Ir ó contido

Ir ó índice

CAPÍTULO 1

Cal é a verdade acerca de Deus?

Cal é a verdade acerca de Deus?
  • Preocúpase Deus por nós?

  • Como é Deus? Cal é o seu nome?

  • É posible achegarse a Deus?

1, 2. En moitos casos, por que é bo que fagamos preguntas?

 FIXÁCHESTE algunha vez en cantas preguntas fan os nenos? Moitos comezan a preguntar en canto aprenden a falar. Con ollos curiosos, mírannos e preguntan cousas como: “Por que o ceo é azul? Onde van as estrelas polo día? Quen lles ensinou a voar ós paxaros?”. Aínda que nos esforcemos por darlles unha boa resposta, non sempre é doado. Mesmo a mellor resposta pode levar a outra pregunta: “Por que?”.

2 Os nenos non son os únicos que fan preguntas. Segundo nos facemos maiores, seguimos a facer preguntas. Deste xeito, intentamos atopar o noso rumbo na vida, evitar perigos, ou simplemente satisfacer a nosa curiosidade. Pero parece que chega un momento no que moita xente deixa de facerse preguntas, especialmente as máis importantes. E, como resultado, deixan de buscar respostas.

 3. Por que moita xente deixa de buscar respostas ás preguntas máis importantes da vida?

3 Pensa na pregunta da portada deste libro, nas preguntas da introdución ou nas do comezo deste capítulo. Non cres que son preguntas das máis importantes que te podes facer? Así e todo, moitas persoas deixaron de buscar as respostas. Por que? Terá a Biblia as respostas? Algúns pensan que as respostas da Biblia son moi difíciles de entender. A outros dálles vergonza preguntar. E aínda outros deciden que semellantes cuestións é mellor deixalas para os guías relixiosos. Ti que pensas?

4, 5. Cales son algunhas das preguntas máis importantes que podemos facernos na vida, e por que deberiamos buscar as respostas?

4 Seguramente esteas interesado en coñecer as respostas ás preguntas importantes da vida. Sen dúbida, algunha vez te preguntaches: “Cal é o propósito da vida? É esta vida todo canto hai? Como é Deus?”. É moi bo facerse esta clase de preguntas; ademais, é importante que non te rendas ata que atopes respostas fiables e satisfactorias. O respectado mestre Xesucristo dixo: “Pedide e recibiredes, buscade e atoparedes, petade e abrirásevos” (Mateo 7:7).

5 Se segues buscando as respostas ás cuestións importantes da vida, descubrirás que a busca pode ser moi proveitosa (Proverbios 2:1-5). A pesar do que outros poidan terche dito, as respostas existen, podes atopalas na Biblia e non son difíciles de entender. E non só iso, tamén poden darche esperanza e axudarche a ter unha vida feliz xa dende agora. Para empezar, analicemos unha pregunta que preocupa a moita xente.

É DEUS INDIFERENTE OU INSENSIBLE?

 6. Por que moitos din que Deus é indiferente ó noso sufrimento?

6 Moita xente pensa que a resposta a esta pregunta é “si”. Razoan da seguinte maneira: “Se lle importásemos a Deus, non sería o mundo un lugar moi diferente?”. Cando miramos ó noso arredor, vemos un mundo cheo de guerras, odio e penurias. Os humanos enfermamos, sufrimos e perdemos na morte a persoas que queremos. Por iso, moitos din: “Se Deus se preocupase por nós e os nosos problemas, non impediría que ocorresen semellantes cousas?”.

 7. a) Como conseguiron os mestres relixiosos que a xente crea que Deus é insensible? b) Que ensina realmente a Biblia sobre o noso sufrimento?

