LECCIÓN 2
Rebeca quería facer feliz a Xehová
Rebeca era unha muller que quería moito a Xehová. O seu home chamábase Isaac. El tamén quería a Xehová. Como coñeceu Rebeca a Isaac? E como demostrou que quería facer feliz a Xehová? Imos aprender máis sobre ela.
Os pais de Isaac eran Abraham e Sara. Vivían na terra de Canaán, onde a xente non adoraba a Xehová. Pero Abraham quería que o seu fillo casase cunha muller que si adorase a Xehová. Así que mandou o seu criado, probablemente Eliézer, a buscar unha esposa para Isaac a un lugar chamado Harán, onde vivían algúns familiares de Abraham.
Eliézer foi con outros servos de Abraham. Era unha viaxe ben longa. Levaban con eles dez camelos cargados con comida e regalos. Como ía saber Eliézer que muller debía escoller para Isaac? Cando chegaron a Harán, pararon onda un pozo porque Eliézer sabía que de alí a un pouco iría xente a sacar auga. Entón pregoulle a Xehová deste xeito: “Se lle pido a unha moza que me dea auga, e trae tamén para os camelos, saberei que esa é a que ti escolliches”.
Entón chegou Rebeca ó pozo. A Biblia di que era moi guapa. Eliézer pediulle auga para beber, e ela díxolle: “Por suposto. Dareiche auga a ti, e máis ós
teus camelos”. Pénsao! Cando os camelos teñen sede beben moitísima auga, así que Rebeca foi bulindo ó pozo unha morea de veces. Ves no debuxo canto está a traballar?— Eliézer quedou abraiado do xeito en que Xehová respondera a súa oración.Eliézer deulle a Rebeca moitos regalos bonitos. E Rebeca invitou a Eliézer e os demais servos á casa da súa familia. Alí, el explicou por que Abraham o enviara a Harán, e como Xehová respondera a súa oración. A familia de Rebeca deixoulle casar con Isaac de moi boa gana.
Rebeca marchou a Canaán con Eliézer e casou con Isaac
Pero, pensas que Rebeca quería casar con Isaac?— Rebeca sabía que fora Xehová quen enviara a Eliézer. Así que cando a súa familia lle preguntou se quería ir a Canaán para casar con Isaac, díxolles: “Si, quero ir”. Decontado, marchou con Eliézer. E cando chegaron a Canaán, casou con Isaac.
Como Rebeca fixo o que Xehová quería, Xehová deulle esta bendición: ser antepasada de Xesús! Se ti es coma Rebeca e fas feliz a Xehová, bendicirache a ti tamén.
MÍRAO NA TÚA BIBLIA:
-
Xénese 12:4, 5; 24:1-58, 67