Feitos dos Apóstolos 4:1-37

  • Arrestan a Pedro e a Xoán (1-4)

    • O número de crentes chega a 5000 homes (4)

  • Xulgados diante do Sanedrín (5-22)

    • “Non podemos deixar de falar” (20)

  • Oración para pedir valor (23-31)

  • Os discípulos comparten o que teñen (32-37)

4  Mentres Pedro e Xoán lle falaban á xente, acercáronselles os sacerdotes, os saduceos e o capitán da garda do templo. 2  Estaban moi enfadados porque os apóstolos estaban ensinándolle ó pobo e porque anunciaban publicamente que Xesús resucitara de entre os mortos. 3  Así que os arrestaron e puxéronos baixo custodia ata o día seguinte, porque xa se estaba facendo de noite. 4  Pero moitos dos que escoitaran o discurso fixéronse crentes. En total, chegaron a ser uns 5000 homes. 5  Ó día seguinte, os gobernantes, os anciáns e os escribas reuníronse en Xerusalén, 6  xunto co sacerdote principal Anás, e con Caifás, Xoán, Alexandre e tódolos que eran familiares do sacerdote principal. 7  Puxeron a Pedro e a Xoán no medio deles e empezaron a preguntarlles: “Quen vos deu poder para facer estas cousas ou no nome de quen as facedes?”. 8  Entón Pedro, cheo de espírito santo, respondeulles: “Gobernantes do pobo e anciáns, 9  se nos estades interrogando pola boa acción que fixemos por este home coxo e queredes saber quen o curou, 10  tede claro, vós e todo o pobo de Israel, que foi curado no nome de Xesucristo o Nazareno, a quen vós executastes nun madeiro pero a quen Deus resucitou* de entre os mortos. Por medio de Xesús, este home está aquí san diante de vós. 11  Esta é ‘a pedra que vós, os construtores, tratastes coma se non tivese ningún valor e que chegou a ser a pedra angular principal*​’. 12  Ademais, non hai salvación por medio de ningún outro, porque Deus non escolleu na terra ningún outro nome entre a xente para salvarnos”. 13  Cando viron a valentía* de Pedro e Xoán, e que eran homes comúns e sen estudos*​, quedaron impresionados e déronse conta de que estiveran con Xesús. 14  Pero como vían que o home que curaran estaba alí con eles, non podían dicir nada en contra. 15  Así que os mandaron saír da sala do Sanedrín e puxéronse a falar uns cos outros. 16  Dicían: “Que imos facer con estes homes? Porque para tódolos habitantes de Xerusalén é evidente que fixeron un milagre extraordinario, e non podemos negalo. 17  Así que, para que isto non se estenda máis entre a xente, ímolos ameazar e ímoslles dicir que non lle volvan falar a ninguén no nome deste home”. 18  Entón chamáronos e mandáronlles que non falasen nin ensinasen nada no nome de Xesús. 19  Pero Pedro e Xoán respondéronlles: “Xulgade por vós mesmos se está ben ós ollos de Deus obedecervos a vós antes que a el. 20  Pero nós non podemos deixar de falar das cousas que vimos e oímos”. 21  Así que, como non encontraron ningún motivo para castigalos, volveron a ameazalos e deixáronos libres. Ademais, tamén lle tiñan medo á xente porque todos lle estaban dando gloria a Deus polo que pasara, 22  xa que o home que fora curado mediante ese milagre tiña máis de 40 anos. 23  Cando os soltaron, Pedro e Xoán foron onda os outros discípulos e contáronlles o que lles dixeran os sacerdotes principais e os anciáns. 24  Despois de escoitar a Pedro e a Xoán, oraron todos xuntos a Deus e dixéronlle: “Señor Soberano, ti es o que fixo o ceo, a terra, o mar e tódalas cousas que hai neles. 25  Ti es o que dixo por espírito santo mediante o noso antepasado David, o teu servo: ‘Por que se alteraron as nacións e por que se puxeron a maquinar* cousas inútiles os pobos? 26  Os reis da terra ocuparon a súa posición e os gobernantes xuntáronse coma un só contra Xehová* e contra o seu unxido*​’. 27  E iso foi o que pasou, porque Herodes e Poncio Pilato uníronse nesta cidade con persoas das nacións e coa xente de Israel para ir contra o teu santo servo Xesús, a quen ti unxiches. 28  Xuntáronse para facer o que ti predixeras. Estas cousas pasaron porque ti tes o poder e estaban de acordo coa túa vontade. 29  E agora, Xehová*​, fíxate en como nos ameazan e fai que os teus escravos sigan falando da túa palabra con moito valor. 30  E sigue estendendo a túa man para facer curacións, milagres e cousas impresionantes mediante o nome do teu santo servo Xesús”. 31  Cando acabaron de facer esta oración tan sentida, o sitio no que estaban reunidos tremeu. E todos sen excepción quedaron cheos de espírito santo e puxéronse a anunciar a palabra de Deus con valor. 32  Ademais, o gran grupo de discípulos tiña o mesmo punto de vista e os mesmos sentimentos*​. Ningún deles dicía que as cousas que tiña eran súas, senón que o compartían todo. 33  Os apóstolos seguiron dando testemuño da resurrección do Señor Xesús de maneira moi hábil e Deus mostroulles moita bondade inmerecida. 34  De feito, ningún deles pasaba necesidade, porque tódolos que tiñan casas ou campos vendíanos, collían os cartos do que vendían 35  e levábanllelos ós apóstolos. Despois, eles repartíanos segundo o que cada persoa necesitase. 36  Por iso Xosé, un levita que nacera en Chipre e ó que os apóstolos tamén chamaban Bernabé (que traducido significa “fillo do consolo”), 37  vendeu un campo que tiña e levoulles os cartos ós apóstolos.

Notas ó pé

Lit. “levantou”.
Lit. “a cabeza do ángulo”.
Ou “a franqueza”.
É dicir, que non estudaran en escolas rabínicas. Non significa que fosen analfabetos.
Ou “tramar”, “meditar en”.
Ou “o seu Cristo”.
Lit. “un só corazón e unha soa alma”.