Ir ó contido

Ir ó índice

CAPÍTULO 13

Agrádanlle a Deus tódalas festas?

Agrádanlle a Deus tódalas festas?

“Tende sempre o ollo no que agrada ao Señor” (EFESIOS 5:10, ONT)

 1. Que debemos facer para que a nosa adoración lle agrade a Xehová, e por que?

 XESÚS dixo que “os verdadeiros adoradores adorarán o Pai en espírito e verdade, pois eses son os adoradores que procura o Pai” (Xoán 4:23; 6:44). Cada un de nós debe ter en conta “o que agrada ó Señor” (Efesios 5:10). Isto non sempre é fácil, pois Satán engánanos para que fagamos cousas que a Xehová non lle gustan (Apocalipse 12:9).

 2. Explica o que pasou preto do monte Sinaí.

2 Como intenta enganarnos Satán? Unha forma é tratando de confundirnos sobre o que está ben e o que está mal. Vexamos o que lles pasou ós israelitas preto do monte Sinaí. Moisés subiu á montaña e o pobo quedou esperando no campamento. Pero co tempo cansáronse de esperar e pedíronlle a Aharón que lles fixese un deus. Aharón fíxolles un becerro de ouro e o pobo celebrou unha festa. Bailaron arredor do becerro e inclináronse diante del. Crían que deste xeito estaban a adorar a Xehová. Pero o feito de que pensasen que era unha festa en honor a Xehová non a converteu en algo bo. Para Xehová foi unha forma de idolatría e, como resultado, morreron moitos israelitas (Éxodo 32:1-6, 10, 28). Cal é a lección? Non nos deixemos enganar. A Biblia di: “Non toquedes cousa impura”, é dicir, non debemos ter nada que ver coa relixión falsa. Deixemos que Xehová nos ensine o que está ben e o que está mal (Isaías 52:11; Ezequiel 44:23; Gálatas 5:9).

3, 4. Por que é bo analizar a orixe das festas populares?

3 Cando Xesús estivo na terra, ensinoulles ós apóstolos o xeito correcto de adorar a Xehová. Despois da súa morte, os apóstolos continuáronlles ensinando as normas de Xehová ós novos discípulos. Pero cando morreron, mestres falsos comezaron a introducir ideas equivocadas, e celebracións e costumes pagáns na congregación. Incluso lles cambiaron o nome para que parecesen celebracións cristiás (2 Tesalonicenses 2:7, 10; 2 Xoán 6, 7). Moitas seguen a ser populares e promoven crenzas falsas, mesmo o ocultismo (Apocalipse 18:2-4, 23). a

4 Por todo o mundo, as festas e as celebracións son unha parte importante da vida da xente. Pero, segundo vaias aprendendo o que pensa Xehová ó respecto, poida que te decates de que precisas cambiar a túa forma de ver algunhas festas. Quizais non sexa fácil, pero ten por seguro que contarás coa Súa axuda. Imos analizar a orixe dalgunhas festas populares para entender o que pensa Xehová sobre elas.

O NADAL

 5. Como sabemos que Xesús non naceu o 25 de decembro?

5 En moitas partes do mundo, celébrase o Nadal o 25 de decembro. Moita xente pensa que Xesús naceu nesa data. Inda que a Biblia non di nin o día nin o mes, si que dá algúns datos sobre a época do ano na que naceu Xesús. Por exemplo, Lucas escribiu que en Belén, cando Xesús naceu, os pastores “pasaban a noite ó descuberto vixiando o seu rabaño” (Lucas 2:8-11). No mes de decembro en Belén vai frío, chove e mesmo pode nevar. Así que os pastores non estarían pasando a noite fóra cos seus rabaños. Que nos ensina isto? Que Xesús non naceu en decembro, senón nun mes máis cálido. Tanto a Biblia como as probas históricas indican que naceu entre setembro e outubro.

6, 7. a) Cal é a orixe de moitos costumes do Nadal? b) Cal debería ser a razón para facer agasallos?

