Ir ó contido

Ir ó índice

CAPÍTULO 29

Xehová escolle a Xosué

Xehová escolle a Xosué

Despois de moitos anos dirixindo a nación de Israel, Moisés estaba preto da fin da súa vida. Xehová díxolle: “Ti non vas ser quen entre cos israelitas na Terra Prometida, pero vouche deixar que a vexas”. Entón, Moisés pediulle que escollese un novo líder para coidar do Seu pobo. Xehová contestoulle: “Vai onda Xosué e dille que el é o escollido”.

Moisés díxolle a toda a nación que pronto morrería, e que Xehová escollera un novo líder para que entrasen na Terra Prometida. Entón deulle este consello a Xosué: “Non teñas medo. Xehová vaite axudar”. Pouco despois, Moisés subiu ó cumio do monte Nebó, e alí Xehová ensinoulle a terra que lles prometera a Abraham, Isaac e Xacob. Moisés morreu cando tiña 120 anos.

Xehová díxolle a Xosué: “Cruza o río Xordán e entra na terra de Canaán. Do mesmo xeito que axudei a Moisés, voute axudar a ti. Non esquezas ler na miña Lei tódolos días. Non teñas medo. Tes que ser valente e facer todo o que che mandei”.

Xosué enviou dous espías á cidade de Iericó. No seguinte capítulo veremos o que lles pasou alí. Cando volveron, contaron que era un bo momento para entrar en Canaán. O día seguinte, Xosué mandou levantar o campamento. Primeiro enviou ó río Xordán os sacerdotes que transportaban a arca da alianza. O río levaba moita auga pero, en canto os sacerdotes meteron os pés, as augas detivéronse e retiráronse! Entón, os sacerdotes puxéronse no medio do leito seco do río mentres todo Israel cruzaba ata a outra beira. Pensas que este milagre lles recordaría o que fixera Xehová no Mar Rubio?

Por fin, despois de tantos anos, os israelitas chegaran á Terra Prometida. Alí poderían construír casas e cidades. Tamén poderían cultivar a terra, plantar viñas e árbores froiteiras. Naquela terra había tantas cousas boas para comer e beber que se dicía que daba leite e mel.

“O Señor conducirache constantemente e fartará a túa gorxa nas sequidades” (Isaías 58:11)