As boas noticias segundo Mateo 6:1-34

  • O SERMÓN DO MONTE (1-34)

    • Non facer cousas boas para que outros o vexan (1-4)

    • Como orar (5-15)

      • A oración modelo (9-13)

    • O xaxún (16-18)

    • Tesouros na terra e no ceo (19-24)

    • Deixar de angustiarse (25-34)

      • Seguir buscando primeiro o Reino (33)

6  ”Tede coidado con facer o que está ben* diante dos demais só para que eles vos vexan. Se facedes iso, o voso Pai que está nos ceos non vos dará ningunha recompensa. 2  Así que cando axudes a alguén que o necesita*​, non o vaias anunciando por aí coma se foses tocando unha trompeta. Iso é o que fan os hipócritas nas sinagogas e nas rúas para que os demais lles dean honra. Asegúrovos que esa é toda a recompensa que van ter. 3  Por iso, cando axudes a alguén que o necesita, non lles vaias contando ós demais o que fas*​. 4  Desa maneira, a axuda que lle deas a quen o necesita quedará en privado. Entón teu Pai, que o ve todo*​, recompensarate. 5  ”Ademais, cando oredes, non o fagades coma os hipócritas, que lles gusta orar de pé nas sinagogas e nas esquinas das rúas principais para que os demais os vexan. Asegúrovos que esa é toda a recompensa que van ter. 6  Pero cando ti vaias orar, entra no teu cuarto, pecha a porta e óralle a teu Pai en privado. E teu Pai, que o ve todo, recompensarate. 7  Cando ores, non repitas as mesmas cousas unha e outra vez. Iso é o que fan os que non saben como hai que adorar a Deus*​. Pensan que Deus os vai escoitar se fan oracións moi longas. 8  Non sexades coma eles. O voso Pai xa sabe o que necesitades incluso antes de que llo pidades. 9  ”Así é como debedes orar: ”‘Noso Pai que estás nos ceos, que o teu nome sexa santificado*​. 10  Que veña o teu Reino. Que se faga a túa vontade tamén na terra coma no ceo. 11  Dános hoxe o pan que necesitamos para este día. 12  Perdoa as nosas débedas*​, igual que nós tamén perdoamos os que están en débeda con nós*​. 13  E non nos deixes caer* na tentación, senón líbranos* do Maligno*​’. 14  ”Se perdoades os demais cando vos ofenden, o voso Pai celestial tamén vos perdoará a vós. 15  Pero se non perdoades os demais cando vos ofenden, o voso Pai tampouco vos perdoará as vosas ofensas. 16  ”Cando fagades xaxún*​, deixade de ir por aí poñendo cara triste coma os hipócritas. Eles descoidan o seu aspecto* para que os demais saiban que están facendo xaxún. Asegúrovos que esa é toda a recompensa que van ter. 17  Pero cando ti fagas xaxún, bota aceite perfumado na cabeza e lava a cara. 18  Desa maneira, os demais non saberán que estás facendo xaxún, só teu Pai saberá o que fas en privado. E el, que o ve todo, recompensarate. 19  ”Deixade de acumular tesouros aquí na terra, porque os bichos* e o óxido poden acabar con eles, e os ladróns poden roubalos. 20  En vez diso, acumulade tesouros no ceo, porque alí os bichos e o óxido non poden acabar con eles, e os ladróns non poden roubalos. 21  Onde estea o teu tesouro, aí tamén estará o teu corazón. 22  ”Os ollos son a lámpada do corpo. Se os teus ollos están ben enfocados*​, todo o teu corpo brillará*​. 23  Pero se os teus ollos miran con envexa*​, todo o teu corpo estará escuro. Se a luz que hai en ti realmente é escuridade, canta escuridade hai dentro de ti! 24  ”Ninguén pode ser escravo de dous amos, porque vai amar a un e vai odiar* o outro, ou vaille ser leal a un e vai desprezar o outro. Non podedes ser escravos de Deus e das Riquezas ó mesmo tempo. 25  ”Por iso vos digo: deixade de angustiarvos pola vosa vida* pensando no que ides comer ou no que ides beber, ou polo voso corpo pensando no que ides vestir. Non vale máis a vida que a comida e o corpo que a roupa? 26  Fixádevos ben nos paxaros. Nin sementan, nin segan, nin gardan comida en almacéns, pero aínda así o voso Pai celestial dálles de comer. Non valedes vós máis ca eles? 27  Quen de vós, por angustiarse, pode facer que a súa vida dure unha hora* máis? 28  Ademais, por que vos angustiades pola roupa? Aprendede das flores* que medran no campo. Nin traballan nin fan a súa roupa, 29  pero eu dígovos que nin sequera o rei Salomón en toda a súa grandeza se vestiu tan ben coma unha delas. 30  Así que, se Deus viste así as plantas do campo, que hoxe están aquí e mañá se botan ó lume*​, non vos vestirá a vós con moita máis razón, xente de pouca fe? 31  Por iso, nunca vos angustiedes e digades ‘Que imos comer?’ ou ‘Que imos beber?’ ou ‘Con que nos imos vestir?’. 32  Porque os que van detrás destas cousas con moita ansia son os que non coñecen a Deus*​, pero o voso Pai celestial xa sabe que necesitades todas estas cousas. 33  ”Por iso, seguide buscando primeiro o Reino e a xustiza* de Deus, e recibiredes tódalas cousas que necesitades. 34  Así que nunca vos angustiedes polo día seguinte, porque o día seguinte terá as súas propias preocupacións. Xa chega cos problemas que hai cada día.

Notas ó pé

Lit. “practicar a vosa xustiza”.
Ou “fagas dádivas de misericordia”. Ver glosario dádivas de misericordia.
Lit. “non deixes que a túa man esquerda saiba o que fai a túa man dereita”.
Ou “que mira desde un lugar secreto”.
Lit. “a xente das nacións”.
Ou “sexa tratado como santo”, “sexa tratado como sagrado”. Ver glosario santificar.
Ou “os nosos pecados”.
Ou “os que pecaron contra nós”.
Lit. “non nos metas”.
Ou “sálvanos”, “rescátanos”.
Ou “cambian o aspecto da súa cara”.
Ou “a traza”, é dicir, un insecto que na fase de larva come a madeira e as teas.
Ou “Se ves con claridade”. Lit. “Se o teu ollo é sinxelo”.
Ou “estará cheo de luz”.
É dicir, se buscan moitas cousas. Lit. “se o teu ollo é malvado”.
Ou “servir con menos dedicación”.
Ou “alma”. Ver glosario alma.
Lit. “un cóbado”. Ver glosario cóbado.
Ou “dos lirios”.
Ou “ó forno”.
Lit. “son as nacións”.