6 Entón, de onde vén o Nadal? A súa orixe está en festas pagás, coma as saturnais, unhas festas romanas en honor a Saturno, o deus da agricultura. O libro Dos fastos ós festexos di que o Nadal é “herdeiro directo das Saturnais romanas”. E engade que “durante estas festas pechaban os lugares públicos, permitíanse as bromas, como as inocentadas de hoxe en día, celebrábanse loterías populares e outros xogos de azar, había desfiles de disfraces e mandábanse felicitacións a amigos e familiares”. Ademais, o 25 de decembro tamén se celebraba o aniversario de nacemento de Mitra, o deus persa do Sol.

7 Pero a maioría da xente non celebra o Nadal pensando na súa orixe pagá. Veno como unha época do ano para estar coa familia, desfrutar de boa comida e intercambiar agasallos. Os servos de Deus querémoslle moito á familia e ós amigos, e Xehová quere que sexamos xenerosos. De feito, 2 Corintios 9:7 di que “Deus ama ó que dá con alegría”. Pero Xehová non quere que sexamos xenerosos só en ocasións especiais. Por iso nos gusta estar cos amigos e coa familia, e facer regalos en calquera época do ano, sen esperar nada a cambio. Somos xenerosos porque queremos ós demais (Lucas 14:12-14).

Coñecermos a orixe das festas axúdanos a saber o que debemos evitar

 8. Leváronlle os astrólogos regalos a Xesús ó pouco de nacer? Explica a túa resposta.

8 Moitas persoas din que tres reis magos visitaron a Xesús na corte das bestas cando naceu e que lle levaron regalos. Baséanse niso para dar agasallos no Nadal. É certo que uns homes visitaron a Xesús e que lle levaron regalos, como se adoitaba facer coas persoas importantes (1 Reis 10:1, 2, 10, 13). Pero aqueles homes non adoraban a Xehová. A Biblia di que eran magos, ou astrólogos. Amais, non o visitaron xusto cando naceu, senón tempo despois, na súa casa, cando xa era un neno (Mateo 2:1, 2, 11).

OS ANIVERSARIOS DE NACEMENTO

 9. Que aniversarios de nacemento se mencionan na Biblia?

9 O día que nace un neno é un día moi feliz (Salmo 127:3). Pero iso non quere dicir que debamos celebrar os aniversarios de nacemento. Pensa nisto. Na Biblia só se mencionan dous: o dun faraón e o do rei Herodes Antipas (le Xénese 40:20-22; Marcos 6:21-29). Ningún deles servía a Xehová. De feito, a Biblia non fala de ningún servo de Xehová que celebrase o aniversario de nacemento.

10. Como vían os aniversarios de nacemento os primeiros cristiáns?

10 A obra Las cosas nuestras de cada día di que os primeiros cristiáns vían os aniversarios de nacemento como “reliquias das prácticas pagás”. Esas prácticas baseábanse en crenzas falsas. Por exemplo, na Grecia antiga crían que cada persoa tiña un espírito que estivera presente no seu nacemento. Pensaban que ese espírito estaba relacionado cun deus que nacera o mesmo día e que debían celebrar o aniversario de nacemento para estaren protexidos toda a vida. Ademais, os aniversarios de nacemento están relacionados cos horóscopos e coa astroloxía.

11. Que pensa Xehová sobre sermos xenerosos?

11 Moitas persoas cren que o seu aniversario de nacemento é un día especial no que deberían recibir agarimo e atención. Pero podemos demostrarlles á nosa familia e amigos que os queremos durante todo o ano, non só nun día concreto. Xehová quere que sexamos amables e xenerosos sempre (le Feitos 20:35). Agradecémoslle tódolos días o fermoso agasallo da vida, non só no aniversario do noso nacemento (Salmo 8:4, 5 [8:3, 4, NM]; 36:10 [36:9, NM]).

Os verdadeiros cristiáns facemos agasallos porque queremos ós demais

12. Como pode ser mellor o día da morte có día de nacer?

12 Eclesiastés 7:1 di: “‘Máis vale unha boa sona do que un perfume caro’ e ‘o día da morte có [día] de nacer’”. Como pode ser posible iso? Ó nacer, inda non fixemos nada coa nosa vida, nin bo nin malo. Pero se servimos a Xehová e facemos cousas boas por outros, gañámonos “unha boa sona”. E Xehová sempre se lembrará de nós, mesmo despois de morrermos (Xob 14:14, 15). Os servos de Xehová non celebramos o noso aniversario de nacemento nin tampouco o de Xesús. De feito, o único acontecemento que Xesús mandou celebrar foi a Conmemoración da súa morte (Lucas 22:17-20; Hebreos 1:3, 4).

