Feitos dos Apóstolos 27:1-44

  • Paulo navega en dirección a Roma (1-12)

  • Unha tormenta sacude o barco (13-38)

  • Naufraxio (39-44)

27  Como se decidiu que embarcásemos para Italia, entregaron a Paulo e outros presos en mans dun oficial do exército que se chamaba Xulio, que pertencía ó rexemento de Augusto*​. 2  Subimos a un barco da cidade de Adramitio que estaba a punto de saír cara a uns portos da provincia de Asia e empezamos a viaxe. Con nós viña Aristarco, un macedonio de Tesalónica. 3  Ó día seguinte desembarcamos en Sidón. Xulio tratou a Paulo con amabilidade e permitiulle que fose visitar os seus amigos e que eles o coidasen. 4  Saímos desde alí e navegamos cerca da illa de Chipre para protexernos do vento, porque o tiñamos en contra. 5  Despois saímos a mar aberto, pasamos por diante de Cilicia e Panfilia, e fixemos escala en Mira, que está en Licia. 6  Alí, o oficial do exército encontrou un barco de Alexandría que ía para Italia e fíxonos subir a bordo. 7  Despois de navegar amodiño durante bastantes días, chegamos a Cnido con moito traballo. Para protexernos do vento que non nos deixaba avanzar, navegamos cerca de Creta pasando por diante de Salmone. 8  Bordeamos a costa con dificultade e chegamos a un lugar chamado Bos Portos, que estaba cerca da cidade de Lasea. 9  Pasara bastante tempo e xa era perigoso navegar, porque incluso xa fora o xaxún do Día de Expiación*​. Así que Paulo advertiulles: 10  “Compañeiros, se seguimos a viaxe, estou vendo que imos ter problemas e perdas graves. Porque non só está en perigo o cargamento e o barco, senón tamén as nosas vidas”. 11  Pero en vez de facer o que dixo Paulo, o oficial do exército fíxolles caso ó que levaba o timón e ó dono do barco. 12  Como o porto non era un bo sitio para pasar o inverno, a maioría propuxo saír de alí para ver se conseguían chegar dalgunha maneira a Fenice, un porto de Creta que se abre cara ó nordeste e cara ó sueste, e pasar alí o inverno. 13  Cando empezou a soprar un ventiño suave do sur, pensaron que poderían conseguir chegar a Fenice. Así que levantaron as áncoras e bordearon Creta navegando cerca da costa. 14  Pero pouco despois, levantouse un vento moi forte chamado euroaquilón*​. 15  Como estaba arrastrando o barco con moita forza e non eramos capaces de manter a proa* recta contra o vento, decidimos deixarnos levar por el. 16  Despois, pasamos cerca dunha pequena illa chamada Cauda intentando protexernos do vento. Aínda así, fíxosenos moi difícil controlar o pequeno bote* que levabamos a remolque na popa* do barco, 17  así que o subiron a bordo. Ademais, para reforzar o casco do barco, amarrárono por debaixo cunhas cordas. Como tiñan medo de encallar na Sirte*​, recolleron as velas e deixáronse levar. 18  Ó día seguinte, como a tormenta batía con moita forza, empezaron a alixeirar o barco. 19  E ó terceiro día, tiraron ó mar os aparellos do barco. 20  Por moitos días non vimos nin o sol nin as estrelas e, como o temporal era moi forte, empezamos a perder a esperanza de salvarnos. 21  Os que ían a bordo xa levaban moito tempo sen comer. Entón, Paulo púxose de pé no medio deles e díxolles: “Compañeiros, se escoitásedes o meu consello e non saísemos de Creta, agora non teriamos tantos problemas nin perdas. 22  Aínda así, pídovos que sexades valentes, porque ningún de vós vai morrer. Só se vai perder o barco. 23  Esta noite aparecéuseme un anxo do Deus ó que adoro e sirvo, 24  e díxome: ‘Paulo, non teñas medo. Tes que presentarte diante de César. Ademais, Deus salvará a túa vida e a de tódolos que van contigo no barco’. 25  Así que ánimo, compañeiros! Porque confío en Deus e sei que fará exactamente o que me dixo. 26  Pero imos acabar naufragando cerca dalgunha illa”. 27  Xa levabamos 14 noites á deriva polo mar de Adria*​. Á medianoite, os mariñeiros empezaron a sospeitar que se estaban acercando a terra. 28  Así que botaron a sonda e viron que había 20 brazas* de profundidade. Despois, avanzaron un pouco máis e volveron a botar a sonda. Agora había 15 brazas*​. 29  Como tiñan medo de encallar nas rocas, botaron catro áncoras pola popa e esperaron con ansia a que se fixese de día. 30  Pero os mariñeiros intentaron escapar do barco, e puxéronse a baixar o bote ó mar coa escusa de que ían botar as áncoras pola proa. 31  Entón Paulo díxolles ó oficial do exército e ós soldados: “Se estes homes non quedan no barco, non vos ides poder salvar”. 32  Así que, os soldados cortaron as cordas do bote e deixárono caer ó mar. 33  Cando faltaba pouco para que se fixese de día, Paulo empezou a animar a todos a que comesen algo. Díxolles: “Xa levades 14 días esperando angustiados e non comestes nada. 34  Por iso vos recomendo polo voso propio ben que comades un pouco, porque ningún de nós vai perder nin sequera un pelo da súa cabeza”. 35  Despois de dicir iso, colleu un pan, deulle grazas a Deus diante de todos, partiuno e empezou a comer. 36  Entón todos se animaron e tamén empezaron a comer. 37  En total, eramos 276 persoas* no barco. 38  Comeron ata que xa non tiñan máis fame e despois alixeiraron o barco botando o trigo ó mar. 39  Cando se fixo de día, non sabían onde estaban. Pero viron unha baía na que había unha praia. Entón decidiron intentar varar o barco alí. 40  Así que cortaron as cordas das áncoras e deixáronas caer ó mar. Ó mesmo tempo, afrouxaron as ataduras dos remos que facían de timón, izaron ó vento a vela do trinquete e foron en dirección á praia. 41  Cando chocaron contra un banco de area, a proa do barco encallou e quedou inmóbil, pero a popa empezou a romper en pedazos pola forza das ondas. 42  Entón os soldados decidiron matar os presos para que ninguén escapase nadando. 43  Pero o oficial do exército quería salvar a Paulo, e por iso non lles deixou facelo. Mandoulles ós que sabían nadar que saltasen ó mar e chegasen a terra primeiro, 44  e que os demais fosen detrás agarrados a táboas ou ós restos do barco. Ó final chegaron todos a terra sans e salvos.

Notas ó pé

Este é un dos títulos do emperador romano.
Ou “o xaxún de outono”. Ver glosario xaxún.
É dicir, un vento do nordés.
Parte de diante do barco.
Pequena embarcación auxiliar que podía servir de bote salvavidas.
Parte de atrás do barco.
Naquel tempo, este nome facía referencia á zona que agora ocupa o mar Adriático, o mar Xónico e a parte do mar Mediterráneo situada entre Sicilia e Creta.
Uns 36 metros. Ver glosario braza.
Uns 27 metros. Ver glosario braza.
Ou “almas”.