Ir ó contido

Ir ó índice

Como podo vencer o hábito da masturbación?

Como podo vencer o hábito da masturbación?

CAPÍTULO 25

Como podo vencer o hábito da masturbación?

“Empecei a masturbarme cando tiña oito anos. Tempo despois, aprendín o que pensa Deus sobre este asunto e dende ese momento sentíame fatal cada vez que caía. Preguntábame: ‘Como podería Deus amar alguén coma min?’.” (Luiz)

NA PUBERDADE, os impulsos sexuais vólvense tan fortes que fan que moitos rapaces caian na masturbación. a Haberá quen che diga que non é tan grave e que non lle fas mal a ninguén. Aínda así, existen boas razóns para que evites esta práctica. Fíxate no que dixo o apóstolo Paulo: “Dádelle morte ós membros do voso corpo [...] no que ten que ver coa [...] paixón sexual descontrolada” (Colosenses 3:5, TNM). O certo é que a masturbación non elimina os desexos sexuais descontrolados, máis ben intensifícaos. Pero iso non é todo, a masturbación tamén ten as seguintes consecuencias:

● Fomenta actitudes totalmente egocéntricas. A persoa céntrase só no seu propio pracer.

● Converte as persoas do outro sexo en obxectos ou simples ferramentas para satisfacer os seus propios desexos sexuais.

● Provoca unha forma de pensar egoísta que dificulta ter relacións sexuais satisfactorias no matrimonio.

Polo tanto, en lugar de masturbarte para aliviar os teus desexos sexuais, é moito mellor que te esforces por chegar a ter autocontrol (1 Tesalonicenses 4:4, 5). Para conseguilo, a Biblia recoméndache que evites calquera situación que puidese excitarte sexualmente (Proverbios 5:8, 9). Pero, que pasa se xa caíches no hábito da masturbación? Poida que intentases deixalo e non o conseguises. Quizais penses que nunca conseguirás vivir segundo as normas de Deus e que sería máis fácil tirar a toalla. Iso é o que pensaba un rapaz chamado Pedro: “Cando recaía sentíame fatal. Pensaba que Xehová nunca podería perdoarme e nin sequera era capaz de orarlle”.

Se ti te sentes igual, non te desanimes, non es un caso perdido. Moitos rapaces e tamén adultos conseguiron vencer ese hábito. E ti tamén podes!

O sentimento de culpa

Moitas persoas que caeron no hábito da masturbación séntense moi culpables. Está claro que sentir “tristeza segundo criterios de Deus” pode axudarche a vencer o hábito (2 Corintios 7:10). Pero un sentimento de culpa excesivo podería ser contraproducente. Podería facer que te sintas tan desanimado que quedes sen forzas para seguir loitando (Proverbios 24:10).

Por iso intenta ter un punto de vista equilibrado. É certo que a masturbación é unha forma de impureza que podería facernos “escravos de moitas cobizas e praceres” e mesmo fomentar en nós actitudes prexudiciais (Tito 3:3). Con todo, non é unha forma de “inmoralidade sexual grave” como a fornicación (Xudas 7, TNM). Por iso, se tes un problema coa masturbación, non penses que cometiches un pecado imperdoable. O importante é que sigas esforzándote por dominar eses desexos e que nunca te rendas.

E non te desanimes se volves caer. Lembra que unha recaída puntual non te converte nunha mala persoa. Non te rendas. Máis ben, reflexiona en por que caíches e que cousas tes que evitar para que non che volva pasar.

Medita tamén no amor e na misericordia de Deus. O salmista David sabía o que é deixarse levar por unha debilidade. Mira o que escribiu: “Canto un pai ama ós seus fillos, así ama o Señor ós que o temen. El sabe de que estamos feitos, recorda que somos lama” (Salmo 103:13, 14). Deus sabe que somos imperfectos e por iso está “disposto a perdoar” (Salmo 86:5, TNM). Pero claro, el espera que nos esforcemos por obedecelo. Que pasos podes dar para deixar este mal hábito?

Analiza as túas diversións. Ves películas, programas de televisión ou páxinas de Internet que intensifiquen os teus desexos sexuais? Mira o que lle pediu un dos escritores dos Salmos a Deus: “Arreda da vaidade os meus ollos” (Salmo 119:37). b

Obrígate a pensar noutra cousa. Sigue o consello dun cristián chamado William: “Antes de ir durmir, le algo sobre temas bíblicos. É moi importante que os teus últimos pensamentos do día estean relacionados con Deus e coa Biblia” (Filipenses 4:8).

Fala do teu problema con alguén. Poida que che dea moita vergonza contarllo a alguén. Pero facelo axudarache a deixar o hábito. Así o fixo un rapaz chamado David: “Decidín falalo co meu pai. Nunca esquecerei a súa reacción. Cun sorriso na cara díxome: ‘Estou moi orgulloso de ti’. El decatouse do moito que me custara dar ese paso. Aquilo era xusto o que necesitaba oír e axudoume a ter as forzas que precisaba para cambiar.

”Entón, meu pai ensinoume algúns textos da Biblia para axudarme a ver que non era un caso perdido. Pero despois tamén usou outros textos para explicarme que tampouco é un asunto sen importancia. Díxome que fixese todo o posible para aguantar durante un tempo e que entón volveriamos falar. Pero tamén me dixo que non me desanimase se recaía e que me puxese a meta de aguantar máis tempo a próxima vez”. A que conclusión chegou David? El di: “Saber que alguén máis coñecía o meu problema e estaba pendente de min foime de moita axuda”. c

NO SEGUINTE CAPÍTULO

É o sexo por diversión tan inofensivo como din?

[Notas]

a A masturbación non debe confundirse coa excitación sexual involuntaria, como cando os mozos espertan excitados ou teñen emisións nocturnas de seme. No caso das mozas, algunhas excítanse involuntariamente xusto antes ou xusto despois da menstruación. Falamos de masturbación cando a persoa estimula os seus órganos sexuais deliberadamente.

TEXTO CLAVE

“Fuxe das paixóns da mocidade e procura a xustiza, a fe, o amor e a paz con tódolos que invocan o Señor cun corazón limpo” (2 Timoteo 2:22).

IDEA

Óralle a Xehová antes de que os desexos sexan fortes. Pídelle que che dea “esa forza tan extraordinaria” para poder aguantar a tentación (2 Corintios 4:7).

SABÍALO?

Unha persoa débil cede ós seus impulsos sexuais. Pero unha persoa forte domina eses impulsos mesmo cando está soa.

TI QUE PENSAS?

● Por que é importante lembrar que Xehová está “disposto a perdoar”? (Salmo 86:5, TNM).

● Se Deus, quen creou os desexos sexuais, tamén che di que cultives autocontrol, non será porque confía en que podes conseguilo?

MANS Á OBRA!

Que vou facer para manter a mente ocupada con cousas limpas?

Cando sinta desexos sexuais, que farei para non ceder ó impulso?

Que quero preguntarlles ós meus pais sobre este tema?

[Frase destacada]

“Dende que vencín o hábito teño a conciencia limpa diante de Xehová, algo que non cambiaría por nada do mundo!” (Sarah)

[Imaxe]

Se durante unha carreira tropezas e caes, non tes que empezar outra vez dende o principio. Levántaste e continúas. O mesmo pasa coa masturbación. Unha recaída non anula o progreso que fixeses ata ese momento.