Carta ós Efesios 5:1-33
5 Así que imitade a Deus como fillos queridos
2 e seguide demostrando amor*, igual que o Cristo tamén nos* amou e se entregou por nós* como ofrenda e sacrificio, un aroma agradable para Deus.
3 Que a inmoralidade sexual*, calquera tipo de impureza* ou a cobiza* nin sequera se mencionen entre vós, tal e como é propio de persoas santas.
4 Que tampouco haxa comportamentos vergonzosos nin palabras insensatas nin bromas obscenas, que son cousas que non son apropiadas. En vez diso, dade grazas.
5 Porque sabedes e entendedes moi ben que ninguén que sexa sexualmente inmoral*, ninguén que sexa impuro* e ninguén que se deixe levar pola cobiza (que é o mesmo que ser idólatra) ten herdanza no Reino do Cristo e de Deus.
6 Non deixedes que ninguén vos engane con palabras baleiras, porque a ira de Deus virá sobre os desobedientes* debido a esas cousas.
7 Así que non sexades os seus cómplices.
8 Antes erades escuridade, pero agora sodes luz porque estades unidos ó Señor. Seguide andando coma fillos da luz,
9 porque a luz produce* todo tipo de bondade, xustiza e verdade.
10 Seguide asegurándovos do que lle agrada ó Señor
11 e deixade de participar nas obras inútiles* que pertencen á escuridade. En vez diso, poñédeas ó descuberto.
12 Porque incluso dá vergonza dicir as cousas que esa xente fai en segredo.
13 A luz pon ó descuberto* tódalas cousas, así que tódalas cousas que están postas ó descuberto convértense en luz.
14 Por iso se di: “Desperta, ti que estás durmindo, e resucita* de entre os mortos, e o Cristo fará que a luz brille sobre ti”.
15 Así que tede moitísimo coidado para non comportarvos* coma parvos, senón coma sabios,
16 aproveitando o tempo da mellor maneira posible*, porque os días nos que vivimos son malos.
17 Por iso deixade de ser insensatos e entendede cal é a vontade de Xehová*.
18 Ademais, non vos emborrachedes*, porque iso leva ós excesos*. En vez diso, seguídevos enchendo do espírito de Deus.
19 Faládevos uns ós outros* con salmos, louvanzas a Deus e cancións espirituais, cantando e tocando música para Xehová* de todo corazón*,
20 dándolle sempre as grazas por todo ó noso Deus e Pai no nome do noso Señor Xesucristo.
21 Estade suxeitos uns ós outros no temor de Cristo.
22 Que as mulleres que están casadas estean suxeitas ós seus maridos igual que ó Señor.
23 Porque o marido é cabeza da súa muller, igual que o Cristo é cabeza da congregación, xa que el é o salvador deste corpo*.
24 De feito, igual que a congregación está suxeita ó Cristo, as mulleres tamén deben estar suxeitas ós seus homes en todo.
25 Maridos, seguide amando as vosas mulleres igual que o Cristo tamén amou a congregación e se entregou por ela.
26 Fixo isto para santificala, purificándoa coa palabra de Deus, coma se fose cun baño de auga
27 para presentar a congregación diante de si mesmo en todo o seu esplendor, sen manchas nin engurras nin ningunha desas cousas, senón santa e sen ningún defecto.
28 Da mesma maneira, os homes que están casados deben amar ás súas mulleres como aman os seus propios corpos. O home que ama á súa muller ámase a si mesmo,
29 porque nunca houbo ninguén que odiase o seu propio corpo*. En vez diso, todo o mundo o alimenta e o coida con cariño, igual que fai o Cristo coa congregación,
30 porque todos formamos parte* do seu corpo.
31 Por esa razón, o home deixará o seu pai e a súa nai, unirase* á súa muller e os dous serán unha soa carne*.
32 Este segredo sagrado é grande. Agora estou falando de Cristo e da congregación.
33 En calquera caso, cada un de vós debe amar á súa muller tal como se ama a si mesmo e a muller debe respectar profundamente ó seu marido.
Notas ó pé
^ Ou “o camiño do amor”.
^ Ou quizais “vos”.
^ Ou quizais “vós”.
^ É dicir, desexo excesivo de ter algo.
^ Ou “inmundo”.
^ Ou “fillos da desobediencia”.
^ Ou “o froito da luz consiste en”.
^ Ou “infrutíferas”.
^ Ou “censura”.
^ Lit. “levántate”.
^ Lit. “andar”.
^ Lit. “comprando o tempo fixado”.
^ Ou “non vos emborrachedes con viño”.
^ Ou “ó descontrol”.
^ Ou quizais “a vós mesmos”.
^ Ou “nos vosos corazóns”.
^ É dicir, a congregación.
^ Lit. “a súa propia carne”.
^ Ou “somos membros”.
^ A palabra grega orixinal significa adherirse firmemente, coma con pegamento.
^ Ou “un só ser”.