dando gracias, partiuno e déullelo ós seus discípulos, dicindo: ‘Tomade e comede: isto é o meu corpo’. E collendo unha copa, dando gracias, déullela dicindo: ‘Bebede todos dela. Que isto é o meu sangue, o sangue da Alianza, vertido por todos para o perdón dos pecados’” (Mateo 26:26-28).

Algúns pensan que Xesús converteu o pan literalmente na súa carne, e o viño no seu sangue. Pero o corpo de Xesús seguía enteiro cando ofreceu o pan. Entón, comeron de verdade os apóstolos a carne de Xesús e beberon o seu sangue? Claro que non, xa que isto sería canibalismo e unha violación da lei de Deus (Xénese 9:3, 4; Levítico 17:10). Tal e como aparece rexistrado en Lucas 22:20, Xesús dixo: “Esta copa é a Nova Alianza, selada co meu sangue, que se verte por vós”. Converteuse literalmente a copa na “Nova Alianza”? Iso sería imposible, xa que unha alianza é un acordo entre dúas partes, non un obxecto físico.

Polo tanto, tanto o pan coma o viño son símbolos, ou emblemas. O pan simboliza o corpo perfecto de Cristo. Xesús utilizou un pan que lles quedara da cea da Pascua. O pan estaba feito sen lévedo (Éxodo 12:8). A Biblia usa a miúdo o lévedo como símbolo de pecado ou corrupción. Así que o pan sen levedar representa o corpo perfecto e libre de pecado que Cristo sacrificou (Mateo 16:11, 12; 1a Corintios 5:6, 7; 1a Pedro 2:22; 1a Xoán 2:1, 2).

O viño tinto representa o sangue de Xesús. O seu sangue valida a Nova Alianza. Xesús explicou que o seu sangue fora vertido para “perdón dos pecados”. Por iso, algúns seres humanos poden chegar a estar limpos ós ollos de Deus, e ser participantes na Nova Alianza con Xehová (Hebreos 9:14; 10:16, 17). Esta alianza, ou pacto, fai posible que 144.000 cristiáns fieis vaian ó ceo para servir como reis e sacerdotes, para o ben de toda a humanidade (Xénese 22:18; Xeremías 31:31-33; 1a Pedro 2:9; Apocalipse 5:9, 10; 14:1-3).

Quen debería participar dos emblemas da Conmemoración? Como é lóxico, só deberían facelo os que participan na Nova Alianza, é dicir, os que teñen a esperanza de ir ó ceo. O espírito santo de Deus convénceos de que foron seleccionados para ser reis no ceo (Romanos 8:16). Eles tamén participan no pacto para o Reino con Xesús (Lucas 22:29).

E que hai dos que teñen a esperanza de vivir para sempre no Paraíso na Terra? Tamén obedecen o mandato de Xesús de celebrar a Cea do Señor, pero acoden só como observadores respectuosos, non como participantes. Unha vez ó ano, despois da posta do sol do 14 de nisán, as testemuñas de Xehová celebran a Cea do Señor. Aínda que por todo o mundo tan só uns miles afirman ter esperanza celestial, tódolos cristiáns valoran moito esta celebración. É unha moi boa ocasión para reflexionar no inmenso amor que nos mostraron Xehová e Xesucristo (Xoán 3:16).