Ir ó contido

Por que deberías dedicarte a Xehová?

Por que deberías dedicarte a Xehová?

Por que deberías dedicarte a Xehová?

“Esta noite presentóuseme un anxo do Deus a quen pertenzo” (FEIT. 27:23).

1. a) Que debe facer unha persoa para poder bautizarse? b) Que preguntas contestaremos a continuación?

 “ARREPENTÍCHESTE dos teus pecados, dedicácheste a Xehová e aceptaches que Xesucristo é o único medio que Deus nos deu para nos salvar?” Esta é unha das dúas preguntas que se fan ó final do discurso que vai dirixido ós candidatos ó bautismo. Agora ben, por que deben os cristiáns dedicarse a Xehová? Que beneficios obteñen ó facelo? Por que é imprescindible dar este paso para agradarlle a Deus? Para encontrar as respostas a estas preguntas temos que entender primeiro que é a dedicación.

2. Que significa dedicarse a Deus?

2 Que significa dedicarse a Deus? Algo que nos axudará a atopar a resposta é un comentario que fixo Paulo a bordo dun barco que estaba a piques de naufragar. O apóstolo chamou a Xehová “[o] Deus a quen pertenzo”. Con esas palabras mostrou que se consideraba posesión súa (le Feitos 27:22-24). A diferenza do mundo, que “está nas mans do Maligno”, tódolos cristiáns verdadeiros pertencemos a Xehová (1 Xn. 5:19). Isto é así dende o momento en que nos dedicamos a el en oración. A dedicación é un voto persoal que lle facemos e vai seguida do bautismo en auga.

3. Que simbolizou o bautismo de Xesús, e de que xeito seguen o seu exemplo os cristiáns?

3 Xesús púxonos o exemplo cando tomou a decisión persoal de facer a vontade de Deus. Como nacera en Israel, unha nación dedicada a Xehová, el xa estaba dedicado a Deus. Pero, ó bautizarse, Xesús fixo algo máis do que a Lei esixía. El dixo: “Olla que xa cheguei, meu Deus, para face-la túa vontade” (Heb. 10:7; Lc. 3:21). O bautismo de Xesús simbolizou que se presentaba a Deus para facer a Súa vontade. E os cristiáns imitan o seu exemplo ó bautizarse. Pero, no caso deles, o bautismo representa algo diferente: a demostración pública de que a persoa xa se dedicou a Deus en oración.

Os beneficios da dedicación

4. Que nos ensina acerca do compromiso a amizade de David e Ionatán?

4 A dedicación cristiá é máis ca unha promesa, é un asunto moi serio. Como nos beneficia dedicarnos a Deus? Para comprendelo mellor, imos analizar o beneficioso que é o sentido do compromiso nas relacións humanas. Un exemplo disto é a amizade. Para desfrutar do privilexio de ter un amigo, temos que aceptar a responsabilidade que implica ser amigo de alguén. É dicir, sentir o deber de preocuparse pola outra persoa. Unha das amizades máis destacadas das que se fala na Biblia é a de David e Ionatán. Ata fixeron un pacto de amizade entre eles (le 1 Samuel 17:57; 18:1, 3). Aínda que este nivel de lealdade non é fácil de encontrar, o seu exemplo ensínanos que para ter unha amizade forte é necesario ter certo sentido de compromiso e de lealdade (Pr. 17:17; 18:24).

5. Que podía facer un escravo para seguir pertencendo a un amo que fora compasivo?

5 A Lei que Deus lle deu a Israel describe outro tipo de relación na que o sentido de compromiso tamén trae beneficios. Cando un escravo quería desfrutar da seguridade que daba pertencer a un amo compasivo, podía establecer un acordo con el e renunciar á súa liberdade. A Lei dicía: “Se o servo di: Quérolle ó meu amo, á miña muller e ós meus fillos e non quero saír libre, entón o amo levarao á presencia de Deus, porao contra a porta ou contra os linteis, furaralle a orella cunha subela, e el quedará coma servo seu para sempre” (Éx. 21:5, 6).

6, 7. a) Como nos beneficia o sentido de compromiso? b) Como pode influír a dedicación na nosa relación con Xehová?

6 Outro exemplo disto é o matrimonio. Esta relación non é un simple contrato. Máis ben é un compromiso moi serio entre un home e unha muller. Dúas persoas que viven xuntas sen estar casadas non van poder desfrutar nunca de verdadeira seguridade; nin elas nin os seus fillos. Pero cando un home e unha muller están casados e respectan a Biblia, fan todo o posible por resolver con amor os problemas que xurdan (Mt. 19:5, 6; 1 Cor. 13:7, 8; Heb. 13:4).

