Dálle gloria a Deus a túa forma de vestir?
“Facédeo todo para gloria de Deus” (1 COR. 10:31).
1, 2. Por que é importante para as testemuñas de Xehová vestir de forma apropiada? (Ver a imaxe do principio do artigo.)
UN PERIÓDICO neerlandés falou de como ían vestidos uns líderes relixiosos nunha das súas reunións. Dixo que moitos deles levaban roupa informal, sobre todo porque facía calor. Este periódico tamén falou das testemuñas de Xehová que asistiron a un congreso, e dixo que vestían de forma diferente. Explicou que os rapaces e os homes levaban chaqueta e gravata e as mulleres e as rapazas levaban saias modernas pero dunha lonxitude apropiada. É habitual que se felicite as testemuñas de Xehová pola súa forma de vestir. O apóstolo Paulo dixo que debemos usar “vestido decente, con reverencia e modestia” [...] “como cómpre a mulleres que profesan unha piedade verdadeira” (1Tim. 2:9, 10). Aínda que nestes versículos el estaba falando das mulleres, son principios que tamén lles aplican ós homes cristiáns.
2 Para nós, o pobo de Xehová, as normas sobre a roupa e o aspecto son importantes, e tamén o son para o noso Deus (Xén. 3:21). O que a Biblia di sobre a roupa e o aspecto deixa claro que o Soberano do Universo ten normas claras sobre a vestimenta para os seus servos. Por iso, as nosas decisións sobre este tema non deberían estar baseadas só no que nos gusta a nós. Deberiamos ter en conta tamén o que lle agrada ó noso Señor Soberano, Xehová.
3. Que nos ensina sobre a roupa a Lei que Deus lles deu ós israelitas?
3 Por exemplo, na Lei que Deus lles deu ós israelitas había normas que os protexían do estilo de vida inmoral das nacións que os rodeaban. A Lei mostrou que Deus odia a roupa que non permite ver claramente a diferenza entre un home e unha muller (le Deuteronomio 22:5). Estas instrucións sobre a maneira de vestir mostran claramente que a Deus non lle gusta a roupa que fai femininos os homes, que as mulleres parezan homes ou que faga difícil distinguir entre homes e mulleres.
4. Que nos axuda ós cristiáns a tomar boas decisións sobre que roupa poñer?
4 A Biblia contén principios que nos axudan a tomar boas decisións á hora de escoller que poñer, sen importar onde vivamos, cal sexa a nosa cultura ou o clima que haxa. Así que non necesitamos unha lista detallada que nos diga que prendas son apropiadas para un cristián e cales non o son. Máis ben, guíannos os principios bíblicos, que deixan marxe para os gustos persoais. Analicemos algúns destes principios e vexamos como nos axudan a determinar “cal é a vontade de Deus: o bo, o que lle agrada, o perfecto” sobre a nosa maneira de vestir (Rm. 12:1, 2).
“ACREDITÁMONOS [...] COMA SERVIDORES DE DEUS”
5, 6. Que efecto debería ter a nosa forma de vestir nos demais?
5 Deus inspirou o apóstolo Paulo para que destacase o importante principio que atopamos en 2 Corintios 6:4 (leo). O noso aspecto di moito sobre nós. Polo xeral, as persoas fanse unha idea de quen somos polo que ven (1 Sam. 16:7). Así que os servos de Deus non só pensamos en poñer o que nos gusta ou nos resulta cómodo. Os principios da Palabra de Deus deberíannos impulsar a evitar a roupa axustada, reveladora ou provocativa, é dicir, as prendas que deixen ver ou resalten as partes íntimas do noso corpo. Ninguén se debería sentir incómodo pola roupa que levamos nin verse obrigado a mirar cara a outro lado.
6 Se a nosa roupa está limpa, é modesta e decente, e coidamos do noso aspecto persoal, é máis probable que as persoas recoñezan que somos servos do Señor Soberano Xehová. E ata poida que se sintan atraídos a el. Ademais, daremos unha boa imaxe da organización á que representamos. Como resultado, poida que algúns estean máis dispostos a escoitala mensaxe de salvación.
7, 8. Cando é especialmente importante coidar a nosa maneira de vestir?
