Carta ós Romanos 3:1-31
3 Entón, que vantaxe ten ser xudeu ou estar circuncidado?
2 Ten moitas vantaxes en tódolos sentidos. Para empezar, ós xudeus confióuselles a mensaxe sagrada de Deus.
3 Entón, que pasa se a algúns lles faltou fe? Significa a súa falta de fe que Deus non é fiel?
4 Está claro que non! Aínda que tódolos homes sexan uns mentireiros, Deus dirá sempre a verdade, tal como está escrito: “Que as túas palabras demostren que es xusto e ganes cando te estean xulgando”.
5 Pero se a nosa inxustiza fai que destaque a xustiza de Deus, que imos dicir? Seica Deus é inxusto cando expresa a súa ira? (Estou falando desde un punto de vista humano.)
6 Claro que non! Se Deus fose inxusto, como podería xulgar el o mundo?
7 Pero se pola miña mentira se destaca aínda máis a verdade de Deus e isto lle dá máis gloria, por que se me xulga como un pecador?
8 E por que non dicimos “Fagamos cousas malas para que veñan cousas boas”, como algúns nos acusan falsamente de dicir? A condena contra eses homes é xusta.
9 Entón, que? Estamos nós en mellor posición que os demais? Por suposto que non! Porque, como xa deixamos claro, todos están baixo o pecado, tanto os xudeus como os gregos.
10 De feito, está escrito: “Non hai nin un só home xusto, nin sequera un,
11 non hai ninguén que sexa perspicaz, non hai ninguén que busque a Deus.
12 Todos se desviaron, todos se volveron inútiles, ningún demostra bondade, nin sequera un”.
13 “A súa garganta é unha tumba aberta, eles enganan coa súa lingua”. “Debaixo dos seus labios hai veleno de serpes*”.
14 “A súa boca está chea de maldicións e amargura”.
15 “Os seus pés corren para derramar sangue”.
16 “Nos seus camiños hai ruína e desgraza,
17 e non coñeceron o camiño da paz”.
18 “Non hai temor de Deus nos seus ollos”.
19 Sabemos que tódalas cousas que di a Lei son para os que están baixo a Lei, para que tódalas bocas queden caladas e para demostrar que todo o mundo é culpable ante Deus e merece castigo.
20 Así que ninguén vai ser declarado xusto ante el aínda que faga o que manda a Lei, porque pola Lei sabemos exactamente que é o pecado.
21 Pero agora foi revelada a xustiza de Deus sen depender da Lei, tal e como confirman a Lei e os Profetas,
22 si, revelouse que se pode ser xusto ós ollos de Deus mediante a fe en Xesucristo, e isto é para tódolos que teñen fe. Porque non hai ningunha diferenza.
23 Porque todos pecaron e non conseguen imitar* a gloria de Deus,
24 e é un regalo que pola bondade inmerecida de Deus estean sendo declarados xustos mediante a liberación polo rescate que pagou Cristo Xesús.
25 Deus presentouno a el como ofrenda de reconciliación* mediante a fe no seu sangue. Fixo isto para demostrar a súa propia xustiza, porque Deus foi paciente* e perdoou os pecados do pasado.
26 Fíxoo para demostrar a súa propia xustiza neste tempo, incluso cando declara xustos os que teñen fe en Xesús.
27 Entón, pódese presumir de algo? Non, non se pode. Que lei o impide? A lei das obras? Non, a lei da fe.
28 Por iso chegamos á conclusión de que unha persoa é declarada xusta pola fe e non por facer o que manda a Lei.
29 Ou seica el é só o Deus dos xudeus? Non é tamén o Deus da xente das nacións? Si, tamén da xente das nacións.
30 Como só hai un Deus*, el declarará xustos ós circuncisos como resultado da fe, e ós incircuncisos, por medio da súa fe.
31 Entón, anulamos a Lei por medio da nosa fe? Claro que non! Todo o contrario, apoiamos a Lei.
Notas ó pé
^ Ou “áspides”, un tipo de serpes velenosas.
^ Lit. “non alcanzan”.
^ Ou “expiación”. É dicir, unha ofrenda para reconciliarse con Deus.
^ Ou “tolerante”.
^ Ou “Como Deus é un só”.