A SEMANA SANTA

13, 14. Cal é a orixe da maioría dos costumes da Semana Santa?

13 Durante a Semana Santa moitas persoas adoitan celebrar a morte e resurrección de Xesús. Pero a maioría dos costumes desta festividade teñen orixes pagás. Por exemplo, falando das festas en honor ó deus pagán Atis que se celebraban nesa mesma época do ano, o libro Dos fastos ós festexos di: “Todos estes festexos [...] teñen bastante semellanza coa Semana Santa cristiá, desde o Domingo de Ramos, as procesións nocturnas, as imaxes dos penitentes enmascarados e infrinxíndose castigos corporais, ata o remate da primeira hora do Domingo de Gloria, en que se anuncia a Resurrección de Cristo”.

14 Pensas que a Xehová lle gusta que se mesturen costumes relixiosos falsos coa morte e resurrección do seu Fillo? Claro que non (2 Corintios 6:17, 18). De feito, Xehová nunca nos mandou celebrar a resurrección de Xesús.

O ANINOVO E O HALLOWEEN

15. a) De onde vén o Aninovo? b) Cal é a orixe do Halloween?

15 En moitos lugares celébrase o Aninovo con grandes festas cheas de alcohol e inmoralidade sexual. Ademais, baséase en tradicións pagás. The World Book Encyclopedia explica: “O emperador romano Xulio César estableceu o 1 de xaneiro como día de Aninovo no ano 46 a. n. e. Os romanos dedicábanlle esta festa a Xano, deus das portas e dos comezos. De feito, o mes de xaneiro débelle o seu nome a esta deidade, que tiña dúas caras: unha mirando cara adiante e outra cara atrás”. E que é o Halloween ou Samaín? Esta festa celébrase a noite anterior ó Día de Tódolos Santos e está relacionada con meigas, trasnos e pantasmas. Pero non é unha celebración nova. Os antigos celtas celebraban a festa do Samhain a noite de lúa chea máis próxima ó 1 de novembro. Crían que os espíritos dos mortos volvían á Terra durante a festa e deixábanlles comida e bebida ós espíritos para que non lles fixesen dano. Cando os nenos se disfrazan e van polas casas ameazando con facer trasnadas se non lles dan doces, non saben que están imitando ese antigo costume relacionado cos demos.

VODAS QUE LLE DAN HONRA A DEUS

16, 17. Que deberiamos ter en conta ó organizar unha voda?

16 As vodas son ocasións moi felices e celébranse de xeitos diferentes arredor do mundo. A xente non adoita pensar na orixe dos costumes das vodas. Por iso quizais non saiban que algúns deles veñen de crenzas relixiosas pagás. Pero as parellas cristiás que están a organizar a súa voda, queren agradarlle a Xehová. Coñeceren a orixe dos costumes axudaralles a tomar boas decisións (Marcos 10:6-9).

17 Algunhas persoas seguen certos costumes nas vodas porque pensan que iso lle dará boa sorte á nova parella. Por exemplo, nalgúns sitios tíranlles arroz ou cousas semellantes ós noivos. Pensan que así terán fillos, felicidade e unha longa vida, e que estarán protexidos do mal. Pero os cristiáns teñen coidado de evitar calquera costume relacionado coa relixión falsa (le 2 Corintios 6:14-18).

18. Que principios bíblicos deberiamos ter en conta ó organizar unha voda?

18 As parellas cristiás queren que a súa voda sexa unha ocasión digna e feliz, e que todos desfruten. Se alguén quere dicir unhas palabras en público, non debe dicir nada de mal gusto, facer comentarios sexuais nin faltarlles ó respecto ós noivos ou a outras persoas (Proverbios 26:18, 19; Lucas 6:31; 10:27). Nas vodas, os cristiáns non buscan presumir do que teñen (1 Xoán 2:16). Se estás organizando unha voda, fai todo o que poidas para que sexa un día que lembres con ledicia (ver a nota 28).

A ORIXE DOS BRINDES

19, 20. Cal é a orixe dos brindes?

