Ir ó contido

Ir ó índice

CAPÍTULO 28

Unha burra que fala!

Unha burra que fala!

Os israelitas levaban case corenta anos no deserto. Conquistaran moitas cidades importantes. Finalmente acamparon nas chairas de Moab, ó leste do río Xordán. Chegara o momento de entrar na Terra Prometida! Balac, o rei de Moab, tiña medo de que os israelitas conquistasen o seu país, así que pediulle a un home que se chamaba Balaam que fose a Moab para maldicilos.

Pero Xehová díxolle a Balaam: “Non debes maldicir os israelitas”. Así que Balaam non foi a Moab. O rei volveuno chamar e prometeulle que lle daría todo canto quixese, pero Balaam negouse outra vez. Entón Deus díxolle: “Podes ir, pero só podes dicir o que eu che mande”.

Balaam subiu na súa burra e foi cara a Moab. Aínda que Xehová lle dixera que non maldicise os israelitas, el xa decidira facelo. Polo camiño, apareceuse un anxo de Xehová tres veces. Balaam non podía velo, pero a súa burra si. A primeira vez, a burra saíuse do camiño e meteuse no campo. A segunda vez, foise cara a un valado e premeulle o pé a Balaam contra el. A terceira vez, a burra deitouse no medio do camiño. De cada vez, Balaam arreáballe cun pau.

Despois da terceira vez, Xehová fixo que a burra falase. A burra preguntoulle a Balaam: “Que che fixen eu para que me zoupes así?”. Balaam contestoulle: “Estasme deixando quedar coma un parvo. Se tivese unha espada, matábate!”. Entón a burra díxolle: “Non son a burra na que tes cabalgado tantos anos? Trateite eu mal algunha vez?”.

Nese momento, Xehová fixo que Balaam vise o anxo. O anxo díxolle: “Xehová avisoute de que non maldixeses a Israel”. Balaam respondeu: “Fixen mal. Vou marchar para a casa”. Pero o anxo contestou: “Podes ir a Moab, pero só podes dicir o que Xehová che mande”.

Aprendería Balaam a lección? Non. Despois de todo o que pasara, aínda intentou maldicir a Israel tres veces. Pero cada vez que o intentaba, Xehová facía que lle saísen bendicións. Co tempo, os israelitas atacaron Moab e mataron a Balaam. Que mal lle foi a Balaam por desobedecer a Xehová, verdade?

“Gardádevos da cobiza, que por moito que un teña non por iso a súa vida depende dos seus bens” (Lucas 12:15)