CAPÍTULO 14
Un escravo que obedece a Deus
Xosé era un dos fillos máis novos de Xacob. Seus irmáns maiores decatáronse de que era o favorito de seu pai. Como cres que se sentían? Tiñan celos del, e por iso o odiaban. Xosé tivo uns soños e contóullelos a seus irmáns. Eles pensaron que eses soños se referían a que algún día se axeonllarían ante el. Agora si que lle tiñan ganas!
Certo día, os irmáns de Xosé andaban a coidar as ovellas preto da cidade de Xequem. Xacob díxolle a Xosé que fose ver como estaban. Vendo a Xosé dende lonxe, seus irmáns empezaron a dicir: “Aí vén o soñador ese. Ímolo matar!”. Decontado, agarrárono e botárono nun pozo de auga que estaba seco. Pero Xudá, un dos seus irmáns, dixo: “Non o matedes! É mellor que o vendamos como escravo”. Así que vendérono por vinte pezas de prata a uns comerciantes madianitas que pasaban por alí de camiño a Exipto.
Entón, os irmáns de Xosé colléronlle a roupa, manchárona co sangue dun cabuxo e mandáronlla a seu pai, dicindo: “Non é esta a roupa de teu fillo?”. Así que Xacob pensou que un animal salvaxe matara a Xosé. Púxose tan triste que ninguén puido consolalo.
En Exipto, venderon a Xosé como escravo a un importante oficial que se chamaba Potifar. Pero Xehová non ía abandonar a Xosé. Potifar decatouse de que Xosé era bo no seu traballo e de que podía confiar nel. Por iso o puxo ó cargo de todo o que tiña.
A muller de Potifar fixouse en que Xosé era guapo e forte. Tódolos días lle pedía que se deitase con ela. Que facía Xosé? El negábase e dicíalle: “Non! Iso está mal. O meu amo confía en min e ti es a súa muller. Ademais, se me deito contigo pecarei contra Deus!”.
Un día, a muller de Potifar intentou obrigar a Xosé a ter relacións sexuais. Agarrouno pola roupa, pero el botou a correr. Cando Potifar volveu á casa, ela díxolle que Xosé quixera deitarse con ela. Vaia mentira! Potifar enfadouse moito e meteu a Xosé no cárcere. Pero Xehová non se esqueceu de Xosé.
“Facédevos humildes, para estardes baixo a man poderosa de Deus, de xeito que El vos levante no intre oportuno” (1 Pedro 5:6)