7 Debemos vestir dunha maneira que dignifique a mensaxe que levamos e lle dea gloria ó noso santo Deus. El, os nosos irmáns e as persoas do territorio merecen que o fagamos (Rm. 13:8-10). Isto é especialmente importante cando participamos nas actividades cristiás, como ir ás reunións e predicar. Temos que levar roupa que sexa apropiada para os que “afirman ter devoción a Deus” (1 Tim. 2:10, TNM). Claro, hai prendas de roupa que son apropiadas nun lugar pero quizais noutro non. Por iso, as testemuñas de Xehová de todo o mundo teñen en conta os costumes locais para non ofender a ninguén.
8 Le 1 Corintios 10:31. A roupa que poñemos para os congresos ten que ser decente e apropiada para a ocasión, sen imitar as modas extremas que son tan comúns hoxe en día. Queremos evitar que o noso aspecto sexa demasiado informal ou descoidado incluso ó chegar ó hotel e durante os momentos de ocio antes e despois do programa do congreso. Así, sentirémonos orgullosos de dicir que somos testemuñas de Xehová e tamén nos sentiremos libres de predicar se aparece unha oportunidade.
9, 10. Por que debemos ter en conta Filipenses 2:4 ó escoller a nosa roupa?
9 Le Filipenses 2:4. Por que teñen que pensar os cristiáns no efecto que provoca a súa roupa nos seus irmáns? Unha razón é que os servos de Deus se esforzan moito por poñer en práctica este consello da Biblia: “Polo tanto, dádelle morte ós membros do voso corpo que están na terra no que ten que ver coa inmoralidade sexual, a impureza, a paixón sexual descontrolada” (Col. 3:2, 5, TNM). Non queremos que ós demais lles custe facer isto pola nosa culpa. Hai irmáns que deixaron atrás unha vida inmoral e que aínda seguen loitando contra as malas inclinacións (1 Cor. 6:9, 10, TNM). Verdade que non queremos facerlles aínda máis difícil a súa loita?
10 A nosa maneira de vestir debe contribuír a que a congregación sexa un lugar que nos protexa da inmoralidade que hai no mundo, tanto cando estamos no Salón do Reino como cando estamos nunha reunión social cos irmáns. É certo que somos libres de poñer a roupa que queiramos, pero tamén somos responsables de escoller a que axude ós demais a permanecer puros e a obedecer as normas de Deus sobre a santidade na súa maneira de pensar, falar e comportarse (1 Pe. 1:15, 16). O verdadeiro amor “non é malcriado, non busca a súa comenencia” (1 Cor. 13:4, 5).
USEMOS A ROUPA ADECUADA PARA CADA MOMENTO E LUGAR
11, 12. Que debemos ter en conta cando decidimos que roupa poñer?
11 Cando tomamos decisións sobre a roupa, os servos de Deus temos en conta que “hai un tempo para todo” (Ecl. 3:1, 17). Como é normal, o clima ou a estación do ano inflúen no que poñemos. E tamén as nosas circunstancias persoais. Pero as normas de Xehová non dependen do clima ou da temperatura (Mal. 3:6).
12 Nos climas cálidos, pode ser especialmente difícil vestir de maneira decente e que demostre bo xuízo. Por iso, os irmáns e as irmás valoran que evitemos prendas de roupa moi axustadas ou tan frouxas que ensinen demasiado (Xob 31:1, TNM). E, se imos á praia ou á piscina, non esquezamos que o traxe de baño tamén debe ser modesto (Pr. 11:2, 20). Aínda que moitas persoas leven traxes de baño reveladores, os que servimos a Xehová queremos deixar en bo lugar o Deus santo que tanto amamos.
13. Por que debemos recordar 1 Corintios10:32, 33 ó escoller a nosa roupa?
13 Hai outro principio importante que nos axuda a escoller ben a roupa: ter en conta a conciencia dos demais, sexan ou non sexan os nosos irmáns (le 1 Corintios 10:32, 33). Debemos tomar en serio a nosa responsabilidade de non poñer roupa que moleste a outras persoas. Paulo escribiu: “Cada un de nós compraza ó seu próximo para o ben, con miras á edificación”. Despois engadiu esta razón: “Pois tampouco Cristo non se compraceu a si mesmo” (Rm. 15:2, 3). Para Xesús había algo máis importante que compracerse a si mesmo: axudar ós demais. Iso era fundamental para cumprir a vontade de Deus. Seguindo o seu exemplo, renunciaremos á roupa ou ás formas de vestir que nos gustan, pero que poderían impedir que nos escoiten as persoas ás que lles queremos predicar.
