Carta ós Romanos 11:1-36
11 Entón, eu pregunto: rechazou Deus o seu pobo? Claro que non! Porque eu tamén son israelita, da descendencia de Abrahán, da tribo de Benxamín.
2 Deus non rechazou o seu pobo, o que escolleu* primeiro. Ou non sabedes o que di unha parte das Escrituras sobre Elías e de como se queixaba de Israel a Deus?
3 “Xehová*, mataron os teus profetas e derribaron os teus altares. Só quedo eu, e agora intentan matarme*”.
4 Pero que lle respondeu Deus? “Aínda me quedan 7000 homes que non adoraron a* Baal”.
5 Da mesma maneira, neste tempo tamén hai un resto de persoas que foi escollido por bondade inmerecida.
6 Así que, se son escollidos por bondade inmerecida, xa non son escollidos polas súas accións. Se non, a bondade inmerecida xa non sería bondade inmerecida.
7 Entón, que podemos dicir? Israel non conseguiu o que anda buscando con tanta insistencia, pero os escollidos si que o conseguiron. Os demais volvéronse insensibles,
8 tal como está escrito: “Ata o día de hoxe, Deus deixou que caesen nun sono profundo* e deulles ollos que non ven e oídos que non oen”.
9 Ademais, David di: “Que a súa mesa se converta nun lazo, nunha trampa, nun obstáculo* e nun castigo para eles.
10 Que os seus ollos se escurezan para que non vexan. E fai que sempre teñan que dobrar o seu lombo”.
11 Por iso, eu pregunto: seica tropezaron e caeron, e xa non poden levantarse? Claro que non! Pero como deron un paso en falso, a xente das nacións pode salvarse, e isto fai que se poñan celosos.
12 Se o seu paso en falso trae bendicións* para o mundo e o feito de que eles vaian a menos trae bendicións para a xente das nacións, entón haberá aínda moitas máis bendicións cando o seu número estea completo!
13 Agora fálovos a vós, os que sodes xente das nacións. Como eu son un apóstolo ás nacións, valoro moito* o meu ministerio,
14 e espero que dalgunha maneira poida facer que o meu propio pobo* se poña celoso e salvar a algúns deles.
15 Porque se rechazalos a eles axudou a algúns do mundo a reconciliarse con Deus, que implicará aceptalos de novo? Implicará que eles pasen da morte á vida?
16 Ademais, se a parte da masa que se colle como primicias é santa, tamén o é toda a masa. E se a raíz é santa, tamén o son as ramas.
17 Pero se algunhas ramas foron arrancadas, e ti, que es unha oliveira silvestre, fuches enxertada entre as outras ramas e benefíciaste do abundante alimento da raíz da oliveira,
18 non penses que es mellor que* as outras ramas. Se pensas que o es, recorda que ti non sostés a raíz, senón que a raíz te sostén a ti.
19 Entón dirás: “Algunhas ramas foron arrancadas para que me enxertasen a min”.
20 E iso é certo! Foron arrancadas porque non tiñan fe, pero ti manteste en pé pola túa fe. Así que non sexas arrogante, tes que ter temor.
21 Porque se Deus non perdoou as ramas naturais, tampouco te vai perdoar a ti.
22 Así que pensa na bondade e na severidade de Deus. El é severo cos que caeron, pero é bondadoso contigo, sempre e cando cumpras cos requisitos para recibir a súa bondade. Se non o fas, ti tamén serás cortado.
23 E eles tamén serán enxertados se empezan a demostrar fe, porque Deus pode enxertalos outra vez.
24 Porque se ti fuches cortado da oliveira silvestre e, en contra do que é natural, fuches enxertado na oliveira cultivada, con moita máis razón as ramas naturais van ser enxertadas na súa propia oliveira!
25 Irmáns, quero que teñades en conta este segredo sagrado para que non pensedes que sodes sabios: unha parte de Israel volveuse insensible e seguirá así ata que o número completo de xente das nacións sexa reunido,
26 e así salvarase todo Israel. Tal como está escrito: “O salvador* sairá de Sión e apartará de Xacob as prácticas malvadas.
27 E este é o pacto que farei con eles cando elimine os seus pecados”.
28 É certo que, no que ten que ver coas boas noticias, eles son inimigos para que vós vos beneficiedes. Pero no que ten que ver coa elección de Deus, eles son amados debido ós seus antepasados.
29 Porque Deus non se arrepentirá dos regalos que deu nin de chamar os que chamou.
30 Noutro tempo erades desobedientes a Deus, pero agora mostróusevos misericordia debido á desobediencia deles.
31 Da mesma maneira, agora eles foron desobedientes, e por iso se vos mostrou misericordia a vós, para que a eles agora tamén se lles poida mostrar misericordia.
32 Porque Deus fixo que todos fosen prisioneiros da desobediencia para poder mostrarlles misericordia a todos.
33 Que grandes son as bendicións* de Deus! Que profundas son a súa sabedoría e o seu coñecemento! É imposible entender por completo os seus xuízos e explorar por completo os seus camiños!
34 Porque, “quen chegou a coñecer a mente de Xehová*? Ou quen se converteu no seu conselleiro?”.
35 Ou “quen lle deu algo a Deus primeiro para que el teña que darlle algo a cambio?”.
36 Porque tódalas cousas veñen del e son por el e para el. Que el reciba a gloria para sempre. Amén.
Notas ó pé
^ Ou “recoñeceu”.
^ Lit. “que non se puxeron de xeonllos ante”.
^ Lit. “deulles un espírito de sono profundo”.
^ Ou “tropezo”.
^ Ou “riquezas espirituais”.
^ Ou “doulle gloria”.
^ Lit. “a miña carne”.
^ Ou “non trates con arrogancia”.
^ Ou “liberador”.
^ Ou “Que profundas son as riquezas”. Aquí refírese ás riquezas espirituais.