19 Brindar é un costume moi común nas vodas e noutras ocasións especiais. Un brinde consiste en levantar a copa mentres unha persoa expresa bos desexos sobre algo ou alguén. Como deben os cristiáns ver os brindes?

20 A obra International Handbook on Alcohol and Culture (Manual internacional sobre alcohol e cultura) di que é probable que os brindes veñan dun costume pagán no que “se ofrecía un líquido sagrado ós deuses”. E engade que se facía “a cambio dun desexo, elevando unha petición que se resumía nas palabras ‘por moitos anos’ ou ‘á túa saúde’”. No pasado, as persoas adoitaban levantar as súas copas para pedir a bendición dos deuses. Pero ese non é o xeito correcto de obter a bendición de Xehová (Xoán 14:6; 16:23).

QUEN AMA A XEHOVÁ ABORRECE A MALDADE

21. Que outras celebracións deberiamos evitar os cristiáns?

21 Se estás a decidir se participar ou non nalgunha celebración, pensa na actitude e no comportamento que promove. Por exemplo, nalgunhas festas e desfiles a xente baila de xeito erótico, bebe sen control e mesmo fai cousas inmorais. Poida que estas celebracións tamén promovan o nacionalismo ou a homosexualidade. Se participamos nestas festas, estariamos aborrecendo a maldade igual que Xehová? (Salmo 1:1, 2; 97:10; 119:37).

22. Que nos pode axudar a decidir se imos participar ou non nunha festa?

22 Os cristiáns debemos ter moito coidado coas festas para evitar as que lle desagradan a Deus. O apóstolo Paulo escribiu: “Tanto que comades, como que bebades, coma calquera cousa que fagades, facédeo todo para gloria de Deus” (1 Corintios 10:31; ver a nota 29). Por suposto, non tódalas festas están relacionadas coa inmoralidade sexual, a relixión falsa ou o nacionalismo. Se unha festa non vai en contra de ningún principio bíblico, cada un ten que decidir se participará nela ou non. Ademais, tamén queremos ter en conta o efecto que terá a nosa decisión nos demais.

HONRA A XEHOVÁ COAS TÚAS PALABRAS E ACCIÓNS

23, 24. Como lles podes explicar ós familiares que non son testemuñas de Xehová a túa decisión de non celebrar certas festas?

23 É probable que xa deixases de participar nas festas que lle desagradan a Xehová. Pero quizais algúns dos teus familiares que non son testemuñas de Xehová pensen que iso significa que xa non os queres, ou que non queres estar con eles. Poida que vexan as festas como a única ocasión para xuntar a familia. Entón, que podes facer? Hai moitos xeitos de demostrarlles que os queres e que son importantes para ti (Proverbios 11:25; Eclesiastés 3:12, 13). Por exemplo, poderías invitalos a pasar tempo contigo noutros momentos.

24 Se os teus familiares queren saber por que xa non celebras certas festas, podes buscar información nas publicacións baseadas na Biblia e en jw.org. Así poderás razoar con eles e explicarlles os motivos. Pero non deas a impresión de que estás intentando gañar unha discusión ou obrigándoos a que pensen coma ti. Axúdalles a ver que tiveches en conta moitos factores e que ninguén decidiu por ti. Mantén a calma para que a conversa “sexa sempre agradable, cun chisquiño de sal” (Colosenses 4:6).

25, 26. Que poden facer os pais para que os seus fillos aprecien as normas de Xehová?

25 É importante que teñamos ben claras as razóns polas que decidimos non celebrar certas festas (Hebreos 5:14). O que queremos é agradarlle a Xehová. E, se temos fillos, debemos dedicar tempo a axudarlles a entender e apreciar os principios bíblicos. Queremos que vexan a Xehová como alguén real, que cheguen a ser os seus amigos. Así eles tamén quererán agradarlle (Isaías 48:17, 18; 1 Pedro 3:15).

26 Xehová alégrase moito cando nos esforzamos por manter limpa a nosa adoración (Xoán 4:23). A Xehová tamén lle gusta que sexamos honrados en todo. Pero, é posible selo neste mundo? Verémolo no seguinte capítulo.

a Podes atopar información sobre diferentes celebracións na BIBLIOTECA EN LIÑA Watchtower e en jw.org.