14. Como lles poden ensinar os pais ós seus fillos a vestir dunha maneira que dea gloria a Deus?
14 Os cristiáns que son pais teñen a responsabilidade de ensinarlle á súa familia a poñer en práctica os principios da Biblia. Por iso, esfórzanse para que toda a familia se prepare e se vista con modestia e así alegrar o corazón de Xehová (Pr. 22:6; 27:11). Mediante o seu exemplo e guía cariñosa, axudan ós seus fillos a respectar o santo Deus ó que adoran. Que bo é que os pais lles ensinen ós seus fillos onde atopar roupa adecuada! Roupa que lles guste e que lles permita ter o privilexio de representar a Xehová.
USEMOS BEN A NOSA LIBERDADE PARA ESCOLLER
15. Que cousas inflúen en como nos vestimos?
15 A Biblia dános consellos prácticos que nos poden axudar a tomar decisións que lle dean gloria a Deus. Claro, ata certo punto, a roupa que levamos depende das nosas preferencias persoais e de canto podemos gastar. Pero, sexa como sexa, sempre debe estar limpa e ser modesta, decente, adecuada para a ocasión e ben vista no lugar onde vivimos.
16. Por que vale a pena esforzarse por vestir de forma apropiada?
16 Hai que recoñecer que non sempre é fácil tomar unha decisión que mostre bo xuízo e que teña en conta tódolos factores mencionados. Fai falta tempo e esforzo para encontrar saias, vestidos e blusas que sexan decentes ou traxes e pantalóns que non sexan moi axustados. En moitas tendas só se vende o que está de moda. Pero recordemos que os irmáns verán e agradecerán o esforzo que facemos por levar roupa bonita e apropiada. Ademais, saber que lle estamos dando gloria ó noso cariñoso Pai celestial fará que calquera esforzo vala a pena.
17. Que cousas deber ter en conta un cristián ó decidir se leva barba ou non?
17 E que podemos dicir da barba? É apropiada para un cristián? A Lei mosaica esixía que os homes levasen barba. Pero hoxe en día non estamos obrigados a obedecer esa Lei (Lev. 19:27; 21:5; Gál. 3:24, 25). Nalgunhas culturas, levar unha barba ben recortada considérase aceptable e pode dar unha aparencia respectable, polo que non lle quita dignidade á mensaxe do Reino. De feito, algúns irmáns nomeados déixanse barba. Por suposto, hai outros que escollen non facelo (1 Cor. 8:9, 13; 10:32). Noutras culturas e lugares, os homes non teñen o costume de levala e, por iso, non se considera apropiada para un irmán. É máis, nestes casos, se un irmán se deixase barba, podería dar unha mala impresión e talvez non ser considerado irreprensible (Rm. 15:1-3; 1 Tim. 3:2, 7, TNM).
18, 19. Como nos axuda Miqueas 6:8 a agradarlle a Deus pola nosa maneira de vestir?
18 Canto lle agradecemos a Xehová que non nos impuxese unha lista detallada de normas sobre como vestir e prepararnos. En vez diso, el permite que usemos a nosa liberdade para tomar as nosas propias decisións, baseadas nos principios da Biblia. Desta maneira, podemos demostrar que queremos ser modestos ó andar co noso Deus, incluso ó escoller que roupa poñer (Miq. 6:8).
19 Xehová é santo e puro, e sempre nos dá os mellores consellos. Unha persoa modesta e humilde faise un autoexame sincero sobre a roupa que usa para ver se está de acordo coas normas de Xehová. Ademais, respecta a opinión e os sentimentos dos demais. Polo tanto, somos modesto ó andar con Deus, cando vivimos de acordo coas elevadas normas de Deus e temos en conta o que pensan outras persoas.
20. Que efecto debería ter a nosa roupa e aspecto persoal sobre os demais?
20 A nosa maneira de vestir debe mostrar claramente que servimos a Xehová. Tanto os nosos irmáns coma as demais persoas deberíannos ver como dignos representantes do noso xusto Deus. El ten normas elevadas, e nós esforzámonos con moita alegría por cumprilas. Felicitamos os irmáns e irmás que se preparan e comportan dunha maneira que atrae as persoas sinceras á mensaxe salvadora da Biblia e que lle dá gloria a Xehová e alegra o seu corazón. Coidemos sempre o noso aspecto. Así seguiremos dándolle gloria a aquel que se viste de “gloria e maxestade” (Sal. 104:1, 2).