7 En tempos bíblicos, había persoas que se beneficiaban de facer contratos comerciais e laborais (Mt. 20:1, 2, 8). E o mesmo pasa hoxe en día. Por exemplo, ó iniciar un negocio ou ó empezar a traballar para alguén, firmar un contrato protexe as partes involucradas. Polo tanto, se o sentido de compromiso mellora as nosas amizades, o noso matrimonio e as relacións laborais, dedicarnos a Xehová tamén mellorará a nosa relación con el. Vexamos agora como se beneficiaron algunhas persoas no pasado por estar dedicadas a Xehová e por que era moito máis ca un simple compromiso.

A dedicación beneficiou o pobo de Israel

8. Que significaba a dedicación para o pobo de Israel?

8 A nación de Israel dedicouse a Deus cando lle fixo un voto. Xehová reunira tódolos israelitas diante do monte Sinaí, e dixéralles: “Se agora me obedecedes e gardáde-la miña alianza, seréde-la miña propiedade escolleita entre tódolos pobos”. Entón, o pobo enteiro prometeu: “Faremos todo o que dixo o Señor” (Éx. 19:4-8). Aquela dedicación era moito máis ca un compromiso. Era o sinal de que lle pertencían a Xehová. E el, á súa vez, aseguroulles que os trataría como a súa “propiedade escolleita”.

9. De que beneficios desfrutaron os israelitas por estar dedicados a Deus?

9 Pertencer a Xehová tróuxolles moitos beneficios ós israelitas. El foilles leal e coidounos igual que un pai a seus fillos. Así mesmo llelo fixo saber cando lles dixo: “¿Esquécese unha muller do seu meniño? ¿Non se compadece do fillo das súas entrañas? Aínda que ela se esqueza, eu non me esquecerei de ti” (Is. 49:15). Xehová deulles a Lei para que tivesen unha guía, fortaleceunos enviándolles profetas e protexeunos por medio de anxos. Como dixo un salmista: “El anuncia a Xacob os seus proxectos, os seus estatutos e mandatos a Israel. Non fai así con outros pobos” (Sal. 147:19, 20; le Salmo 34:8, 20 [34:7, 19, TNM]; 48:15 [48:14, TNM]). Igual que no pasado coidou de Israel, a nación que lle pertencía, Xehová tamén coidará das persoas que se dedican a el na actualidade.

Por que debemos dedicarnos a Deus

10, 11. Por que nacemos fóra da familia universal de Xehová?

10 Hai quen pensa: “Por que teño que dedicarme e bautizarme para servir a Xehová?”. Entenderemos cal é o motivo se recordamos a condición na que nos encontramos ante Deus. Debido ó pecado de Adam, nacemos fóra da familia universal de Deus (Rm. 3:23; 5:12). E a única forma de ser aceptados nela é dedicándonos a el. Vexamos por que.

11 Ningún de nós tivo un pai capaz de transmitirnos “a verdadeira vida”, é dicir, unha vida perfecta (1 Tim. 6:19). Como a primeira parella humana pecou, tódolos seus descendentes nacemos separados do noso amoroso Pai e Creador, e polo tanto, non podemos ser considerados fillos seus (compara con Deuteronomio 32:5). Dende entón, a humanidade vive fóra da familia universal de Xehová e apartada del.

12. a) Como poden os seres humanos imperfectos chegar a formar parte da familia de Xehová? b) Que pasos hai que dar antes do bautismo?

12 Aínda así, cada un de nós pode pedirlle a Xehová que o acepte na súa familia de servos. a Pero, como podemos ter unha condición aprobada ante Deus se somos pecadores? Paulo dixo: “Cando eramos aínda inimigos, fomos reconciliados con Deus mediante a morte do seu Fillo” (Rm. 5:10). Ó bautizarnos estámoslle pedindo a Deus unha boa conciencia para que el poida aceptarnos (1 Pe. 3:21, TNM). Non obstante, antes do bautismo, é necesario que deamos algúns pasos. Primeiro temos que coñecer ben a Deus e aprender a confiar nel. Tamén temos que arrepentirnos dos nosos pecados e facer os cambios necesarios na nosa vida (Xn. 17:3; Feit. 3:19; Heb. 11:6). Pero hai algo máis que debemos facer. A que nos referimos?

13. Por que é razoable que debamos facer un voto de dedicación para ser aceptados na familia de adoradores de Deus?

13 Antes de formar parte da familia de adoradores de Xehová, hai que facerlle unha promesa solemne. Por que? Para entendelo imaxina que un bo home lle colle cariño a un neno orfo e decide adoptalo. Pero, antes de aceptalo como fillo, pídelle ó neno que lle prometa que o vai querer e respectar como pai. A única maneira de que pase a formar parte da familia é facendo esa promesa. Parece razoable, verdade? Do mesmo xeito, Xehová só acepta na súa familia a aqueles que están dispostos a facerlle un voto de dedicación a el. Así o indica a Biblia: “Ofrecédevos a el: un sacrificio vivo, dedicado e apto para a súa aceptación” (Rm. 12:1, The New English Bible).

