Ir ó contido

Ir ó índice

CAPÍTULO 49

A malvada raíña Iezabel

A malvada raíña Iezabel

O rei Acab tiña un pazo en Iezrael dende o que se vía a viña dun home chamado Nabot. A Acab gustáballe moito aquela viña e intentou comprarlla, pero Nabot non lla quixo vender. Por que? Porque a Lei dicía que non se podían vender as terras que se herdaban dos pais. Que faría Acab? Respectaría a Nabot por facer as cousas ben? Non. Enfadouse moitísimo. Desgustouse tanto que non quería saír do seu cuarto nin comer nada.

A muller de Acab era a malvada raíña Iezabel. Ela díxolle: “Ti es o rei de Israel. Podes ter o que queiras. Eu conseguireiche esa viña”. Entón, escribiulles cartas ós anciáns da cidade dicíndolles que acusasen a Nabot de maldicir a Deus, e que o matasen a pedradas. Eles fixeron o que lles pedira. Logo, ela foi onda Acab e díxolle: “Nabot morreu. A viña é túa”.

Nabot non foi a única persoa inocente que matou Iezabel. Moitos outros que amaban a Xehová tamén morreron por culpa desta muller. Ademais, ela adoraba ídolos e facía outras cousas malas. Pero Xehová estábao vendo todo. Que faría con Iezabel?

Algún tempo despois da morte de Acab, o seu fillo Ieroboam chegou a ser rei. Entón Xehová enviou un home que se chamaba Iehú para castigar a Iezabel e maila súa familia.

Iehú foi no seu carro a Iezrael, onde vivía Iezabel. Polo camiño atopouse con Ieroboam, que saíra ó seu encontro no seu carro. Ieroboam preguntoulle: “Hai paz entre nós?”. Iehú respondeulle: “Mentres túa nai Iezabel siga facendo tanto mal é imposible que haxa paz”. Ieroboam intentou dar a volta e fuxir, pero Iehú matouno cunha frecha.

Logo, Iehú foi ó pazo de Iezabel. Cando ela o soubo, foise maquillar, peiteouse e esperouno na fiestra do piso de enriba. Ó chegar Iehú, saudouno de malas maneiras. Entón Iehú berroulle ós criados que estaban preto dela: “Botádea embaixo!”. Eles empurrárona e tirárona pola fiestra, e Iezabel morreu.

Iehú mandou matar os setenta fillos de Acab e fixo que a nación deixase de adorar a Baal. Dáste de conta? Xehová ve todo o que pasa, e no seu momento castiga os que fan cousas malas.

“A raíz de tódolos males é a avaricia” (1 Timoteo 6:10)