Ir ó contido

Ir ó índice

CAPÍTULO 63

Unha mensaxe misteriosa na parede

Unha mensaxe misteriosa na parede

Co tempo, houbo un novo rei en Babilonia que se chamaba Baltasar. Unha noite organizou unha festa e invitou mil persoas das máis importantes do país. Mandoulles traer ós seus criados as copas de ouro que Nabucodonosor collera do templo de Xehová. Baltasar e os seus invitados beberon das copas e louvaron os seus deuses. De súpeto, apareceu unha man que escribiu unha mensaxe misteriosa na parede do comedor.

Baltasar asustouse moitísimo. Chamou os sabios e meigos, e prometeulles: “A quen saiba explicar estas palabras, convertereino no terceiro home máis poderoso de Babilonia”. Todos o intentaron pero ningún o conseguiu. Entón a raíña entrou no comedor e díxolles: “Hai un home chamado Daniel que cho pode explicar. El xa interpretaba soños e resolvía enigmas para Nabucodonosor”.

Cando chegou Daniel, o rei Baltasar díxolle: “Se consegues ler e explicar estas palabras, dareiche un colar de ouro e farei que sexas o terceiro home máis poderoso de Babilonia”. Daniel respondeulle: “Queda cos teus regalos. Eu explicareiche igualmente o que significa a mensaxe da parede. Teu pai Nabucodonosor foi unha persoa orgullosa e Xehová humillouno. Ben sabías o que lle pasou e aínda así non respectaches a Xehová. Bebiches viño nas copas de ouro do Seu templo, e por iso Deus escribiu: Mené, Mené, Tequel e Parsín. Isto significa que os medos e os persas van conquistar Babilonia e ti deixarás de ser rei”.

Parecía que ninguén podería conquistar Babilonia porque estaba protexida con muros anchos e un río profundo. Pero esa mesma noite, os medos e os persas atacaron a cidade. O rei persa Ciro desviou as augas do río para que os seus homes puidesen ir camiñando ata as portas da cidade. Cando chegaron, atopáronas abertas! Os soldados asaltaron a cidade, conquistárona e mataron o seu rei. Entón Ciro comezou a gobernar en Babilonia.

Antes de que pasase un ano, Ciro dixo: “Xehová mandoume reconstruír o Seu templo en Xerusalén. Os xudeus que queiran axudar poden ir”. Tal e como Xehová prometera, moitos xudeus volveron a Xerusalén setenta anos despois de que fose destruída. Ciro mandou de volta as cousas que Nabucodonosor levara do templo, incluídas as copas de ouro e de prata. Viches como Xehová usou a Ciro para axudar o seu pobo?

“Caeu, caeu Babilonia, a grande, volveuse morada de demos” (Apocalipse 18:2)