7 Peor aínda, nalgunhas ocasións os mestres relixiosos fan crer á xente que Deus é insensible. Como o conseguen? Por exemplo, cando hai unha traxedia, din que é a vontade de Deus. De feito, estes mestres culpan a Deus polas cousas malas que ocorren. Pero, é certo iso? Que ensina realmente a Biblia? Santiago 1:13 responde: “Que ninguén diga ó se ver tentado: ‘Deus é quen me tenta’, porque nin o mal tenta a Deus nin Deus tenta a ninguén”. Así que Deus nunca é o causante da maldade que vemos no mundo (le Xob 34:10-12). É certo que permite que ocorran cousas malas. Pero hai moita diferenza entre permitir que algo ocorra e causalo.

8, 9. a) Como ilustrarías a diferenza entre permitir a maldade e causala? b) Por que sería inxusto culpar a Deus polas nosas malas decisións?

8 Por exemplo, pensa nun pai sabio e amoroso que ten un fillo que xa é adulto, pero que aínda vive con seus pais. Cando o fillo se volve rebelde e decide marchar da casa, o pai non o detén. Entón, o fillo escolle un mal camiño na vida e métese en problemas. É o pai o causante dos problemas de seu fillo? Por suposto que non (Lucas 15:11-13). De maneira parecida, Deus non detén ás persoas cando escollen un mal camiño na vida; pero iso non o converte no causante dos problemas que poidan ter como resultado das súas decisións. Por esa razón, sería inxusto culpar a Deus por tódolos problemas da humanidade.

9 Deus ten boas razóns para permitir que a humanidade siga un mal camiño. Como Creador sabio e poderoso que é, non tería por que explicarnos as súas razóns para facelo. Non obstante, como nos ama, si que nolas dá. Aprenderás máis acerca destas razóns no capítulo 11. Pero podes estar seguro de que Deus non é o responsable dos problemas que temos. Polo contrario, ofrécenos a única esperanza que hai de velos solucionados! (Isaías 33:2).

10. Por que podemos confiar en que Deus reparará tódolos efectos da maldade?

10 Ademais, Deus é santo (Isaías 6:3). Isto significa que é puro e limpo, non hai rastro de maldade nel. Por iso podemos confiar completamente en Deus. Isto é moito máis do que podemos dicir dalgunhas persoas, que ás veces vólvense corruptas. Nin sequera o máis honrado dos gobernantes ten o poder de reparar o dano causado polas persoas malas. Pero Deus é todopoderoso. Non só pode, senón que vai reparar todo o dano que os malvados causaron á humanidade. Cando Deus actúe, eliminará a maldade para sempre! (Le Salmo 37:9-11).

COMO SE SENTE DEUS CANDO SUFRIMOS INXUSTIZAS?

11. a) Como ve Deus a inxustiza? b) Como se sente Deus cando nos ve sufrir?

11 Mentres tanto, como se sentirá Deus ó ver todo o que está a pasar no mundo e na nosa vida? A Biblia ensina que el “ama a xustiza” (Salmo 37:28). Por iso, está moi interesado en ver se algo está ben ou mal. El odia todo tipo de inxustiza. A Biblia di que Deus se entristeceu cando, no pasado, viu que o mundo estaba cheo de maldade (Xénese 6:5, 6). Deus non cambiou (Malaquías 3:6). Aínda aborrece todo o sufrimento que hai na Terra; detesta ver sufrir á xente. A Biblia tamén afirma que Deus coida de nós (le 1a Pedro 5:7).

A Biblia ensina que Xehová é o amoroso Creador do Universo

12, 13. a) Por que temos boas calidades como o amor, e como afecta este á nosa maneira de ver o mundo? b) Por que podes estar seguro de que Deus fará algo para solucionar os problemas do mundo?

12 Como podemos estar seguros de que Deus odia vernos sufrir? O certo é que hai proba dabondo. A Biblia ensina que o home foi feito á imaxe de Deus (Xénese 1:26). Por iso, como Deus ten boas calidades, nós tamén as temos. Por exemplo, non te amola ver sufrir a xente inocente? Se che doen as inxustizas, ten a seguridade de que a Deus lle doen moito máis.

