CAPÍTULO 15
Xehová non abandona a Xosé
Cando Xosé estaba no cárcere, o Faraón, que era o rei de Exipto, tivo uns soños que ninguén lle podía explicar. Un dos seus servos contoulle que Xosé podía dicirlle o que significaban. Así que o Faraón mandou que o fosen buscar.
O Faraón preguntoulle: “E logo ti pódesme explicar os meus soños?”. Xosé contestoulle: “En Exipto vai haber sete anos de fartura seguidos de sete anos de fame. Busca alguén sabio que almacene comida para que o teu pobo non morra”. Entón o Faraón díxolle: “Quero que o fagas ti. Vas ser o home máis poderoso de Exipto despois de min!”. Por que puido saber Xosé o que significaban os soños do Faraón? Porque Xehová o axudara.
Durante os seguintes sete anos, Xosé foi almacenando comida. Entón, tal e como el dixera, houbo unha fame por todo o mundo. Chegaba xente de todas partes para comprarlle comida a Xosé. Seu pai Xacob soubo que en Exipto había comida, así que mandou dez dos seus fillos a mercar unha pouca.
Os fillos de Xacob foron onda Xosé, que deseguida os recoñeceu, pero eles non se decataron de que era seu irmán. Axeonlláronse ante el, tal e como Xosé soñara cando era novo. Como quería saber se seus irmáns aínda o odiaban, díxolles: “Vós sodes espías! Viñestes ver por onde atacar o noso país!”. Pero eles responderon: “Non é así! Nós sómosche doce irmáns de
Canaán. Un dos nosos irmáns morreu, e o máis novo quedou co noso pai”. Xosé díxolles: “Crereivos se me traedes o voso irmán pequeno”. Así que volveron para a casa onda seu pai.Cando volveron quedar sen comida, Xacob mandounos de volta a Exipto. Nesta ocasión levaron tamén a Benxamín, que era o irmán máis novo. Como quería poñer a proba a seus irmáns, Xosé escondeu a súa copa de prata na bolsa de gran que levaba Benxamín, e acusounos de roubarlla. Cando os criados de Xosé atoparon a copa, seus irmáns non o podían crer. Suplicáronlle a Xosé que os castigase a eles en vez de a Benxamín.
Xosé decatouse de que seus irmáns cambiaran, e xa non puido aguantar máis. Botouse a chorar e díxolles: “Eu son voso irmán, Xosé. Segue vivo meu pai?”. Seus irmáns quedaron abraiados. El díxolles: “Non vos preocupedes polo que me fixestes. Deus mandoume aquí para salvarvos a vida. Agora bulide e traédeme a meu pai”.
Así que marcharon para contarlle a boa noticia a seu pai e levalo a Exipto. Por fin, despois de tantos anos, Xosé e seu pai volvían estar xuntos.
“Se non perdoades ós outros, voso Pai celestial tampouco non perdoará as vosas ofensas” (Mateo 6:15)