Ir ó contido

Ir ó índice

LECCIÓN 4

Quen é Xesucristo?

Quen é Xesucristo?

1. Como comezou a vida de Xesús?

Que calidades fan de Xesús unha persoa accesible? (MATEO 11:29; MARCOS 10:13-16)

 A diferenza dos seres humanos, antes de nacer na terra Xesús viviu no ceo como un ser espiritual (Xoán 8:23). Foi a primeira creación de Deus e axudoulle a crear tódalas outras cousas. A Biblia di que Xesús é o fillo unixénito de Deus, xa que foi o único creado directamente por Xehová (Xoán 1:14). A Xesús tamén se lle chama “a Palabra” porque serviu como voceiro de Deus. Le Proverbios 8:22, 23, 30; Colosenses 1:15, 16.

2. Para que veu Xesús á terra?

 Deus mandou o seu fillo á terra transferindo a súa vida á matriz dunha virxe xudía chamada María. Deste xeito, Xesús non tivo un pai humano (Lucas 1:30-35). Xesús veu á terra para 1) ensinar a verdade acerca de Deus, 2) poñer o exemplo de como facer a vontade de Deus, mesmo pasando dificultades, e 3) dar a súa vida perfecta “en rescate por todos”. Le Mateo 20:28.

3. Por que necesitamos un rescate?

 Un rescate é o prezo que se paga para liberar unha persoa que está en perigo de morte (Éxodo 21:29, 30). A vellez e a morte non formaban parte do propósito de Deus para a humanidade. Como o sabemos? Porque Xehová lle dixo a Adam, o primeiro home, que se cometía o que a Biblia chama “pecado”, morrería. Pero se non pecaba, non tería que morrer (Xénese 2:16, 17; 5:5). Segundo di a Biblia, a morte “entrou” no mundo por medio de Adam. Desta maneira, Adam transmitiulles ós seus descendentes o pecado e, como consecuencia, a morte. Necesitamos un rescate para liberarnos da condena a morte que herdamos de Adam. Le Romanos 5:12; 6:23.

 Quen podería pagar o rescate que nos liberase da morte? Cando morremos pagamos soamente polos nosos pecados. Ningún ser humano imperfecto pode pagar polos pecados doutros. Le Salmo 49:8-10 (49:7-9, NM).

4. Por que morreu Xesús?

 A diferenza de nós, Xesús era perfecto. Así que non tiña por que morrer polos seus pecados, xa que non cometera ningún. Máis ben, Xesús morreu polos pecados dos demais. Deus mostrou o extraordinario amor que nos ten enviando o Seu fillo a morrer por todos nós. Xesús tamén demostrou canto ama a humanidade obedecendo a seu Pai e dando a súa vida polos nosos pecados. Le Xoán 3:16; Romanos 5:18, 19.

 Ver o vídeo Por que morreu Xesús?

5. E que está a facer Xesús agora?

 Cando estivo na terra, Xesús curou enfermos, resucitou mortos e aliviou o sufrimento da xente, demostrando así o que fará no futuro polas persoas obedientes (Mateo 15:30, 31; Xoán 5:28). Despois de morrer, Deus devolveulle a vida a Xesús como un ser espiritual (1a Pedro 3:18). Dende ese momento, Xesús agardou á dereita de Deus ata que recibiu del a autoridade de gobernar a Terra (Hebreos 10:12, 13). Xesús xa é rei nos ceos, e os seus seguidores están a anunciar esta boa noticia por todo o mundo. Le Daniel 7:13, 14; Mateo 24:14.

 Moi pronto Xesús vai utilizar a súa autoridade como rei para acabar con todo o sufrimento e cos que o causan. Tódolos que teñan fe en Xesús e o obedezan desfrutarán da vida nun paraíso na Terra. Le Salmo 37:9-11.