13 Unha das calidades que máis valoramos dos demais é a súa capacidade de amar. Isto é un reflexo da personalidade de Deus. A Biblia ensina que “Deus é amor” (1a Xoán 4:8). Somos capaces de amar porque Deus tamén ama. Non é certo que sería por amor que acabarías co sufrimento e a inxustiza que hai no mundo? Se tiveses o poder para facelo, non o farías? Abofé que si! Por iso, podes estar seguro de que Deus eliminará todo o sufrimento e a inxustiza do mundo. As promesas que se citan ó principio deste libro non son soños ou esperanzas baleiras. O que Deus promete cumprirase seguro! Pero para poder poñer fe nestas promesas, necesitas coñecer mellor a Deus, que foi quen as fixo.

DEUS DESEXA QUE O COÑEZAS

Se queres que alguén te coñeza, non lle dis o teu nome? Deus dinos o seu nome na Biblia

14. Cal é o nome de Deus, e por que deberiamos usalo?

14 Se quixeses que alguén te coñecese, que farías? Non lle dirías como te chamas? E cal será o nome de Deus? Moitas relixións din que o Seu nome é “Deus” ou “Señor”, pero eses non son nomes propios. Son tratamentos, o mesmo que “rei” ou “presidente”. A Biblia ensina que a Deus se lle chama de moitas formas distintas; “Deus” e “Señor” son algunhas delas. Non obstante, a Biblia tamén ensina que Deus ten un nome persoal: Xehová, aínda que tamén pode usarse a forma Iavé. Isaías 42:8 di: “Eu, Iavé, este é o meu Nome!”. Se a túa tradución da Biblia non contén este nome, quizais queiras consultar o apéndice titulado “O nome de Deus: uso e significado para saber por que. A verdade é que o nome de Deus aparece miles de veces nos manuscritos antigos da Biblia. Xehová quere que aprendas o seu nome e o uses. É como se Deus usase a Biblia para presentarse.

15. Que significa o nome Xehová?

15 Deus púxose un nome cheo de significado. O seu nome, Xehová, significa que Deus pode cumprir calquera promesa que faga, e que pode levar a cabo calquera cousa que teña pensado facer. a O nome de Deus é único, só lle pertence a el. Xehová é único en moitos sentidos. Que quere dicir isto?

16, 17. Que podemos aprender de Xehová polas seguintes expresións: a) o Todopoderoso? b) “desde sempre e por sempre”? c) “Creador”?

16 O Salmo 83:19 (83:18, NM) di de Xehová: “ ti, Señor, e-lo Altísimo en toda a terra”. Ademais, tamén é descrito como todopoderoso, ou que todo o sostén. En Apocalipse 15:3 dise de Deus: “Grandes e admirables son as túas obras, Señor Deus, que todo o sostés”. Xehová é o Todopoderoso, é dicir, o ser máis poderoso que existe. Non hai ninguén que teña máis poder ca el. Xehová tamén é único noutro sentido: el sempre existiu. O Salmo 90:2 di: “Primeiro que os montes xurdisen, e que fosen formados a terra e o mundo, desde sempre e por sempre es ti Deus”. Verdade que é impresionante?

17 Xehová tamén é único porque é o Creador. Apocalipse 4:11 afirma: “Merecente es, noso Señor e Deus, de recibir gloria, honra e poder, porque ti es quen o creaches todo: pola túa vontade existe e foi creado”. As criaturas espirituais do ceo, as estrelas que vemos pola noite, a froita que medra nas árbores, os peixes dos ríos e os océanos, e calquera outra cousa na que poidamos pensar... todo existe porque Xehová é o Creador!

COMO PODES ACHEGARTE A XEHOVÁ?