Un acto de amor e de fe

14. En que sentido é a dedicación unha proba do noso amor?

14 A dedicación é unha proba do noso amor a Deus. En certo sentido, é moi parecida ós votos matrimoniais. O día da voda, o noivo cristián demostra que ama a súa noiva prometéndolle solemnemente que vai estar ó seu lado nos bos e nos malos momentos. Non só se está comprometendo a facer algo, estalle prometendo lealdade á persoa que ama. Ademais, sabe que non vai poder vivir coa súa noiva ata que faga ese voto. Do mesmo xeito, nós tampouco poderemos desfrutar de tódolos beneficios de ser parte da familia de Xehová se non facemos o voto de dedicación. Así que, dedicámonos a Deus porque, a pesar da nosa imperfección, desexamos pertencerlle e estamos decididos a serlle leais pase o que pase (Mt. 22:37).

15. Por que dicimos que a dedicación é un acto de fe?

15 A dedicación tamén é un acto de fe. Por que? Porque cando nos dedicamos a Deus demostramos que estamos seguros de que a súa amizade é o mellor para nós (Sal. 73:28). Sabemos que non sempre vai ser fácil andar ó seu lado, pois vivimos nun mundo cheo de “xente raposeira e atravesada”. Pero confiamos en que el nos vai axudar a aguantar, tal e como nos prometeu (Flp. 2:15; 4:13). Ademais, aínda que somos imperfectos, tamén confiamos en que Xehová nos vai perdoar cando cometamos erros (le Salmo 103:13, 14; Romanos 7:21-25). E temos fe en que recompensará os nosos esforzos por manternos íntegros (Xob 27:5).

Dedicarnos a Deus fainos felices

16, 17. Por que nos fai felices dedicarnos a Deus?

16 Dedicarnos a Deus fainos felices porque implica entregarlle a nosa vida. Xesús dixo: “É máis felicidade dar que recibir” (Feit. 20:35). El mesmo experimentou esa felicidade cando estivo na Terra. Cando era necesario, renunciaba ó descanso, a comer e á súa comodidade persoal para ensinarlles ás persoas sobre Xehová (Xn. 4:34). E nada lle daba máis satisfacción que compracer o seu Pai celestial. Por iso dixo: “Eu fago sempre o que a El lle agrada” (Xn. 8:29; Pr. 27:11).

17 Xesús ensinoulles ós seus seguidores como ser felices. El dixo: “Se alguén quere vir comigo, que renuncie a si mesmo” (Mt. 16:24). Cando facemos iso achegámonos máis a Xehová. E non hai ninguén que nos poida coidar mellor e que nos queira máis ca el!

18. Por que produce máis felicidade estar dedicado a Deus que a calquera outra persoa ou cousa?

18 Os que se dedican a Xehová e viven de acordo coa súa vontade son moito máis felices que os que deciden dedicar a súa vida a calquera outra persoa ou cousa. Por exemplo, hai persoas que dedican gran parte do seu tempo e esforzos a conseguir prosperidade material, pero non conseguen sentirse realmente satisfeitos. En cambio, os que dedican a súa vida a Xehová obteñen felicidade duradeira (Mt. 6:24). O honor de ser “xornaleiros de Deus” na súa obra fainos felices. Aínda así, non esquecen que o seu voto de dedicación non llo fixeron a esa obra, senón a Deus (1 Cor. 3:9). E Xehová agradece moito tódolos sacrificios que fan por servilo. De feito, ata lles devolverá a xuventude para que poidan vivir baixo os seus coidados para sempre (Xob 33:25; le Hebreos 6:10).

19. Que privilexio teñen os que están dedicados a Xehová?

19 Dedicar a túa vida a Xehová permitirache desfrutar dunha amizade estreita con el. A Biblia di: “Achegádevos a Deus e El achegarase a vós” (Sant. 4:8; Sal. 25:14, TNM). No seguinte artigo veremos por que podemos estar seguros de que dedicarnos a Xehová é a mellor decisión que podemos tomar.

[Nota]

a As “outras ovellas” que Xesús mencionou non chegarán a ser fillos de Deus ata que rematen os mil anos. Pero dende o momento en que se dedican a Xehová poden dirixirse a el como “Pai” e ser considerados membros da súa familia de adoradores (Xn. 10:16; Is. 64:7 [64:8, TNM]; Mt. 6:9; Ap. 20:5).

Que responderías?

• Que significa dedicarse a Deus?

• Como nos beneficia a dedicación?

• Por que deben dedicarse a Xehová os cristiáns?

[Preguntas de estudo]

[Imaxe]

Vivir en harmonía coa nosa dedicación produce felicidade duradeira.