18. Por que algunhas persoas cren que nunca poderán achegarse a Deus, pero que ensina a Biblia?

18 Ler acerca das marabillosas calidades de Xehová fai que algúns se sintan un pouco intimidados. Quizais pensen que Deus é demasiado elevado, que xamais poderán achegarse a el, ou que nunca chegarán a importarlle. Pero, é verdade isto? A Biblia ensina xusto o contrario. Nela dise de Xehová: “En realidade non está lonxe de cada un de nós” (Feitos 17:27). A Biblia tamén nos anima así: “Achegádevos a Deus e El achegarase a vós” (Santiago 4:8).

19. a) Como podemos comezar a achegarnos a Deus, e como nos beneficiará? b) Que calidades de Deus che gustan máis?

19 Como podes achegarte a Deus? En primeiro lugar, segue facendo o que estás a facer agora, é dicir, aprender acerca de Deus. Xesús dixo: “E nisto consiste a vida eterna: que te coñezan a ti, o único Deus verdadeiro, e a quen mandaches, Xesús Cristo” (Xoán 17:3). Si, a Biblia ensina que aprender acerca de Xehová e Xesús conduce á “vida eterna”. Como xa se mencionou, “Deus é amor” (1a Xoán 4:16). Pero Xehová tamén ten outras calidades ben bonitas e atraentes. Por exemplo, a Biblia di que Xehová é un “Deus compasivo e benfeitor, tardo á ira, rico en amor e lealdade” (Éxodo 34:6). Sempre está disposto a perdoar (Salmo 86:5; Hebreos 8:12). É un Deus paciente (2a Pedro 3:9). É fiel (1a Corintios 1:9). Segundo vaias lendo a Biblia, verás que Xehová ten estas e moitas outras calidades atraentes.

20-22. a) Por que o feito de que non poidamos ver a Deus non é un impedimento para achegarnos a el? b) Que é posible que te animen a facer persoas con boas intencións, pero que deberías facer?

20 O certo é que non podemos ver a Deus porque é un espírito invisible (Xoán 1:18; 4:24; 1a Timoteo 1:17). Non obstante, podes chegar a saber como é Deus nas páxinas da Biblia. Como dixo o salmista, poderás “gozar da dozura do Señor” (Salmo 27:4; Romanos 1:20). Canto máis aprendas acerca de Xehová, máis real chegará a ser para ti, e máis razóns terás para amalo e sentirte cerca del.

O amor que un bo pai sente polo seu fillo é o reflexo do gran amor que o noso Pai celestial sente por nós

21 Chegarás a entender por que a Biblia nos ensina a ver a Xehová como o noso Pai (Mateo 6:9). Xehová non só nos dá a vida, senón que quere que teñamos a mellor vida posible, coma calquera pai cariñoso desexaría para os seus fillos (Salmo 36:10 [36:9, NM]). A Biblia tamén ensina que os humanos podemos ser amigos de Xehová (Santiago 2:23). Imaxínao! Podes chegar a ser amigo do Creador do Universo!

22 A medida que aprendas máis da Biblia, poida que algunhas persoas con boas intencións che pidan que deixes de estudala. Quizais lles preocupe que cambies de crenzas. Pero non deixes que ninguén che impida cultivar a mellor amizade que xamais poderás ter.

23, 24. a) Por que deberías seguir facendo preguntas sobre o que estás a aprender? b) De que tratará o seguinte capítulo?

23 Claro, haberá cousas que ó principio non entendas. Poida que sintas vergonza se preguntas, pero non deixes de facelo. Xesús dixo que é bo ser humilde coma un neno (Mateo 18:2-4). E, como xa sabemos, os nenos fan moitas preguntas. Deus quere que atopes as respostas. A Biblia fala moi ben de certas persoas que desexaban aprender acerca de Deus. Investigaban con interese as Escrituras para asegurarse de que o que estaban a aprender era verdade (le Feitos 17:11).

24 A mellor maneira de aprender acerca de Xehová é estudando a Biblia. É diferente de calquera outro libro. En que sentido? O seguinte capítulo analizará esta cuestión.

a Se desexas máis información sobre o significado e a pronuncia do nome de Deus, podes consultar o apéndice titulado “O nome de Deus: uso e significado”.